Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
25-03-2018

O obxectivo do sistema: invisibilizar a loita feminista e a determinadas organizacións que a sustentan

Marzo, mes de celebración e morte

MARTA DACOSTA ALONSO


Sabiamos desde hai semanas que deramos un paso substancial na loita feminista. A nosa ousadía ao convocar unha folga o día 8 de marzo, provocou tal cantidade de información e desinformación, que se puxo de manifesto que xa estabamos a avanzar e que acertáramos na decisión adoptada.

O 4 de marzo demostrou que, efectivamente, ese era o camiño. Galegas e galegos tomamos as rúas de Vigo, anunciando o colapso que se volvería producir o día 8. A mobilización foi de tal magnitude que houbo quen estivo lixeiro en apropiarse do éxito e non dubidou en asimilalo falando de ensaio da mobilización estatal, incapaz de aceptar que haxa unha nación que pode darlle leccións de mobilizacións ao resto da Península, até tal punto o centralismo é unha enfermidade que produce cegueira en quen a padece (cómpre dicir aquí que Galiza ten sido exemplar en moitas mobilizacións desde hai varios anos, mais é algo que non transcende a todos os medios, porque Galiza, xa sabedes, non está no centro e recoñecer a capacidade de mobilización de galegas e galegos significa recoñecer a capacidade de mobilización do nacionalismo).

Así que o día 8 comezou cambiar o discurso dos que procuraron durante semanas desinformar, negar e desprezar a nosa capacidade de mobilización. Presidentes houbo que a piques estiveron de declararse feministas.

Todas estas cínicas torpezas o que nos permiten é comprobar a importancia da mobilización realizada.

O día 9 Marcela Lagarde dicía que comezara o século das mulleres: “ver… familias de até tres xeracións baixo a mesma pancarta e as mesmas esixencias é un triunfo do movemento que marca un punto de inflexión”, e engadía: “O feminismo xa non é unha cuestión de tres ou catro, senón que conseguimos que se converta nun movemento global, o que o fai absolutamente imparábel… a partir de agora toca seguir traballando, mais agora resultará máis “sinxelo”.

Eu non comparto este entusiasmo, creo que avanzamos, mais nesta, como noutras tarefas, imos ao paso de Penélope: un paso adiante e outro atrás, dixo o poeta.

Xusto unha semana despois do 8 de marzo asasinaban a Marielle Franco no Rio de Janeiro. Como interpretamos a sucesión destes dous feitos?

Talvez relendo a Rita Segato, como fai María Laura Razzari, que inicia o seu artigo sobre o asasinato de Marielle Franco, do mesmo 15 de marzo, sinalando que a arxentina considera os feminicidios coma un síntoma da “pedagoxía da crueldade”, un mecanismo en virtude do cal, o sistema, patriarcal, capitalista, procura eliminar os sentimentos de compaixón e empatía, as bases dos vínculos que crean arraigo e dan lugar a un suxeito colectivo, empoderado e autónomo que se enfronta ao establecido. Mátannaos ás mulleres, inculcan en nós e, por tanto, no conxunto da sociedade, o temor a ser nós mesmas, a reivindicar todo aquilo ao que temos dereito, a avanzar na transformación da sociedade.

E é que, todo o que ten que ver coa loita feminista, é profundamente social, profundamente necesario para a humanidade no seu conxunto.

Nese artigo Razzari detense a analizar a forma en que Marielle Franco foi asasinada, recibiu nove disparos, cinco na cabeza. E di: “a mensaxe é que ás mulleres como Marielle non basta con violalas e tiralas ao lixo, hai que destrozarlles a cabeza, porque nela reside un modelo político en que nunca terá lugar a mafialización da política”.

Leo e escribo, penso nisto de que os nosos asasinatos son a punta do iceberg, e véñenme á mente outros sucesos, os mesmos que levaron ou fortaleceron a celebración do 8 de marzo: as mulleres rusas nas rúas meses antes da revolución de outubro reclamando pan e paz, Lenin faláballe a Zetkin da importancia daquelas mobilizacións para a revolución. Penso nas mulleres galegas, nas labregas de Salcedo que en 1892 fixeron tremer os alicerces do poder, eran elas as protagonistas dun conflito espontáneo e violento, difícil de controlar.

Así é como dou en pensar que cando o sistema percibe que a nosa capacidade de mobilización supera os seus estándares de tolerabilidade entra en funcionamento unha maquinaria difusa que ten por obxecto desacreditar e deslexitimar para restar eficacia ás nosas mobilizacións. E cando falo de maquinaria difusa, refírome ás manifestacións contrarias á folga, aos discursos negadores da desigualdade, artellados desde a dereita e desde un sector da sociedade que se considera privilexiada clase media, claramente identificábeis. Mais tamén á crítica reiterada que agocha a incapacidade a sumir unha decisión colectiva e á insistencia permanente en negarnos a liberdade de mostrar a nosa simboloxía, ao empeño en colocarnos ao fondo, ao final, lonxe das cámaras e a visión, negando que a nosa participación é decisiva para o éxito da mobilización, tentando facernos invisíbeis, outra vez. E nós loitamos contra a invisibilidade.

Por iso cómpre dicir con absoluta claridade que, neste 8 de marzo, foi fulcral o papel do nacionalismo, nomeadamente do nacionalismo sindical, das delegadas da CIG. Como recolle a páxina web o día 22 de novembro comezamos a conta atrás para a convocatoria da folga do 8 de marzo. Aquel día debatemos a proposta e concluímos que tiñamos que volcarnos en levar adiante a convocatoria e procurar que fose un éxito, como foi. Foi a primeira de moitas asembleas. O primeiro de moitos debates en que nosoutras, as delegadas, decidimos e trasladamos á dirección as nosas propostas, a de paro parcial, decidida colectivamente entre todos os sectores laborais, e a de soamente convocar ás que debiamos ser as protagonistas nesa xornada, as mulleres. Se puidésemos dicir aquí cantas reunións, cantas asembleas, cantos quilómetros fixemos para mobilizar as traballadoras ficariamos abraiados. Considérese que só na federación do Ensino puideron ser case 1000 as asembleas realizadas. E así é como se move unha folga, indo a cada centro de traballo a falar coas persoas que poden protagonizala, escoitándoas e apoiándoas. Nin os medios, nin as redes serven para facer ese traballo de axitación imprescindíbel. Nas vilas, onde estabamos as traballadoras do supermercado, as monitoras da piscina, as profes, as paradas, as mozas, as limpadoras, as administrativas, as xubiladas, as coidadoras… acudiamos ao chamamento da CIG e aproveitabamos aquel momento para denunciar o trato que determinadas empresas nos dan ás mulleres.

A mobilización foi un éxito. As mulleres que a fixeron posíbel deben ser visibilizadas, para non caermos nós na negación da realidade. Detrás de cada éxito hai persoas. Detrás do éxito do 8 de marzo hai mulleres nacionalistas organizadas, os seus nomes de muller que deben ser pronunciados: Marga, Susana, Dores, Diana, Ana, Francisca, Belén, Lidia, Carme, Iria, Consuelo, Anxos, Maruxa, Xosefa, Mercedes, … e moitas, moitas outras.

Elas, nosoutras, loitamos para avanzar. Traballamos, cada día, para transformar a sociedade. E como din os versos de Luísa Villalta: “se non me ves, es ti quen erra”.