Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
11-02-2017

Aquí temos ao capitalismo en decadencia que practica o canibalismo, da mundialización ao proteccionismo Tatcheriano, unha metástase no capital

O Capital Caníbal

HELENA VILAS VIÑAS


Nunca tanto se escoitou falar dos EEUU como nestes últimos meses, nunca tanto soubemos das políticas deste país como agora, sabémolo todo, case todo, e grazas a que un impresentable, falto de ética, con extremas carencias políticas chegou á presidencia. Simplemente por ese motivo se lle da máis audiencia que a outros personaxes, un incitador de odio, a única diferenza da súa contrincante política naquel momento.

Aiiii Europa!!!! Que dicir desa criatura consentida e caprichosa inflada de dereitos, que aínda se cree a máis guapa do baile, esa Europa que se atreve  a criticar semellantes políticas que en case nada se diferencian coas dos EEUU. Esa dobre moral, ese dobre discurso narcisista e ególatra, ese desprezo e soberbia que senten cara os inmigrantes non se diferencian absolutamente en nada do presidente Yankee. Hipocrisía. Todo é unha soberana hipocrisía.

Aiii o capital!!! incapaz de resolver os grandes problemas que de verdade afectan á humanidade; a miseria, a manipulación, a violencia, a explotación, en definitiva; a mentira, cohabitando con unha das grandes lacras da especie: o cristianismo. A Igrexa e o capital, os grandes xinetes da apocalipse. Estamos nesa fase do capitalismo asasino nas súas políticas, unha versión neoliberal que nos retorna ás orixes primitivas, ese xen destrutivo e a vez imposible de destruír que evoluciona dominando o planeta. Un animal voraz. Sen piedade. Un depredador insaciable.

Aquí temos ao capitalismo en decadencia que  practica o canibalismo, da mundialización ao proteccionismo Tatcheriano, unha metástase no capital. Non hai reversión no capitalismo, é máis ben deformación caníbal, a falta de competitividade da sociedade americana non pode competir coa miseria provocada pola mundialización, á supervivencia a calquera custe. Toda esta camarilla desde Washinton leva anos creando problemas en todo o mundo, e veñen agora, (xa demasiado tarde) lanzando mensaxes mediáticas brutais en contra do actual presidente.  

Desde meu humilde punto de vista, e advirto: sen caer no cuñadismo, non quero facer un Inda, que tanto che fala de Venezuela, de comunismo, de fútbol, como che recomenda unha receita de cociña... repito, dende o meu punto de vista práctico e crítico; o netamente negativo é que Trump e o seu movemento, emanan intenso racismo e os latinos van sufrir unha discriminación aínda maior que a actual e tamén a súa política de ir a saco contra o Islam, o máis probable é que xere unha maior radicalización dalgúns movementos desta sociedade. Pero por outra banda e, poñéndolle o meu lado optimista penso que os latinos, por nomear a poboación coa que máis se ensaña o señor  “yankee”, os mexicanos, deberían estar tranquilos e incluso contentos de que este señor chegase á presidencia dos EEUU, porque é o signo máis inequívoco de que ese país está corrompido e en franco estado de decadencia, que xa fai moitos anos que está en caída picada, e a misión de Trump vai ser darlle o puntillazo final acabando de destruír e aniquilar o que queda, tanto económica, política, como social e culturalmente.

Teñamos en conta o que escribiu W.McCoy : “a decadencia e caída do Imperio, catro perspectivas para o fin de século estadounidense antes do ano 2025” Por iso mesmo, sorrían, porque este é o principio do fin deste odiado país imperialista.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén