Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
09-04-2019

Unha democracia non pode sustentarse no potencial económico dos partidos, senón nas súas ideas.

Campañas de feira

LOIS DIÉGUEZ

Sería difícil pensar hai uns anos que a involución radical desta España de bandeira imperial e alongada peineta ía chegar a este grao de teatro negro ou feira macabra onde os partidos españolistas xogan a ver quen berra máis e quen di as cousas máis extremas para mudar este xa de por si esgotado Estado da monarquía noutro máis represor aínda. Érgueste da cama e xa están os tres vociferando e insultado en todos os sacrosantos medios de comunicación. Non vos acordades da educación dos que xa somos vellos, machos por aclamación, na que esta rampante categoría se medía xa nos xogos infantís coa petrina desabotoada e a medición do órgao cunha palla para comprobar a súa estimábel magnitude? Pois estes longos, asfixiantes e insufribeis meses parecen alimentar esa desagradábel metáfora. Todos e todas queren a cousa propia (ideoloxía e práctica da mesma) o máis negra e longa posíbel, pois a España Una y no cincuentayuna ha volver atrás parecendo que vai para adiante.  

Eses tres innomeábeis de lanza e cabalo negro, en lembranza do noso amado Federico, campan cada día avivando esa España das nostalxias e do fanatismo, de idioma único e pensar rubricado pola Igrexa rediviva e polo imperialista maior do mundo, o pato Donald (o mundo interferido arreo por un parrulo, nada menos), e como non, desa monarquía exemplo de incompetencia e gasto distinguido, e sobre todo, de trasnoitada vixencia imposta hai 40 anos. Eses tres que son un, pois a orixe é unívoca, preparados na escola tan democrática das fundacións de Aznar ou Aguirre ( a Fundación Franco e todo o seu legado de sangue defendido por eles aínda), con salarios escandalosos que nos quitan dos petos aos pagáns de toda a vida, mesmo para as vodas das súas fillas; magos que poden facer desaparecer da sede de Alí Babá os discos duros demostrativos das súas encomiábeis accións. E os xuíces de la dulce España como se non pasase nada.  

Cantos cartos leva roubado a casa matriz deste trío? Condenados moitos dos xerifaltes do PP, ou no cárcere, por corrupción, da que se dan cifras en diversos medios que sobrepasan os 122.000 millóns de € (unha esmoliña de nada, vaia). Tres que son un e andan desmelenados cada día na guerra de insultar os demais e meternos na cabeza unha España que na realidade queren enfrontada e servil, relixiosa e represiva, de único e imperante idioma, con Catalunya, ou Galiza ou Euzkadi rexionalizadas e dependentes, é dicir, baixo o xugo e as frechas e servizo públicos como a sanidade e a educación vendidos aos amigos. Flipo cada día vendo como poden dispoñer de todo tipo de medios, mesmo de avións, a niveis de xigantescos ricachóns do mundo. Pero quen os  paga? É democrático que os 4 partidos españolistas de sempre poidan acaparar os medios de comunicación máis poderosos e os outros apenas aparezan? A democracia é que saia sempre o que máis cartos ten aínda que estes sexan roubados? Unha democracia non pode sustentarse no potencial económico dos partidos, senón nas súas ideas. E os medios de comunicación tiñan que someterse a criterios igualitarios de presenza polo menos durante as campañas electorais. Por que lle teñen medo a esta fórmula?  

Anda Freixó estes días repetindo o programa que para a recentralización do Estado con acuse de recibo ten o seu xefe madrileño (innombrábel número 1). Pero el é un adiantado, pois xa o levou á práctica nestes fatídicos dez anos de desfeita socioeconómica e identitaria. Prohición do galego e castigo a quen non cumpra a súa lexislación linguicida; expropoiación da RTVG para el e o PP (aqui só falo eu e ao carallo que para iso gañei as eleccións); ese número atroz de mozos e mozas que andan polo mundo de turismo (preséntanolo así, o tío, e cuns datos...), tantas familias empobrecidas até o desespero; tantos parados que son menos que en España, así que todo güai; que non hai que pedir a Madrid as competencias que nos corresponden, pois vivimos mellor así e non andamos amolando os meus amigos (cero traspaso de competencias desde que goberna). Mais agora que non goberna o seu partido en Madrid, fíxose da noite para a mañá máis reivindicador que Ana Pontón fronte ao goberno de Madrid (e levaba nada menos que dez anos máis caladiño que unha teipa). Ponnos colorados-as e avergóñanos como presidente, cando di cousas como que a Valedora do pobo "non asinou"o nomeamento dunha protexida do PP para xefa de servizo, despois do pronunciamento do Tribunal Supremo e da permanencia no posto dela; ou que lle desexa sorte a outro amigo do PP detido por trata de mulleres e prostitución, por contar só as últimas declaracións demostrativas de que a dignidade tena gardada nunha oficina de Madrid. E é unha vergoña que un home destas características represente un país.  
 
Gustaríame falar unha miga tamén desa esquerda españolista que airea bastantes puntos en común cos aquí mencionados a respecto dos dereitos democráticos e liberdade das nacións, como ben segue laretando un tal Cayó Lara hai uns días. E tamén desa esquerda nacionalista que iniciou outra parte da súa historia en Amio no 2012 e da súa constante vocación esfareladora ou da entelequia do unionismo na que se meteu. Pero isto, hoxe, non dá para máis, así que o analizarei na próxima entrega. E do BNG que pese a este panorama segue fiel e coherente cuns principios e accións irrenunciábeis nesta feira desproporcionada e mediocre montada polos ultras da España negra e os medios de comunicación que os apoian. É, para min, a esperanza, sobre todo pola súa seriedade, compromiso e accións sempre xenerosas e nunca mediatizadas por intereses subxectivos ou de clan. E pola súa fiabilidade, pois co BNG si temos asegurado unha defensa firme dos nosos dereitos e reivindicacións no parlamento do Estado sen interferencias ou dependencias doutros partidos ou poderes económicos. Posibelmente, nesta próxima lexislatura, un deputado ou deputada do BNG teña máis poder de decisión que un partido con 30, por poñer unha cifra, dado que as maiorías absolutas xa non se dan. E calquera galego ou galega, se fora consciente disto, botaría contas da repercusión que tería no seu peto e na súa identidade. Pois, sendo así, non cabe máis que andar, correr, falar, debater e... e VOTAR. Que as conciencias nos sexan propicias para frear esta agonía pactada de Galiza.