Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
28-03-2017

O silencio mata: calar é ser cómplice

A hipersexualización tamén é violencia

ROBERT NEAL BAXTER


Antes de todo, quero deixar moi claro que non pretendo falar en nome de ninguén, nen moito menos usurpar a voz das mulleres, xa que, ao acreditar no principio de autoorganización, por seren as que padecen a opresión patriarcal son as proprias mulleres as únicas que deben definir a loita para a súa libertación. Ora ben, como comunista e como aliado feminista que me sinto, non podo deixar de aproveitar os espazos de que dispoño para denunciar as inxustizas sociais e a explotación xeradas polo capitalismo e o cisheteropatriarcado que o alicerza. É máis, acho que se trata dun deber à luz das 23 mulleres asasinadas no Estado español só nos dous primeiros meses deste ano, que se suman às 105 de 2016, às 112 de 2015... O silencio mata: calar é ser cómplice.

Mais, para alén dos feminicidios que chegan a saír nos xornais –para deseguida deixar paso ao fútebol– a violencia en contra das mulleres é un cúmulo de elementos insidiosos que a pasividade social enterra ou fai pasar por normais ou inconsecuentes, desde os ‘micro’ machismos, o acoso laboral ou o foso remuneratorio até a apoloxía da violación, pasando pola misoxinía institucional, sen falar das abducións, mutilacións, degolas e outras violacións con que nos ceban e desensibilizan día tras día as series televisivas no horario de máxima audiencia, descrito como pornografía criminalística.

A publicidade tamén é notoria pola súa perpetuación de estereótipos e padróns de comportamento patriarcais, enaltecendo todo tipo de violencia contra as mulleres, incluída a glorificación do estupro, o secuestro, a tortura, a humillación e mesmo o feminicidio para vender roupa, zapatos, perfume... como se fose non só algo normal e aceitábel, mais lexítimo e mesmo loábel, como parte intrínseca da cultura que sanciona a violación.

As mulleres deixan de ser persoas. Non son máis que corpos ao servizo do mercado: úteros andantes, obxectos de entretemento, bens de consumo.

Un aspecto moi preocupante da obxectivación do corpo da muller ao servizo da excitación dos homes é a crescente vaga de hipersexualización infantil, bebendo do mito da Lolita, aquela nena de 12 anos que supostamente seduce o seu padrasto de media idade que a viola repetidamente. E non se trata só dunha ficción literaria, con noivas de até 8 anos que morren desgarradas tras seren casadas con varóns adultos.

Non é unha cuestión de censurar puritanamente a sexualidade das mulleres adolescentes, nen de coartar a autonomía ou a emancipación sexuais, pois a hipersexualización e a pornografización do corpo da muller non son sinónimos de liberdade ou libertación sexual. Trátase, moi polo contrario, de denunciar a fantasía masculina que consiste en ser o primeiro en ‘deflorar’ unha muller (curiosamente os homes non son deflorados...), marcándoa como pertenza súa, antes, moitas veces, de a tirar como un pano suxo unha vez esgotada a fantasía da conquista: xa é unha calquera. Non debería sorpreender, pois, que existan homes depredadores que cren que teñen o direito de venderen e compraren a virxindade dunha menor.

Às veces interveñen as institucións, asumindo a súa responsabilidade de velaren pola dignidade das persoas. Así, tras o escándalo que desataron as poses salaces dunha nena de 10 anos na revista Vogue, o Parlamento francés prohibiu a participación de nenas menores de 13 anos nos concursos das ‘mini-miss’, un concurso de ‘beleza’ canónica que xa é abondo repugnante e degradante para as adultas... Entretanto, na televisión española non dubidan en aplaudir a ‘chulería’ dun grupo de meniñas de entre 6 e 8 anos denominado Shameless que bailan ao ritmo de I’m so hot. Igual hai tíos que se excitan... Para min non é ningunha ‘monada’ ver crianzas imitando os movementos sexy estereotipados da música pop. Suscítame, máis ben, a mesma repulsa que é o disfarce da enfermeira sexy para nenas de 1 a 14 anos ou os bikinis recheos para meniñas de 7 anos. Non é de estrañar, logo, que se escravicen, vendan e prostitúan menores.

Non estamos a falar do direito das mulleres a se expresaren ou se vestiren como queiran sen seren acusadas de provocar ou incitar os homes: Non é a minisaia, non é o pantalón; na mente do machista está a provocación! Estamos a falar, polo contrario, da aprendizaxe precoz de padróns de comportamentos submisos e autodestrutivos impostos pola sociedade heteropatriarcal.

A hipersexualización está lonxe de ser un inocente xogo inocuo, un divertimento sen consecuencias. Tratase de que asuman e interioricen normas de xénero heteropatriarcais que lles son impostas desde moi novas, fomentando a obsesión coa aparencia física e o corpo como obxecto de exhibición, onde o único que conta é ser observadas con admiración, procurando sempre compracer os homes. As consecuencias a medio e longo prazo son moi graves e moi variadas, pois, ao mirrar a autoestima, as vítimas tórnanse máis vulnerábeis e propensas à ansiedade, à depresión ou aos trastornos alimentares.

O patriarcado non descansa na súa procura de novas formas para apreixar as mulleres, e canto máis novas mellor para se arraigaren o máis profundamente posíbel os valores e padróns machistas. As gaiolas, por moi douradas ou divertidas que parezan, gaiolas fican. Así, para rematar, fecho coas palabras de Mª Jesús Girona Magraner, Presidenta da FMJ: “Desde hai uns meses estamos sendo invitadas a unha nova escravitude, a hipersexualidade das nenas. Ao parecer non está a ser suficiente todo o dano que o patriarcado fixo e está a facer coas mulleres en forma de precariedade laboral, violencia de xénero, trastornos alimentares, brecha salarial, nova lei da Interrupción Voluntaria da Gravidez e dos direitos sexuais e reprodutivos, entre outras; agora tamén toca às nenas”.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.