Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
02-10-2019

Palabras indiscutibelmente nosas, son substituídas por vocábulos casteláns, sobre todo no dicionario que debería ser o mellor por proceder do organismo que fixa a norma.

Palabras no desterro

MARICA CAMPO

Aborrezo tanto como amo os dicionarios. Sendo nena, eran unha das miñas lecturas preferidas. O mesmo lía seguido, sen procurar nada concreto, que buscaba significados de palabras que oía ou coas que tropezaba nas miñas lecturas. Investigaba tamén termos que eran tabú, e máis tendo en conta a miña idade, naqueles círculos ultraconservadores, rexidos en comandita polo réxime franquista e polo clero. Despois confesaríao como un gran pecado do que me avergoñaba.

Na biblioteca da casa onde nacín había -e hai- un dicionario enciclopédico que daba moito xogo. Buscabas por exemplo ‘puta’ e non só obtiñas o significado principal e outros usos figurados, senón que aparecían ditos e coplas referidas á tal palabra. Neste caso lembro unhas rimas que recitabamos con gran rexouba entre a cativaría: Puta la madre / puta la hija / puta la manta / que las cobija. Estabamos lonxe de comprender a carga misóxina dos catro versos. O que nos interesaba era a transgresión de repetir a palabra prohibida e mesmo sentíamos a tentación de usala para botar sortes como o “pinto, pinto, gorgorinto” ou o “un dondín canalín canalete”.

Sigo facendo uso deles, mesmo para constatar a exactitude de termos que coñezo ben; porén cos de galego cinguidos a non sei que criterios castradores, teño unha difícil relación. Palabras indiscutibelmente nosas, son substituídas por vocábulos casteláns, sobre todo no dicionario que debería ser o mellor por proceder do organismo que fixa a norma. E non me refiro, por suposto, a termos que coinciden co español do mesmo xeito que coinciden outras co italiano, poño por caso, por seren irmás. Dá a sensación, ademais, de que as que están no portugués son as que corren peor sorte. Esas son enviadas ao desterro, talvez a un deserto lonxincuo, para que morran de fame e sede. Por exemplo ‘cío’ que, como saberán, refírese á época de actividade sexual dos animais, mais a RAG admite só ‘celo’. Tampouco podemos ter ciúmes, debemos conformarnos con ter celos. A búsola ten que ser ‘compás’ ou ‘agulla de marear’. Evidentemente búsola está máis cerca do portugués bússola. É como se no español suprimisen brújula porque xa teñen tamén compás co mesmo significado e claro, como na coñecida definición chistosa, “una brújula es una mujer que vuela en una escóbula”.

Resumindo: Queren restarlle moitos quilos ao corpo da que é unha lingua rica, chea de matices, para matala cunha dieta chamada dicionario e norma. Fronte a iso, coido que o mellor é non caer na trapela de que aí é onde están as palabras consagradas, as que obtiveron a absolución dos Santos Pais e Nais da cousa. Que non figure, nese sancta santorum, non implica que unha palabra non teña a lexitimidade dos que a usaron, entre outras cousas, porque a crearon. Mais sucede que o profesorado e algunhas editoriais, sobre todo nos textos destinados ao ensino, non queren saír do carril cheo de fochancas por medo a infrinxir a norma. Dese xeito, rebentan as rodas e os autos da nosa lingua vanse convertendo en chatarra das cunetas.

É moi loábel o labor que con tanto cariño desenvolveu Isidro Novo, mentres viviu,  naquela sección da Web da AELG chamada “palabras con memoria” que agora continúa viva dentro da amentada Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e tamén en Sermos Galiza, coa intención de recuperar palabras que, doutro xeito, se perderán. Aí todas e todos podemos achegar o noso gran de semente para que o eido da nosa lingua reverdeza e coñeza tempos mellores.