Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
19-11-2016

Agás as maneiras, nada distinto de Obama ou Hillary Clinton, de ter sido elixida, vai facer Trump

E(lección)s estadounidenses

XURXO MARTIZ CRESPO


Na escena final do filme Killing them softly (Mátaos a modiño, 2012) Brad Pitt aseguraba que Estados Unidos non era un país... senón un negocio. Pasou de ser un país a ser un negocio coa elección na vicepresidencia (1945) de Harry S.Truman, cando o chamado a suceder ao doente presidente Franklin Delano Roosevelt era o seu vicepresidente de anos, o liberal e filosoviético (que non comunista) Henry A. Wallace.

Truman, antigo propietario dunha mercería quebrada na Gran depresión, meteuse na política á desesperada, escalando de vagariño por distintos postos grazas á súa acomodada antiga clientela. Exerceu a dedo de xuíz local e chegou pola porta de atrás ao Senado, logrando a reelección grazas á súa condición de masón. Fiscalizou dende o Senado o gasto militar en plena guerra cun resultado sobresaínte, cheo de sentido común e propio dun pequeno comerciante. Gañou tal sona que fixo del unha figura pública e determinante para tirar do medio o «comunista», e rexeitado polo grupo dominante, Henry A. Wallace.

Só un par de meses durou a súa vicepresidencia, polo falecemento de Roosevelt; exerceu de presidente até as eleccións de 1948 nas que sorprendentemente saíu gañador contra todo prognóstico, malia ser o presidente máis impopular da historia de Estados Unidos até a chegada de George W. Bush.


Truman foi o primeiro de todos os presidentes estadounidenses posto a dedo polo grupo dominante, o poder na sombra. A derradeira oportunidade que tivo Estados Unidos de ter un presidente distinto, popular,  foi con Wallace, e o último presidente «distinto» Jimmy Carter; tan «distinto» que carga o sambenito de ser o único non reelixido na presidencia. 

Agás as maneiras, nada distinto de Obama ou Hillary Clinton, de ter sido elixida, vai facer Trump. O «filtro» está na posibilidade de ser candidato; quen chega aí  é un futuro presidente «seguro». En nada afectan o grupo dominante financeiro as medidas «revolucionarias» de Obama: peche de Guantánamo ou o restabelecemento de relacións con Irán e Cuba e en nada afectarán as de Trump. A teima de Jimmy Carter na defensa dos dereitos humanos no mundo puña en perigo unha serie de negocios que si afectaban o grupo dominante, tanto en Latinoamérica coma en Oriente Medio.



-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.