Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
26-08-2019

Cumpre que a sociedade galega reaccione, asuma que ten capacidade e que debe responsabilizarse se quere saír deste estado de tedio, abulia e deixarse levar.

Realismo, coherencia e iniciativa

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ

Corren tempos complicados. O escepticismo e o desánimo asolagan moitas persoas que teñen unha visión crítica da realidade. Ao mesmo tempo parece que, na política, debe primar o ilusionismo. Non se procura o entusiasmo, a iniciativa e a indicación dos problemas con claridade e das solucións que se propoñen, de forma que  dominen o debate político e a información á sociedade, e mesmo a súa mobilización. Predícase como se este fose o mellor sistema, o mellor réxime e, no caso concreto de Galiza, o mellor status do que podemos gozar como pobo. Só debemos aspirar a xestionalo. Todo parece reducirse a unha liorta de quen é máis listo e máis eficaz para facelo. Entramos así nunha infernal competición electoral sen fin, que enreda e lea sen deixar tempo nin para a reflexión nin para a acción ou a iniciativa política que interrogue e comprometa ao pobo nalgo máis que na petición do seu voto. Isto de por si xa, nas sociedades desenvolvidas e normais, non colonizadas, é unha severa limitación para se producir unha mudanza real favorábel ás maiorías sociais. No caso das sociedades ou nación dominadas, colonizadas, como a galega, é optar por vivirmos nun ilusionismo permanente, nunha adaptación acrítica a algo que, asumido así, nos leva á insignificancia e desaparición como pobo. Neste contexto, resulta natural, lóxico e comprensíbel,  que exista un desacougo, unha inquedanza e un afán por desprazar da Xunta de Galiza o Goberno do PP. Efectivamente, non só non favorece actuacións a prol dos intereses de Galiza; máis ben  cava máis fundo a nosa foxa. Neste sentido, a resignación, o quietismo, a adaptación, para alén de ilóxica e antinatural, na chamada oposición, e en particular no nacionalismo, non se poderían entender. É un obxectivo político necesario desprazar ese partido e ese presidente da Xunta. O problema está cando ese é o único obxectivo, e dáse por suposto que da súa consecución virán as mudanzas e orientacións que coloquen, polo menos, o pobo galego nunha dirección máis acorde consigo mesmo e coas súas necesidades.

Permítaseme indicar algunhas cuestións que un realismo necesario e operativo debía ter presentes para actuarmos sen nos deixar anular como forza política nacionalista nun marco tan adverso. De inicio, non enganarse respecto do que pode dar de si o marco autonómico a esta altura. No caso galego, levamos moitos anos co efecto combinado do que  só é  unha descentralización administrativa, coa privación  ademais de calquera carga política reivindicativa polos sucesivos gobernos do PP, de acordo sempre coas  severas limitacións que  o Estado, goberne quen goberne, impide superar. Logo valorar como facer cunha correlación de forzas electoral que, por moito que  se poida mellorar a favor do nacionalismo, hoxe por hoxe  terá dominancia  do españolismo de esquerdas. Atendendo a estas dúas cuestións, o nacionalismo debe condicionar o seu apoio a que haxa unha aposta por, como mínimo, modificar o estatuto de autonomía, de forma que se produza un debate de alcance na sociedade galega que sirva para sacala do seu estado anémico en relación consigo mesma. Nunha palabra, que obrigue a cavilar sobre o que nos está pasando e as súas causas, e que sirva para comprender  por que necesitamos soberanía. Non falamos dun debate fechado nas catro paredes do Parlamento, senón aberto e incisivo para fóra ( e aquí o nacionalismo terá algo máis que a súa relevancia electoral). E por moito que a algúns lles pareza superfluo, definir Galiza como nación, por máis que poda quedar nunha definición sen consecuencias de momento nun estatuto de autonomía reformado. Non teñamos unha ilusión ilusa a este respecto, pero non deixemos de dar o debate co argumento de que gobernar o que hai vale e dá de si, pero intentar saír das limitacións que nos abafan, non.

