Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
19-03-2019

Pasamos dunha etapa de indefensión a unha etapa de exclusión programada, de agresión consciente e premeditada, de españolización reforzada por millenta mecanismos de absorción e de asimilación.

O “divorcio” entre lingua e literatura

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO

1. A diferenza doutras artes que manexan materiais inertes, que só cobran significado cando a cabeza e a man artífices os traballan, a literatura opera cun material previamente dotado de significado, que é a lingua. O ponto de partida, pois, nunca é neutral ou inocente, xa que o significante do signo literario vai ser o conxunto de signos lingüísticos dun idioma dado. O carácter “social” desta arte non deriva de nengunha propositada vontade autorial senón da orixe do material con que se traballa artisticamente: non hai “inocencia” posíbel, pois a escritora ou o escritor parten dun material “usado” por unha sociedade dada, nunca propriedade robinsónica, nunca individual. Ben é certo que a arte literaria, como metalingua, sempre constrúe unha outra realidade, un outro plano de significacións, un outro produto diferente da lingua común ou vulgar, mais non é menos certo que toda literatura se ancora nun uso peculiar da lingua, a constituír unha forma específica de comunicación, de expresión e de estética.

Todo isto son vulgaridades ben coñecidas. Mais non sobrará lembrármolas cando se trata de falarmos de lingua galega e de literatura galega. No caso de ambas, é visíbel unha sobredeterminación, que vén  dada pola anormalidade que as dúas padecen. A literatura constitúese nunha illa monolingüe nun mar de diglosia e de exclusión social e pública da lingua; non existe en absoluto un continuum entre uso xeral da lingua e obra literaria; a lingua carece dun aparello político-institucional que garanta a súa utilización e a súa expansión; non existen mecanismos-dispositivos de emulación que conviden ao uso crecente da lingua fóra dos seus ámbitos tradicionais; o peso da globalización que privilexia o uso da lingua oficial do Estado, o español, coa inestimábel axuda do inglés como lingua dominante do imperio, constrinxe aínda máis as posibilidades de recepción nacional dunha lingua e dunha literatura como as galegas.

2. Nunha fugaz ollada ao pasado literario galego, énos posíbel enxergar unha verdade axiomática. Ela é: uso do galego = aprecio e coñecemento do país, da súa realidade empírica, das súas tradicións, da súa morfoloxía física, da súa cultura, dos seus signos principais de especificidade nacional. Naturalmente, desde perspectivas ideolóxicas ou teleolóxicas ben diferenciadas. Esta definición abranxe todos os clásicos galegos contemporáneos, desde o comezo do XIX até, polo menos, toda a primeira metade do século XX. A situación, porén, mudou nas últimas décadas, nomeadamente desde a instauración do rexime político español actual, a concesión da chamada autonomía, o ingreso do Estado español na Comunidade Económica Europea e na OTAN e o reforzo da coloniaxe norteamericana en bens de consumo, produtos mediáticos, oferta cultural e, dentro deste entramado, a propria literatura. Hoxe, uso literario do galego non equivale en absoluto a coñecemento do país, do seu pasado literario, dos clásicos que o habitaron, da evolución particular da literatura galega contemporánea, das virtudes e das limitacións desta arte, da función que a cultura galega pode cumprir verbo do futuro da nación no seu conxunto. Pode existir un uso literario-publicístico do idioma que non espelle nengunha destas variábeis.

