Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
25-01-2020

VOX domina a escena política e marca os tempos políticos

A voz máis alta

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA

A voz máis alta” é o título dunha serie emitida a través de Movistar que recolle o auxe e caída de Roger Ailes, impulsor da canle Fox News do grupo mediático de Rupert Murdoch. Este persoeiro, de ideoloxía ultra-conservadora, dirixiu con man de ferro esta canle de noticias líder indiscutíbel en Estados Unidos. Controlador e manipulador, tanto no persoal como no profesional, fixo de Fox News o voceiro mediático da dereita americana durante anos, e foi o azoute de Barcak Obama e Hillary Clinton, e un dos impulsores mediáticos clave da carreira política de Donald Trump.

Outro dos aspectos que recolle esta mini-serie sobre Roger Ailes, interpretado na ficción por Russell Crowe, é o abuso sexual e de poder a que sometía a boa parte das mulleres que tiña ao seu cargo, e que puxo fin á súa exitosa carreira no mundo da televisión, logo das denuncias presentadas por algunha das presentadoras estrela da canle. O grupo Murdoch, propietario de Fox News, logo do escándalo acadado por estas denuncias, acabou por apartalo da dirección da canle cunha importante indemnización multimillonaria.

Roger Ailes puxo en marcha Fox News en 1996 nun contexto de forte competencia con outras canles de noticias. Sen embargo, este directivo tiña claro cal era o seu nicho de audiencia ao que había que dirixirse, un público de clase traballadora e conservadora, normalmente esquecido polos grupos mediáticos de aquel entón. Para trasladar a mensaxe Roger Ailes non tiña reparo en manipular e mesmo crear noticias ad hoc, que non tiñan unha base real, pero cargadas de valores relixiosos, familiares e patrioteiros. Pode dicirse que este directivo de Fox News foi o creador das “fake news”, noticias falsas, noticias creadas co claro obxectivo político de polarizar e desestabilizar a sociedade para impoñer a axenda e o discurso neoliberal e ultra-conservador. Mais esta estratexia agresiva, de berrar máis cos demais, de ser politicamente incorrecto, e mesmo de mentir descaradamente, impulsou a Fox News ao liderato absoluto das canles de noticias en Estados Unidos.

Unha estratexia semellante é que está utilizando o partido de ultradereita VOX. O partido facha de Abascal, axudado polos distintos grupos mediáticos do Estado, domina por completo a escena política, marcando os tempos e o discurso a todos os demais partidos políticos. A súa estratexia provocadora e polarizadora, agocha unha concepción reaccionaria dos dereitos e liberdades, que o está catapultando a nivel electoral.

Mais as propostas de VOX, como por exemplo a do “PIN parental”, baixo a escusa da liberdade de elección dos pais e nais á hora de educar os fillos, no fondo buscan converter o ensino público en campo de batalla político, convertelo nun foco permanente de conflito, para desprestixialo e implantar con menor resistencia o seu programa electoral, que non é outro que reducir o ensino público á mínima expresión, para, en nome da liberdade de elección, subvencionar aínda máis o ensino privado e concertado. Ese é no fondo o obxectivo final de toda a polémica arredor do “PIN parental”, que nin sequera agocha no seu programa electoral onde di claramente que apostan por “implantar o sistema de cheque escolar. Devolver aos pais unha auténtica liberdade para elixir a educación dos seus fillos, empezando pola elección do colexio.”

Fox News loitaba pola audiencia, VOX polos votos, pero ambos comparten un mesmo obxectivo: implantar a axenda política neoliberal, en connivencia cos medios de comunicacións, tanto dos que presumen ser de esquerdas como os que están á dereita. En ambos casos a estratexia agresiva de berrar máis cos demais deu e dá resultado. No caso concreto de VOX está por ver que consiga o seu obxectivo, mais a batalla política e ideolóxica contra este partido contrarréstase espindo as súas verdadeiras intencións. VOX é un partido machista, mais boa parte do seu electorado pensa que protexe ás mulleres, porque fronte a un discurso da esquerda cargado de boas intencións eles propoñen a cadea perpetua para maltratadores e violadores, unha medida que xa se demostrou inútil para combater este tipo de violencia e calquera outra, mais si aplaudida polo seu electorado e por unha sociedade victimizada bombardeada por uns medios que espremen a violencia até a náusea.

Polo tanto, non podemos reducir o combate ideolóxico contra este partido de extrema dereita a cuestións culturais e identitarias, xogando dentro do seu marco discursivo, senón espindo as súas verdadeiras intencións que pasan pola privatización dos servizos públicos esenciais (educación, sanidade, pensións...) e o retroceso nos dereitos e liberdades, e cuxa damnificada será precisamente a clase traballadora, que é de onde se nutre electoralmente este partido.