Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
22-03-2019

Eu sei que hai cristiáns galegos que senten a chamada do seu pobo e son coherentes coa lingua da Terra.

O galego e a Igrexa

CÉSAR VARELA GARCÍA

Eu sei que hai cristiáns galegos que senten a chamada do seu pobo e son coherentes coa lingua da Terra.

IGREXA GALEGA, IMITA A XESÚS, FALA GALEGO !

Hai uns días asistín nunha parroquia galega do rural aos oficios de defuntos pola ancián nai dun meu amigo.

O oficio relixioso foi todo en castelán, sobre o corpo dunha muller que non falou na súa vida máis que o galego.

Pensar na muller, que coñeciamos moi ben, e escoitar ao oficiante lanzando aquela salmodia nunha estraña lingua erguía en nós un proído de fondo desacougo.

Era un acto totalmente contrario á estética: do intre, da memoria da finada e do contexto dos asistentes, penso que todos galego-falantes.

Un acto contrario á estética, e por tanto á ética e ao respecto que a Igrexa debería ter polo noso pobo e pola nosa lingua.

Temos escoitado de moitos ex-seminaristas a persecución da que eran obxecto por falar a lingua do País.

Ao que falaba galego  colocábanlle un anel que debía pasar a outro se o atopaba falando galego, criando así unha sinistra corrente de autorrepresión entre o estudantado do Seminario, case todo galego-falante.

Contábanme, que no Seminario de Ourense chegoulle a un pai dun seminarista entre os gastos do seu fillo un apartado que era una certa cantidade de pesetas que tiña que pagar en concepto de,  gallego; era a multa debida ao terríbel delito de ser atopado seu fillo, nada menos que,… falando GALEGO.

A unha autoridade eclesiástica de hoxe, oínlle comentar a veracidade distes feitos; Queríannos converter en señoritos! dicía el. Pero ao chegar ao poder institucional aqueles represaliados rapaciños da aldea asumiron, sen remorso de conciencia, o papel de represores para o que  foron eficientemente formados.

Como contrasta a actitude da Igrexa na Galiza (que non Igrexa galega) coa consideración aos seus idiomas das Igrexas vascas ou catalás, amén de estar ao pé das reivindicacións nacionais dos seus pobos!

A cousa xa vén de lonxe, a colonización sobre Galiza foi das primeiras.

Ollade o que o P. Sarmiento comenta no ano 1745:

“El Reino de Galicia, según el último cálculo, tiene el doble de almas de comunión que todo el principado de Cataluña. Este tiene 413 mil almas y Galicia 848 mil.”

O dado é estarrecedor: nesa data a poboación da Galiza era máis do DUPLO que a de Cataluña; hoxe debemos ser a terceira parte!

Segue, o noso beneditino espantado de como Galiza está inzada de cregos casteláns que non entende as confesións en galego, e manifesta a súa admiración polos catalás que, xa daquela, non consentían que viñese ningún confesor de España que non soubese o catalán.

Eu, diríalle á Igrexa en Galiza, que:

Cristo, con ser Deus, podía ter dado a súa mensaxe en LATIN, a lingua do imperio do seu tempo; e, NON o fixo!

Podía ter falado GREGO, a lingua da sabedoría daquel tempo; pois, NON o fixo!

Aínda podía ter falado HEBREU, idioma usado pola casta sacerdotal daqueles tempos; tamén, NON o fixo!

Foi quen de dar a súa ensinanza en ARAMEU, a lingua dos humildes carpinteiros de Nazaret.

IGREXA GALEGA, IMITA A XESÚS, FALA GALEGO!

Eu sei que hai cristiáns galegos que senten a chamada do seu pobo e son coherentes coa lingua da Terra.

A eles me dirixo para proporlle una estratexia que poida ser beneficiosa para consolidar una liturxia en galego en todo o País.

Dado que das autoridades eclesiásticas galegas non hai moito que esperar, seica non sería mellor presentarlle a cuestión directamente ao Papa Francisco?

Do mesmo xeito que nos casos de pederastia os bispos tapaban, ou ignoraban adrede, os casos que se lle presentaban, tivo que ser o Papa directamente o que dise a orden de actuación e destapar e por en mans da xustiza aos culpábeis.

Se cadra, o Papa, que procede de contextos coloniais, pode ter mais sensibilidade para o caso da nosa lingua que os seus representantes na nosa Terra.

Se el, dise a orden de normalizar a lingua galega na liturxia, estes “lacaios", se cadra, “empurrando coa barriga”, (como se di no Brasil) terían que obedecer.