3. En tal situación, fanse visíbeis dúas operacións compensatorias. Dunha banda, a sublimadora; doutra, a acomodación ao statu quo permitido. Ambas son estratexias de acomodación, non de ruptura. A primeira fabrica e distribúe sintagmas como o repetido do “sistema literario”, ignorando que todo sistema, por definición, ha de funcionar cunha coherente rede de relacións e correspondencias que para nada caracterizan a produción, distribución e recepción da literatura galega actual. A segunda acomódase ao rexime autonómico que, mal que ben, permite a existencia dun limitado depósito de producións, nunha concepción da cultura masoquista, isto é, compracida na súa subordinación ou complementariedade da cultura española ou anglosaxona, onde o progreso de leitoras e leitores se substitúe por celebracións, efemérides, premios, concursos, dotacións económicas de consolación, exhibición de autores e pagamento das institucións ad hoc que garantan e lexitimen a reprodución deste proceder . A hipertrofia do individualismo, o cultivo do ego, a hipérbole (hai toda unha pluralidade de voces “singulares”, oxímoro puro!), a invención do xa inventado, a endogamia, o estabelecemento de recintos presididos por un tácito mais non por iso menos eficaz “Reservado o dereito de admisión”..., todo isto está servido e en acelerada marcha.

4. Onde ficou a materia prima da literatura? Por onde transita a lingua? O descenso de falantes iniciais está máis que constatado; a inoperancia xeral das aulas de lingua galega aos efeitos normalizadores, máis que probada; a imposición dun ensino desgaleguizador, aliada a unha perda de instrución e de prestixio das Humanidades en xeral e da literatura en particular, máis que visíbel;  a imposibilidade fáctica de viver en galego, máis que documentada. Pasamos dunha etapa de indefensión a unha etapa de exclusión programada, de agresión consciente e premeditada, de españolización reforzada por millenta mecanismos de absorción e de asimilación. Todo isto non é consecuencia da entrada en escena dun totalitarismo ditatorial que exacerba ad nauseam o españolismo tradicional, de dereitas ou de esquerdas. Todo isto está escrito na Constitución española vixente e é un dos seus fillos bravos: o dereito voluntario e opcional ao uso do galego está supeditado ao deber universal de coñecemento e uso do español como lingua oficial do Estado.

5. Na situación actual, é abismal a diferenza entre uso pautado e permitido do galego e uso pragmático e capilar do mesmo. Observade calquer índice: idioma das esquelas necrolóxicas na  prensa diaria; rotulacións comerciais; historiais médicos; uso xudicial; uso eclesiástico; informacións deportivas... Reparade en como acabo de enunciar ámbitos e ocasións de uso de obrigada utilización nalgún momento da vida por practicamente todos os utentes, por todos os falantes. As excepcións marcan xustamente, na súa minoría exigua, os limites que se conceden ao galego, as fronteiras que nunca debe sobardar na lóxica dominante. O sistema español  -este si, sistema con todas as letras!- nen sequer permite  -por citarmos un caso ben recente-  a utilización normal do galego aprobada por unanimidade de todos os grupos políticos nun concello como o de Lugo a través da ordenanza municipal correspondente.

6. Cal é, pois, a función da literatura nun tal panorama sociopolítico e sociolingüístico? Coido que é dilemática: amurallar a illa ou saír dela e “contaminarse” do mundo exterior. A primeira solución oferece, sen dúbida, zonas de confort, non exentas de competición: hai, desde logo, máis apetentes para habitala do que prazas e retribución. A segunda, no meu xuízo, significaría unha volta ao máis valioso e valente do pasado literario galego contemporáneo: un acto de amor, respeito e defensa da orixe da literatura galega, a lingua en que está construída e, con ela, o inventario de todas as súas necesidades e aspiracións. Na intelixencia de que o problema, claro está, non é moral senón radicalmente cívico, político en todos os seus termos, social nas súas consecuencias, vinculado a unha certa idea da existencia dun ente chamado povo galego, sociedade galega, asociado a un desexo de futuro digno para ela. En definitiva, o dilema, máis unha vez, está servido: galegos e galegas a tempo parcial ou a tempo completo; galegos e galegas conscientes de sérmolo ou dispostos a que a retórica oculte ou edulcore as carencias que temos. O uso xeral da lingua de noso é un dereito humano básico, anterior e superior a calquer cultivo permitido. Este, o cultivo, ha de se definir como reforzo daquel dereito ou como acompañante do seu incumprimento. Esta é a partida que xoga hoxe, penso, a literatura galega: “casar” ambas, lingua e literatura ou divorciar esta de aquela. Eis a cuestión.