Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
13-12-2016

A lenda da Buserana coñecémola a través da versión do poeta Gonzalo López Abente

Sicixia e a lenda da Buserana. Reinterpretando as lendas para termos tradición

MANUEL VILAR ÁLVAREZ


No filme Sicixia uns mariñeiros contan a lenda da Buserana e o final da película ten lugar na paraxe onde está esa furna. Estamos ante un intento de facer unha reinterpretación. Reinterpretar as lendas para crear tradición, crear algo colectivo, facéndoa patrimonio da colectividade. Sen tradición non hai  futuro.

Teño lido, non sei si na obra de George Dumezil ou na de Anthony D. Smith, que un  país sen mitos e sen lendas sería moi aburrido e difícil vivir nel. Moitas lendas desaparecen polo cambio xeracional, polo despoboamento do rural e porque non se escoita e non se valora a quen pode contar, desaparecen porque non hai transmisión. Mais, aparecen outras, agora vinculadas ás necesidades e medos da sociedade de hoxe, aínda que moitas xa non son contadas no noso idioma. Os aborixes australianos din que si se esquecen os sons da terra, esa terra morrerá, e iso é un dos crimes maiores que podemos cometer. É dicir, para manter vivas as lendas hai que manter viva a paisaxe e esta parte da costa muxiá está ameazada polo “progreso”, parques eólicos que van cambiar a súa faciana de costa brava, como diría o poeta.

É un tópico no estudo das lendas dicir que estas explican feitos que escapan á normal comprensión da xente, ou que serven para explicar lugares que chaman a atención pola súa orografía ou singularidade, feitos que non se poden entender dentro dunha determinada lóxica ou racionalidade. Sen dúbida a furna da Buserana é un lugar especial, un lugar que chama a atención e non só pola paraxe na que está situada. A lenda xustifica a existencia deste lugar, fai unha interpretación dun espazo que, así, é apropiado polas xentes destas contornas e permite unha experiencia común. A lenda recolle algo que non forma parte do cotiá, aínda que reflicta aspectos da vida do día a día, como nos contan en Sicixia. E, tamén, que a lenda pode ser contada desde a actualidade.

A lenda da Buserana coñecémola a través da versión do poeta Gonzalo López Abente. Primeiro foi publicada como noveliña en Lar, no número 11 do 18 de xullo de 1925. Máis tarde publicouna nos números 14 e 15 do Boletín de la Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía (1931 e 1932), revistiña que os muxiáns emigrados, que naqueles tempos eran moitos e había varios de cada casa, facían en Bos Aires. Pese a tantos viaxes dos Presidentes da Xunta á Arxentina, Conselleiros e presidentes de institucións culturais diversas, non logramos ter aquí unha colección completa desta revista e ter, así, un maior coñecemento da experiencia vital duns galegos que tiveron que emigrar, pero que non esqueceron de onde eran. Máis recentemente, no 2012, as noveliñas de López Abente foron editadas baixo o título de A narrativa mariña, e aí está tamén Buserana.

É, nesta versión que coñecemos de López Abente, unha lenda culta, até nos atrevemos a dicir que foi o poeta quen lle deu forma, quen realmente a creou, pois os paralelismos con outras lendas cultas e doutros lugares é evidente, aínda que este é un tema no que teremos que afondar moito máis.

Coñecemos a lenda da serea de Zennor, en Cornualles. Alí o mozo canta no coro da igrexa e unha muller queda prendida da súa voz e vaino escoitar todos os domingos, sentándose sempre no último banco e marchando antes de que remate a actuación. Mais un día o mozo séguea e a muller, que era unha serea, lévao para o fondo do mar. Seica din os mariñeiros que por alí pescaban que hai días que se escoita cantar ao mozo. Isto mesmo din por Muxía.

A lenda de serea de Zennor foi recollida, xa no ano 1873, polo estudoso do folclore córnico William Bottrell. Forma parte do “corpus” da tradición córnica. E na igrexa de Zennor hai unha vella cadeira cunha representación deste ser mítico, como tamén hai unha placa coa dedicatoria á última persoa que tiña algúns coñecementos do idioma córnico.

A lenda da Buserana ten reinterpretacións na literatura (Costa do Solpor ou O noso amor será eterno), na arte (Viki Rivadulla), agora chegou a versión na pantalla con Sicixia. Esperemos que haxa máis reinterpretacións. Lembrar que moitas obras consideradas “cultas” están inspiradas en lendas tradicionais. Volvendo ao trobeiro que namora a unha moza e o resultado final é tráxico, pois en Aragón din que a  ópera Il Trovatore, de Verdi, ten como fondo unha lenda aragonesa.

A lenda da Buserana

Vai aquí unha versión libre da lenda baseada no relato de Gonzalo López Abente:

“Unha vez, hai xa disto moitísimos anos, chegou á porta do castelo un ventureiro trobador. O castelo, erguido enriba dun castro, de altas torres e paredes ciclópeas, está situado no lugar dos Castelos. Nel vivía o máis poderoso señor das terras de Nemancos e Soneira. Tiña este cabaleiro unha filla moza e a sona da súa beleza pasaba os límites do señorío do seu pai. Esta garrida princesa era orfa de nai e vivía na compaña dunha vella, parente do conde. O conde pasaba longas tempadas ausente por mor da súa participación nas guerras contra os mouros. Nunha destas ausencias do castelán chegou o aventureiro trobador.

Era un mozo lanzal de louras guedellas e ollos de ensoño, acompañándose do seu melodioso laúde, que levaba decote ao lombo. Unha noite cantou ao pé das murallas do soberbio castelo, improvisando unha cantiga de amor, doce e melancólica, que arrincou bágoas aos habitantes da mansión e as estreliñas do ceo agocharon os seus luminosos palprexos tras dos lenzos das nubes viaxeiras, que comezaron a deitar miúdas pingotas de orballo.

Aquela canción desfechou as portas do castelo e as do corazón da linda castelá. Buserán, este era o nome do trobador, improvisaba cancións para a moza Frorinda.

Pero un día o conde voltou das súas andainas guerreiras e foi sabedor dos amores da súa filla. Buserán foi botado do castelo e Frolinda encerrada no seu cuarto. Durante algunhas noites a moza aínda puido escoitar o acento enfeitizador das cantigas do amante, pero despois o trobeiro calou. Nunca máis a voz querida chegou ao seu encerro.

E un día toleou. Pasaron meses e recobrou a liberdade. Un día topou cun pastor que lle contou como Buserán fora, nunha noite tormentosa, arrebolado polos criados do señor nas negras entrañas dunha furna. Desde entón, Frolinda vagaba pola costa buscando ao seu amado. Sempre era seguida por un vello e fiel servidor que vixiaba os seus pasos. Este, unha noite, co espanto reflectido na cara, chegou berrando ao castelo para dicirlle ao conde que a súa filla fora arrebatada deste mundo, que a levara Buserán para o fondo da furna. Que a vira baixar a toda présa polo monte Cachelmo e, cando chegou á beira do cantil, berrou por Buserán. Entón escoitou a voz de Buserán cantando unha canción ao tempo que unha xigantesca onda se estrelaba contra os altos cantís e unha columna de brétema subiu até onde estaba a moza. Sobre a ola cabalgaba Buserán que, collendo a Frolinda, colleuna e mergullouse con ela nas fondas escuridades da furna.

Hoxe, os pescos que por alí pescan, din que se oe a miúdo, en determinadas noites, as cantigas de Buserán”. 


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.