Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
18-11-2019

Castelao tiña claro que as sardiñas volverían se os políticos quixeran, intelixentemente nada atribuíu á relación cos arroaces.

Os arroaces, eses seres cada vez menos descoñecidos

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ

A posta en marcha dos estudos cetolóxicos en Galicia, dende os anos 70, achegounos á misteriosa vida destes animais mariños, mais, os estudos levados a cabo nas ultimas décadas achégannos, non só ao aumento do coñecemento sobre a especie, senón ao coñecemento da vida de cada un dos individuos que percorren as Rías.

Os arroaces

Son unha das 23 especies de cetáceos rexistradas na costa de Galicia, mais o arroaz, Tursiops truntatus, ten de especial o habitar as augas de menos de 20 m de profundidade no interior das Rías, e por tanto, os seus carreiros no mar, poden ser observados dende as nosas fiestras. Somos literalmente veciños.

Esta proximidade aos nosos núcleos de poboación costeiros foi tamén a súa desgraza, pois sobre eles proxectamos, ao longo da historia, todas as frustracións do mundo mariñeiro, a desaparición da sardiña, a rotura das redes, as malas épocas de pesca e problemas de todo tipo dos que nunca foron responsables. Castelao tiña claro que as sardiñas volverían se os políticos quixeran, intelixentemente nada atribuíu á relación cos arroaces. Así foron perseguidos e masacrados, eliminados sistematicamente, vendidos en feiras e mercados, arponeados no medio de festas populares, como a famosa corrida de arroaces de Pontevedra, exterminados por lei, como o Real Decreto do ano 1911 e foron protagonizadas múltiples matanzas, tendo constancia da última, no ano 1977 ao pé da ponte da Toxa. E a pesar de todo sobreviviron sen rancor, quizais con algo de desconfianza cara a nós, iso si.

O proxecto de investigación de fotoidentificación

A Coordinadora para o Estudos dos Mamíferos Mariños-CEMMA (http://www.cemma.org/) ven de rematar un proxecto denominado TurGaSur, foi recollido un avance do mesmo no último número da revista CERNA de ADEGA (http://adega.gal/revistacerna/artigo.php?id=1148&idioma=gl&sec=150). Durante o cal entre 2018-2019 realizaron 116,3 horas de observación ao longo de 1089,5 km de transeptos en 20 mostraxes marítimas nas áreas Rede Natura 2000 da Ría de Vigo e augas próximas, seguindo as metodoloxías de transepto lineal, co que establecen rotas prefixadas para localizar as mandas de arroaces, e de fotoidentificación, recollendo as fotografías das aletas dorsais.

As 5 áreas de Rede Natura 2000 da Ría de Vigo nas que se realizaron as mostraxes foron: Zona de Especial Conservación-ZEC Enseada de San Simón, ZEC Costa da Vela, ZEC Illas Cíes, ZEC Illas Estelas e ZEPA Espazo mariño Rías Baixas (https://mapas.xunta.es/visores/conservaciondanatureza/).

O resultado das campañas marítimas foi dun total de 54 avistamentos de arroaces, cunha media de 12,9 individuos por manda, e a obtención de 27.776 fotografías das que se individualizaron 239 aletas de diferentes exemplares.


Cabe destacar a liña de ciencia cidadá que a entidade desenvolve habitualmente mediante a participación de 118 persoas voluntarias que recibiron formación técnica específica, das que 38 participaron a bordo nos labores de mostraxe.

Identificación individual

Con esta técnica de estudo é posible identificar individualmente cada exemplar de arroaz, mediante as marcas e cicatrices que presentan na aleta dorsal e que son propias e características. Esta técnica foi xa aplicada pola CEMMA en Galicia dende o ano 2000, contando dende aquela  cun catálogo de aletas de 763 exemplares en base a máis de cen mil fotografías. De todos eles, un total de 150 son considerados os exemplares residentes máis fieis nas Rías baixas, xa que foron localizados máis de dous anos diferentes e algúns son coñecidos en Galicia dende hai 19 anos. O estudo permitiu detectar a 20 das 31 femias reprodutoras comprobando o nacemento de cachorros, de ao menos tres delas, neste pasado verán.

Unha historia particular

Só contar, a xeito de mostra, a historia do arroaz LOURI, que foi rexistrado fotograficamente por primeira vez en 2015, nas augas da Ría de Arousa. En xullo de 2018 protagonizou un episodio de varamento vivo na desembocadura do río Lérez da Ría de Pontevedra, concretamente en Lourizán, xusto ao pé da fábrica de celulosa. Un varamento por equivocación pois quedou fóra da canalización do río na baixa mar rematando varado na seca. Nese momento, púidose comprobar que se trataba dunha femia nova, que presentaba lesións corporais externas, causadas por redes e cabos, compatibles con ter sido capturada accidentalmente con anterioridade por un arte de pesca. Afortunadamente, grazas á rápida actuación dun grupo de mariscadoras que se atopaban traballando na zona, e á alerta enviada á Unidade Móbil da Rede de Varamentos de Galicia que xestiona a CEMMA, foi posible executar o operativo de rescate que rematou con éxito. As mariscadoras colocaron pacientemente unha morea de leitugas de mar sobre o lombo da arroaz construíndo un cadro surrealista que semellaba unha ensalada tropical, mais con acerto mantivérona hidratada e impediron que o sol queimara a súa pel, mentres non chegaba a axuda. Dez meses máis tarde, foi rexistrada de novo, en bo estado, nas augas da Ría de Arousa, formando parte dunha manda xunto a outros exemplares. E, posteriormente, durante a primeira quincena de agosto de 2019, foi rexistrada nas augas da Ría de Vigo durante unha das mostraxes TurGaSur. Como esta historia hai moitas.

Boas prácticas no mar

O proxecto contou ademais cun bloque de información específico para difundir un código de boas prácticas, dirixido á náutica de recreo, co obxectivo de que os navegantes teñan coñecemento de que os cetáceos son especies protexidas, e que existe unha normativa (Real Decreto 1727/2007, polo que se establecen medidas de protección de cetáceos) na que se indica que existe unha zona de permanencia restrinxida para as embarcacións situadas a 300 metros dos animais, e outra de exclusión establecida a 60 metros de distancia co fin de evitar molestias, pois ben sabemos que, sobre todo no verán, os arroaces son acosados dende que sae ata que se pon o sol. Xusto no momento máis delicado, no que as nais paren e coidan dos cachorros.

Antes de que @s homínid@s baixasemos das árbores, os arroaces xa eran practicamente como son agora. A súa evolución biolóxica e cultural pasou por varias fases, algunhas moi dificultosas, mais conseguiron sobrevivir en Galicia a causa da súa rápida capacidade de movemento. É responsabilidade nosa que estas especies ameazadas poidan seguir compartindo as Rías coas seguintes xeracións de persoas humanas. Eis o reto!.