Das urxencias e necesidades vitais, para alén de subliñar e garantir que o galego vai ser tratado como lingua preferente dos servizos públicos en xeral, e do ensino en particular, habería que centrarse en mudanzas radicais da CRTVG, da política forestal e agraria, da enerxética e de todo o relativo ao financiamento da Xunta e dos concellos, abrindo ademais o camiño para cubrir  a necesidade dunha banca pública...E tomarse moi a serio que Galiza non pode padecer tanta ignorancia e desleixo sobre si mesma, a súa historia, os seus símbolos...E si hai un Parlamento, por máis que sexa de cartón, facer que funcione, polo menos polo seu regulamento, como un verdadeiro foro de liberdade, debate e propostas  que axuden a o pobo galego ser consciente do que lle pasa,  as responsabilidades de cada quen e a onde necesitamos encamiñarnos.  Cumpre  que a sociedade galega reaccione, asuma que ten capacidade e que debe responsabilizarse se quere saír deste estado de tedio, abulia e deixarse levar. Após o devandito e póndoo como condición, o nacionalismo poderá optar polo que considere máis correcto, conforme a unha valoración da conxuntura, e  para os seus intereses e obxectivos estratéxicos: apoiar a investidura dun novo presidente, participar no novo goberno ou permanecer á marxe desas alternativas, de non significar a continuidade do que hai.  Nunha palabra, o importante é ter iniciativa, formulala e que sexa irrenunciábel en boa maneira,  e non limitarse a negociala a escuras ou sen provocar certa convulsión e interese na sociedade, e moito menos que se limite a ser pretexto para acomodarse a un reparto de consellarías. Non están os tempos para iso, a non ser que se queira provocar unha desafección de secuelas imprevisíbeis na propia base social, ou anulala na súa potencialidade.

E, por fin, fagamos algunhas reflexións españolísimas. Ultimamente, non só o PP, Cidadáns e Vox, tamén o PSOE, están nunha carreira por ver quen defende mellor España. Nunha simplificación demagóxica e para parvos, todo o que non sexa iso é facer política partidista, din: na realidade defender España  consiste en meter medo aos discrepantes coa súa idea de España e negar que existen varios pobos ou nacións no Estado. A forma máis escura e oligárquica de facer política agóchase no seu españolismo.  Unha das primeiras consecuencias desta propaganda é negar a lexitimidade do pluralismo político real existente no Estado español, que é o nacionalismo nas súas diversas manifestacións. Así esta ideoloxía  acaba por considerarse na práctica anticonstitucional, en paralelo coa sacralización da Constitución, un dogma infalíbel e intocábel.

Pero claro tócalle unha parte tamén á esquerda española que se di rupturista. Doutra forma, menos agresiva, pero discriminatoria tamén. As dificultades para que Pedro Sánchez sexa investido Presidente non derivan de que non poda contar con aliados potenciais para lograr a maioría parlamentaria necesaria. Non,  derivan de que, en nome da responsabilidade con  España, pretende gobernar só con 122 deputados detrás, grazas a que os demais obedezan como marionetas. E por se fose pouco, desbota unha coaligazón gobernativa coa outra dita esquerda española co pretexto de non se lle poder entregar unha parte da gobernabilidade do Estado tendo en conta a súa falta de preparación e madurez. Quérese dicir que non soportan (naturalmente algúns dos que de verdade mandan)  nin a mínima discrepancia por pequena que sexa en temas cruciais, que unha forza rupturista, se non quere desaparecer, debe enunciar de cando en vez. Por exemplo, habería que pensar en dar un indulto, após a condena previsíbel dos políticos cataláns presos. Habería que valorar se debemos reformar algún aspecto da Constitución....

Nin iso queren escoitar. Perante a sospeita, mellor non abrir a porta...Claro está que o mellor foi a revelación sen paliativos nin enganos que, co gallo deste debate e desavinza, fixo o PSOE (o previsíbel substituto nuclear do PP na Xunta,  de haber mudanza, de non mudaren moito as cousas en nove meses), por distintas bocas autorizadas. Perante o argumento de como chegaban a acordos en moitas autonomías para gobernalas, e non podía habelo para gobernara España....Resposta: (sorriso de suficiencia) "Mire vosté,  unha comunidade autónoma ou un concello non é o Estado, nin ten os seus poderes nin as súas responsabilidades nin a súa importancia, nin os temas delicados que hai que tratar e resolver...".  España, o único importante;  as comunidades autónomas, unha ficción política, que non pode expresar nada politicamente relevante. Máis claro imposíbel.