Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
12-06-2010

O 13 de decembro de 1946 unha ducia de guerrilleiros de Ferrol, Ortegal e A Mariña abandonaron Galiza en barco rumbo do exilio francés

A evasión guerrilleira no “Santa Teresa”

CIBRAO PONTE MOSQUEIRA

Foto inédita dos guerrilleiros descansando en Baiona (1946)


O mar era para Antonio Paleo un medio de vida, pero converteuse nun camiño cara a liberdade, nunha vía de escape para el e un grupo de guerrilleiros vencellados ao Partido Comunista que operaban no norte de Lugo e na comarca de Ferrol. A azarosa escapada a Francia comezou na madrugada do 12 ao 13 de decembro de 1946 na praia de A Abrela, no concello lugués de O Vicedo. Os fuxidos embarcaron a bordo do "Santa Teresa" para iniciar unha travesía que rematou no porto francés de Baiona unha semana despois.

Antonio Paleo Saavedra morreu hai seis anos na poboación francesa de Hericourt, preto da fronteira suíza. Durante o seu exilio militou no PCF e seguiu sendo un comunista convencido, "un dos últimos mohicanos", dicía con ironía, aínda que algún estudioso o inclúa erradamente nun libro sobre os anarquistas galegos. Coincidindo co seu pasamento celebrouse un multitudinario acto na súa lembranza nesa localidade gala, tal como reflectiu a prensa local, xa que era moi coñecido na zona pola súa entrega e solidariedade.

Trala victoria aliada de 1945, chegou a gran decepción. En vez de provocar a caída do réxime franquista, que era a encarnación do fascismo, serviu para consolidalo. Este feito produciu "desalento e frustración", segundo deixou escrito Antonio Paleo. Nesas condicións, a loita armada volveuse "contraproducente. As xentes, sen perspectivas inmediatas, xa non nos apoiaban como antes". Desa estratexia de repregue naceu o plan de evacuación a Francia, que se forxou nunha reunión celebrada na parroquia de Castelo, no concello de Cervo. Antes houbera outra tentativa de fuxida, "no vapor de Pepe o Asturiano, que non se levou a cabo ante a oposición da dirección provincial do Partido en Lugo", comentou Paleo.

Este comunista de San Cibrao recorreu a un parente, o patrón de cabotaxe Cipriano Ponte Rodríguez, con quen se embarcou en varias ocasións mentres estivo fuxido, para encargase da organización da escapada. A idea era comprar unha embarcación e pedir permiso na Axudantía de Viveiro para reparala en Zumaia. O "Santa Teresa", de 16 toneladas de rexistro bruto, era propiedade dos veciños de San Cibrao Pepe de Pillado e Laureano Pérez, que o venderon por 60.000 pesetas. En canto deixaran aos guerrilleiros en Francia, os tres mariñeiros que ían a bordo, volverían co barco para A Mariña luguesa. A expedición pensaba entrar en Baiona de noite para deixar á xente esquivando a vixilancia da xendarmería francesa.

Un dos problemas era contar coa financiación necesaria para mercar a embarcación, para o que lles esixiron diñeiro a xente adiñeirada de dereitas, "pero sen tratar cos máis vencellados aos criminais, pois non queríamos facer ruído", di Paleo.

Aquela madrugada do 13 de decembro, Antonio Paleo Saavedra xa se atopaba a bordo da lancha cando esta chegou á praia de A Abrela para embarcar ao continxente de guerrilleiros. Con el ían Victoriano Mosquera, como maquinista, e o mariñeiro de Celeiro José Soto, coñecido como Pepe dos Osos e Laureano Pérez, copropietario do barco.

Os guerrilleiros pertencentes ao chamado grupo de Viveiro eran Eusebio González Pedreira, Ramón Chaves, Vicente Lage "O Chicharro", José Antonio Franco "O Manchego" ou "O Caudillo", Domingo Villar Torres, Ramón Vizoso, e os cataláns Evaristo Candelas "O Evaristo" e Antonio Molíns "O Noi". Eran mariñeiros que desertaron do buque de guerra "Almirante Cervera" en Ferrol e despois dun tempo en Asturias incorporáronse ao grupo do guerrilleiro cenetista José Neira Fernández, que operaba nas comarcas de Viveiro e Ortegal, que morreu en estrañas circunstancias e foi substituído polo comunista asturiano Marcelino Rodríguez Fernández (Marrofer). Os outros sete tripulantes, do chamado grupo de Ferrol, eran Evaristo Eive Vilar, Amador Barcia Fernández "Xicos", Antonio Vilar y Eugenio Vilar Pereira, Manuel Piñeiro, Manuel Vilar Pazos e Manuel Rodríguez Pérez "Galán".

Tan só uns poucos homes do antigo grupo de Neira, entre eles o ourolense Xosé Temblás, líder da Terceira Agrupación Guerrilleira e responsable do PCE lugués ata a súa morte en outubro de 1949, ou o ferrolán Leonardo Gómez Pérez "O Trancas".


Foto inédita dos fuxidos nun local do Partido Comunista Francés nos Alpes (1953)


O "Santa Teresa" sufriu unha avaría na caldeira, que queimaba mal o carbón, cando navegaba á altura de Xixón e tivo que entrar naquel porto cos fuxidos agochados na adega. Antonio Paleo, que fixera o servizo militar na cidade asturiana e tamén a coñecía como mariñeiro, falou cun coñecido da coia do peirao que tamén era comunista, Xesús o Vasco, que se encargou de buscar a un especialista que reparou a avaría.

O mal tempo, con vento do noroeste de proa e un carbón de pésima calidade, retrasou a chegada do barco ata as cercanías do porto francés ata as nove da mañá do 20 de decembro. "Pensei que chegara a nosa hora. Os camaradas, que non eran navegantes da mercante, salvo o maquininista Victoriano Mosquera, descoñecían o perigo que supoñía entrar no porto en marea baixa e cunha corrente contraria dunha velocidade de cinco nós, aproximadamente os que andaba o barco, ao que se sumaba o temporal que estaba levantándose", deixou escrito Antonio Paleo. Unha lancha rápida da xendarmería veu no auxilio do "Santa Teresa" e librou á súa tripulación dun naufraxio e unha morte case segura, "pois dúas horas máis tarde a tempestade xa nos tería devorado", comenta Antonio Paleo.

Ese foi o fin da odisea destes fuxidos, que foron marxinados polo PCE, aínda que foi en 1947 cando os seus dirixentes tamén pensaron o abandono da loita armada, que no se concretou ata a década dos 50. Polo menos tres integranes do grupo de Viveiro -Eusebio González Pedreira, Domingo Villar e Antonio Paleo- incorporáronse ao Partido Comunista Francés. Outro, José Antonio Franco González "O Caudillo" morreu aos poucos meses nun hospital francés, a causa dunha tuberculose despois de dez anos no monte. Nunca chegou a coñecer ao seu terceiro fillo.