Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
03-06-2010

“O dereito á vida en formación desde a concepción” ou como impedir o dereito das mulleres a decidir sobre a súa maternidade

A hipocresía do PP fronte ao aborto

ANA BELÉN PONTÓN MONDELO

Concentración anti-abortista. Praza Maior de Lugo. 7 de marzo de 2010


Hai aproximadamente un ano o PP rescataba unha iniciativa lexislativa popular promovida pola Red Madre-franquicia que utilizan o Foro da Familia, Provida e outras organizacións antiabortistas para disfrazarse ante a sociedade-. Baixo o reclamo de protexer as mulleres embarazadas sen recursos, lanzan unha ofensiva ideolóxica de calado: cuestionar o dereito das mulleres a interromper libre e voluntariamente o seu embarazo. Esa é a mensaxe coa que se saíron ás rúas a recoller sinaturas e coa intentaron convencernos durante o debate de toma en consideración desta ILP no Parlamento Galego: esta non era unha lei para cuestionar o aborto, tratábase, simplemente, de apoiar as mulleres embarazadas. Sen embargo, unha lectura rápida desta iniciativa era suficiente para decatarse de que se trataba dunha carnada. "Crece en España o número de defuncións por aborto", "o cal converteu o aborto na principal causa de mortalidade do noso país", son citas literais da exposición de motivos que non deixan lugar a dúbidas sobre a súas verdadeiras intencións.

Mais o texto tivo o apoio do PP e continuou a súa tramitación. Albiscabamos a posibilidade -remota- de poder darlle un xiro a esta lei, de convertela nun texto que realmente protexera o dereito das mulleres a decidir libremente a súa maternidade. Mais de novo, o PP de Núñez Feixoó deixou clara que non era esa a súa pretensión. Para o noso asombro, presentan unhas emendas que radicalizan aínda máis o texto. En contra do que dita a xurisprudencia neste ámbito, lánzanse a defender, nada máis e nada menos que o "dereito á vida en formación desde a concepción". Non preciso aclarar a carga de profundidade que ten este novo dereito que se inventa o PPdG. A vida existe no momento mesmo da concepción, o embrión é suxeito de cidadanía desde o momento mesmo en que o espermatozoide fecunda o óvulo. Asume o Partido Popular as teses máis extremistas e radicais do movemento anti-abortista. Apostan por crear unha rede de apoio ás mulleres embarazadas, iso si, para concertala coas asociacións que promoveron esta iniciativa. O fin non é informar de maneira imparcial e obxectiva as mulleres. Iso quedounos claro. O fin é favorecer "a liberdade de elección para ser nai". Reaparece con forza a vella idea, sustentada durante séculos polos teóricos da igrexa católica e asentada filosoficamente, de que a maternidade é o único fin das mulleres.

Estamos ante un retroceso de décadas. Intentan situar o debate nun punto irreal, creando unha dualidade falsa que contrapón o aborto coa maternidade. Foi precisamente o feminismo quen se preocupou por ambos temas, defendendo o dereito das mulleres a elixir se queren ser nais. E a premisa é simple, para poder elixir hai que ter opcións. Aos antiabortistas non lles preocupa a maternidade, o seu empecinamento sitúase en impoñernos a súa moral (que por certo, en moitas ocasións nin eles mesmos practican). Non os veremos nunca defendendo a ampliación dos permisos de maternidade ou paternidade, nin reclamando escolas infantís, nin unha atención pública para as persoas dependentes. Estas son reclamacións que entraron na axenda política da man do feminismo. Son alternativas que xorden da reflexión de que a reprodución é un ben social a protexer, mais que non pode asentarse sobre a opresión dos dereitos e liberdades das mulleres. O proceder da Xunta de Galiza do PP é ben semellante a destas asociacións antiabortistas. Lazan proclamas de defensa da familia, da vida, mais logo levan a práctica unha política contraria. A maternidade non se defende con posición antiabortistas, nin paralizando a posta en marcha de servizos públicos de atención a infancia. A igualdade das mulleres non se defende cuestionando o dereito a decidir sobre o seu corpo. Mais xa vemos do lado de quen se sitúa o PP.