Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
19-06-2010

A independencia trouxo o desleixo das novas repúblicas cara a unha España en permanente crise

Estado español-Latinoamérica: o fracaso da metrópole

XURXO MARTIZ CRESPO

Contentor nunha rúa de Madrid


Aseguraba Guillermo Cabrera Infante en Mea Cuba que se algo distancia a latinoamericanos de españois é o idioma. Esta afirmación, que pode parecer provocadora, non o é tanto se a vemos desde o punto de vista dos latinoamericanos, xa que a lingua é unha forma de entender a vida.

As ideas de liberdade en Latinoamérica chegaron da revolución francesa pasando pola revolución estadounidense de independencia. Mentres España fundaba seminarios e universidades para estudar retórica, gramática, teoloxía e dereito en América, as clases altas das colonias latinoamericanas marchaban a Francia, Italia e Inglaterra a recibir educación política.

A independencia trouxo o desleixo das novas repúblicas cara a unha España en permanente crise. As ideas independentistas reforzáronse en Martí durante o seu primeiro desterro en España desde Cuba, cando se decatou de que a metrópole vivía aínda peor que a colonia e que La Habana era unha cidade máis cosmopolita que o Madrid de finais do século XIX. O lugar que nunca ocupou o Estado español na industria, nas artes e letras e na formación dos latinoamericanos no estranxeiro tomárono Estados Unidos, Alemaña, Francia e a Gran Bretaña.

O cumio UE-Centroamérica, baixo a presidencia española da UE, resume moi ben a pouca importancia do Estado español en Latinoamérica. Apenas puideron asinar un acordo comercial de mínimos con Centroamérica e cos dous únicos gobernos vasalos, Colombia e Perú, da UE e Estados Unidos. A ALBA e o Mercosur, cada día máis fortes, son asemade cada día máis distantes dos sucesivos gobernos españois, da súa economía e das súas universidades.

A diplomacia latinoamericana e as economías emerxentes do Brasil e México, que xa arrebataron ao Estado español o seu lugar entre as maiores economías do mundo, son unha mostra máis do descoñecemento e desleixo que cara a Latinoamérica hai no Estado español, carente de estudos superiores ou especialistas no continente, a diferenza de EUA, Alemaña, Francia ou a Gran Bretaña que, durante séculos, se encargaron de estudar e formar as elites políticas e culturais latinoamericanas e que monopolizan o comercio e o intercambio cultural coas elites empresariais, comerciais e intelectuais latinoamericanas desde hai máis dun século.