Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
07-03-2017

O lóxico e axeitado será usar das armas que nos favorecen, a legalidade e axilidade na tramitación da documentación. Armas que é necesario popularizar, erguer, animar

A recuperación dos nosos nomes e apelidos

LOIS DIÉGUEZ


Debía ser polos primeiros anos da década dos 70 cando, recén chegado de Madrid con toda a sensibilidade galega que alí collín por contraste co trato que os casteláns nos daban e a conciencia inicial doutra Galiza da que nunca se falaba, cando sentín a necesidade de vivir e actuar como galego. Obviamente, o primeiro símbolo de recoñecemento dun mesmo está no nome que lle puxeron e no apelido que lle legaron. Un, individual; o outro colectivo, pois refírese á historia da súa familia. Os meus apelidos cadran igual en galego que en castelán. O nome, para min e naquel tempo, non.  Así que tiña que pasar de Luís a Lois. E tiña, tamén, que velo como eu quería en toda a miña documentación.

Non había unha lexislación que o permitise. Despois saíu algunha que se podía aproveitar para intentalo, e así fixemos. O problema maior estaba sempre na persoa que levaba o Rexistro Civil que era, na práctica, quen decidía. En Monforte cadraba cunha muller un tanto fachiña, e sabía que non me faría caso, así que me axudei do poeta Manuel María. Coñecíanse por razóns da súa profesión (Procurador) e a ela caíalle moi ben por iso de ser poeta e simpático... e guapo. Cando el necesitaba algún documento abría todas esas alas e contáballe chistes que ela celebraba con contidos risos.  Foi o gancho. Alí nos presentamos un día. Manuel María fíxoa rir como nunca e ao pouco xa tiña a documentación asinada. Por fin era o que eu quería ser, Lois. Capítulo aparte resultaron, posteriormente, as voltas que tiven que dar durante ben meses para completar os diversos documentos.

Nos seguintes anos, o nacionalismo era o único sensíbel á recuperación de nomes e apelidos. Conseguir as armas legais foi unha das diversas batallas gañadas á brava españolización de todo o que  soase a galego. A lexislación, por tanto, foi mudando, pero á forza de porfiar sen acougo. Visto agora en perspectiva, cantas cousas conseguimos cambiar. Hoxe parece que naceron así, tal como as temos. Pero milleiros de homes e mulleres poderían relatar os enfrontamentos e persecucións polas que tiveron que pasar. Cumpriría que escribísemos ese libro dos cambios que desde os anos 60 do século pasado conquistamos. Non digo que non haxa nada feito pero paréceme que a historia máis acaída será sempre a que escriban para o futuro as xeracións que a padeceron.

Conseguimos avanzar nas conquistas populares, si, mais fica débil aínda esa consciencia de sentirnos de aquí, pertencentes a un idioma e cultura de noso. A exercer, polo tanto como galegos e galegas e dentro dos nosos símbolos, como os que agora estou tratando. O libriño, ou documento Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización que remata de editar a Real Academia Galega é produto desa batalla iniciada por moi poucos, por moi poucas. Unha axuda para facer esa normalización practicamente automática. No legal, claro. Parabéns. E a quen, no estudo e ensaio, foron constantes traballando en dicionarios, gramáticas ou recuperación das raíces nun sentido amplo.

Hai tempo xa que lles comentei a varios amigos e amigas con apelidos tais como Teijeiro, Rey ou Requeijo... sensíbeis eles e elas a todo o relacionado con Galiza, a contradición que tiñan mantendo semellantes deformacións. Un contestou que iso era cousa da familia, sagrada polo tanto. Outra que llo puxera a súa nai e tiña que respectalo. Un terceiro que así estaba escrito na documentación da casa. Confeso que fiquei sorprendido por tais argumentacións e díxenllelo. Se se sabe que esas aberracións veñen precisamente da españolización a que fomos sometidos desde o século XV, na cal entrou inventar palabras, topónimos, apelidos que nada din en nengún idioma que non sexa o galego, parece lóxico pensar que, en todo caso, máis respectaríamos os nosos símbolo e orixes, recuperando a forma autóctona, nosa, propia, e así a personalidade de quen nos precederon. Bandeiras de novo saneadas e airosas que foron ergueitas polos e polas nosas tataravoas (con moitos tatata...). E tampouco dou entendido que a estas alturas eses amigos e amigas sigan na práctica do mesmo esquema imposto, dependentes de seu, xa que logo. Por que sucede isto?

Mais, a pesar de todo, sempre coa idea de facer camiño, o lóxico e axeitado será usar das armas que nos favorecen, a legalidade e axilidade na tramitación da documentación. Armas que é necesario popularizar, erguer, animar. Desde todas as instancias, incidindo sobre todo nas populares e institucionais. Quedaría compracido, por exemplo,  con ver os mozos e mozas desta nación con camisetas que con graza estética e corte orixinal, levasen eses nomes nosos, Ámote polo Requeixo, ou Ti es a Figueira onde me sosteño, ou Os teus ollos son de Ouro... Ou uns versos de Rosalía de Castro (unha miga adaptados á situación) como: O meu Xan é un Xan completo/ deses que a cada muller/ lle conviña un polo menos. E así así alumeando as cores que os nosos nomes propios posúen.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.