Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
23-01-2017

Galiza ten un rico patrimonio, asolagado e agochado

Non sabemos o que temos

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA


Vivo a apenas quilómetro e medio do castro de San Bartolomeu, en San Xiao de Vea, A Estrada. Da súa existencia só o sabemos os veciños e veciñas dos lugares da contorna, calquera persoa que pase á súa beira nin se daría conta de que alí mesmo, hai varios centos de anos, había un asentamento prehistórico, agora totalmente eclipsado polo monte no que abundan eucaliptos, piñeiros e todo tipo de vexetación.  

Neste asentamento non hai nada, nin sequera un sinal que diga “aquí hai un castro”. Evidentemente o concello da Estrada nin o contempla nas súas referencias turísticas. A única protección con que conta o castro é a de tipo urbanístico -e menos mal-. Iso sábeno ben dos poucos veciños e veciñas do lugar onde está ubicado, xa que esta protección impide o crecemento do núcleo así como condiciona as reformas das casas e outras construcións, agardando seguramente un goberno municipal máis sensíbel co noso patrimonio e a nosa cultura para que o poña en valor.

A situación do castro de San Bartolomeu non é o único caso que temos na Estrada. Todos están en idénticas condicións, mesmo os máis próximos ao casco urbano como é  caso do fermoso castro de Aguións, que, se o Ministerio de Fomento non o impide, pasará a súa veira a Variante da N-640, unha infraestrutura necesaria, pero que se non hai un cambio de trazado os condutores e condutoras aínda poderán parar para coller unhas castañas dos castiñeiros que proliferan por todo o castro.  

Sen embargo, o caso máis sangrante que temos no noso concello é seguramente o abandono da torre medieval de Guimarei e o pazo que hai á súa beira, ambos inmortalizados en debuxos e pinturas de Castelao. A torre é un BIC (Ben de Interese Cultural), pero ambos elementos patrimoniais son de propiedade privada, e a pesar da insistencia do BNG para recuperalos para o patrimonio público, nin concello nin Xunta de Galiza están pola labor, prefiren telos como os castros, enterrados nunha silveira para que ninguén os vexa, non vaia ser que pensen que Galiza é sitio distinto, como dicía a canción. 

Pero o noso concello non é a excepción no tratamento do noso patrimonio cultural, é a norma nun país que agocha o seu pasado, que o asolaga, literalmente como no caso do castro de Candaz en Chantada, que a pesar de permanecer escondido durante anos baixo a auga do encoro de Belesar, a seca sacouno á luz para sorpresa de non poucos galegos e galegas que nin sabíamos da súa existencia.  

Non sabemos o que temos, está claro, e non hai moito interese por parte da administración pública galega en sacar a luz todo o noso patrimonio que nos queda, a pesar perder moito polo camiño da nosa historia, onde os galegos e galegas tamén fomos parte activa na súa desaparición definitiva. Con todo, as declaracións BIC, os PXOMs, etc, garanten polo menos certa protección para o noso patrimonio, que agarda tempos mellores para o noso patrimonio.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.