Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
17-11-2017

O espectáculo político-mediático que nos toca padecer raia no dificilmente aturábel

O Estado da violencia, a violencia do Estado

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO


Fálase adoito do problema de Catalunya; a ben ser, cumpriría falar do problema de España, da España política, e de todos os que causou historicamente e continúa a causar. O espectáculo político-mediático que nos toca padecer raia no dificilmente aturábel. Non é, claro está, que suframos nengún tipo de desilusión; é, simplesmente, comprobarmos até o paroxismo cal é o rosto verdadeiro do sistema español e como as gasta cando se trata de manter á forza a súa razón de ser: o dominio sobre outros povos, a torsión da súa propria lexislación para aplicala arbitrariamente, o castigo, a represión indiscriminada... Toda a debilidade face á Unión Europea e os USA, toda a submisión á OTAN, toda a cobardía para cumprir dereitos humanos basilares... todo se torna fereza e contundencia cando se trata de impoñer a titularidade dunha propriedade que ninguén lle outorgou. A España que non dá resolvido os seus pavorosos problemas  -se o dicemos con palabras de Castelao-  existe para impedir que os demais resolvamos os nosos. A España que nen sabe tratarse ben a si mesma aplica a mesma receita sádica ao que ousa proclamarse como o que é, un povo, unha sociedade que aspira a gobernarse sen pexas exteriores e superiores. Admitiron PP e PSOE Catalunya e Euskadi, cinicamente, cando lles fixo falta eleitoral, como caxato de gobernabilidade; cando aquelas se proclamaron autónomas (non comunidades idem), pao, castigo e bulra. Campaña de caricaturización permanente tan moderna que lembra a crueldade clasista da novela picaresca. Constante reversión da realidade, o mundo ás avesas: a imposición, o adoutrinamento, a manipulación... atribuídas a aqueles con quen se practica. E, naturalmente, neste cuadro non podía faltar o contributo académico, que sería cómico se non supuxese a nosa vaporización directa como povo con historia. Lembremos, pois, para lección dos mitómanos do españolismo (que continúan a remontar “la unidad española” a quiñentos anos!!), algúns flashes da lexislación española desde o inicio da dinastía borbónica:

  Deixámolo aquí. Dous séculos abondan para certificar a creación da España una, cativa e tirana. Velaquí un retrato dos modos legais e paralegais con que se construíu o artefacto estatal, a base de afogar diferenzas e de impor a uniformidade por decreto. Tan importante a unidade de lingua como a monetaria e de mercado; fundamental o papel da escola; convertendo as vítimas en capataces-denunciantes (como na Bretaña francesa  -aquí unha pedra ao pescozo do infractor-; moitos anos antes do modelo de cidadán nazi, o denunciante do viciño); a represión-cesamento laboral asociado á lingua prohibida; a ampliación aos centros de ensino eclesiásticos; a prohibición directa do teatro que non fose en español; a conxelación da lingua en fósil de estudo metalingüístico... A que seguir? A mesma estratexia represiva continuou durante o século XX, con diferentes tácticas, claro está, nos períodos ditatoriais e nos formalmente democráticos. De aquí deriva, de aquí procede, o que estamos a contemplar hoxe, e dáse a circunstancia de que algúns non esqueceron nen queren esquecer a historia.

Na Galiza, pola vía dos feitos  -imposición política, derrota militar-  xa todo isto acontecía desde o inicio da Idade Moderna. Tanta prescrición da monarquía española, tanta proscrición de usos, leis, costumes, linguas... non españolas son a proba clamorosa da súa existencia non liquidada. Imperialistas fracasados, Castelao dixit.

Francesc Ferrer i Gironès (1935-2006) publicou en 1985 La persecució política de la llengua catalana. En oito meses, a obra coñeceu cinco edicións. Citámola abondosamente no noso O galego e as leis. Aproximación sociolingüística (1991) e lembrámola agora en pleno século XXI. De todo isto decorre a nosa profunda dependencia, e contra todo isto, con clareza e radicalidade indisimulábel, se ergueu o nacionalismo galego, o histórico e o contemporáneo. A tarefa pedagóxica que nos incumbe é tan grande como o tempo que levamos dando por natural e inevitábel a opresión, por natural e inevitábel a subordinación, por natural e inevitábel a cegueira verbo de nós mesmos. Admitirémolo ou preferiremos apontarnos ao deporte, tan galego, da distracción permanente?