Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
18-10-2016

Somos conscientes das dificultades de construír unha ética da liberación nun momento como o presente cando os opresores aprenderon a integrar os discursos emancipadores nas súas estratexias de dominación

Na defensa de Aristóteles [II]: A ética da liberación

XON CARLOS GARRIDO COUCEIRO


Nun mundo tan inicuo un ten dabondo onde escoller para apuntarse a unha causa xusta. Podes buscar aquela que máis se lle axeite aos seus gostos, a súa situación persoal e a súa experiencia particular. Isto permitiralle mirarse ao espello e compracerse co que ve, tranquilizar a conciencia, etc... agora, que iso repercuta en equilibrar unha realidade tan asimétrica como a que sufrimos xa é outra cousa. Fundamentalmente porque o planeta é inmenso e a vida é finita.

Kant considera que precisamente isto é o que leva a presupoñer que a vida ten que ser eterna porque senón o ben sería imposíbel de realizar. Non se lle ocorre outra alternativa porque incapaz de entender o marco vital no que naceu [Prusia Oriental], e do que non se moveu na súa vida, ten na súa cabeza un espazo e un tempo baleiro cunha extensión infinita que transcenda as complicacións dun anaco de territorio alemá incrustado entre Polonia e Rusia. Esas coordenadas newtonianas sobre as que traballou a mentalidade burguesa occidental foi quen de construír unha moral que satisfixera esa necesidade humana de lexitimar a propia conduta e que a mesmo tempo servira para desentenderse das consecuencias dese comportamento. De aí que o seu lema sexa cumprir co deber aínda que se destrúa a humanidade, e que a súa sexa unha ética formal, baleira de calquera contido. Aristóteles, en cambio, foi o primeiro grande pensador en asumir a mortalidade da alma a canda o corpo ao mesmo tempo que admitía a eternidade dun tempo non lineal. Sobre todo, non concibía unha forma sen contido (de aí o enfrontamento con Platón). Certo que estaba limitado polas condicións sociais da súa época para poder aceptar un espazo tamén infinito e a existencia do baleiro. Ideas que dinamitaría a estrutura social xerárquica e o modo de produción escravista (Non habería arriba nin abaixo e os corpos no universo serían independentes). Mais será este filósofo quen subministrará -a través do tomismo- os freos mentais que porá en cuestión a voracidade depredadora do capitalismo europeo que se lanzara á conquista do planeta dando comezo a idade moderna.

Os Dominicos de Tomé de Aquino, con Bartolomé de las Casas, presentan a necesidade de debater se os indios aos que explotan para salvar a súa alma teñen realmente alma. E si é así, na medida en que pesa o aristotelismo neles -apesares de reinterpretalo á luz do cristianismo- como se pode salvar a alma se condenamos o corpo ao que intrinsecamente vai unida? En que medida unha humanidade que se lle presupón a quen tentamos redimir para a fe obriga a que respectemos nel os dereitos que reclamamos para nós polo feito de ser membros dese xénero?

Sería necesario Descartes ou Locke para varrer finalmente os diques que a escolástica aristotélico-tomista puidese poñer ao colonialismo. Co nacemento dunha subxectividade definida como mente disociada da materia, unha subxectividade que se constrúe por apropiación, unha subxectividade de “cazador”, é co que os europeos se lanzaron sobre os outros continentes sen problemas de conciencia. Non é que Aristóteles puidese impedir por si só este desastre. Nin sequera en vida logrou que o seu alumno máis coñecido, Alexandre Magno, lle fixese caso cando protagonizou aquela globalización helenística tan semellante en moitos aspectos á que hoxe temos. Como Marx nos ensinou, os procesos sociais non se explican polo motor das ideas. Agora ben tampouco podemos prescindir totalmente delas para comprendelos e avaliar o peso que estas teñen neles, peso que se fose ningún os marxistas non dedicarían enerxías a produción teórica. Claro que interesaba eliminar a Aristóteles ou deixar del elementos secundarios do seu corpus que lles fosen pertinentes as clases dominantes. Cando o pensamento occidental recuou asustado polas consecuencias da lóxica dunha filosofía moderna que lles conducía inevitablemente a Auschwitz, non se lle ocorreu volver atrás. Ao contrario, tratou de recompoñerse sobre as mesmas bases e tirar para adiante, ben a través de “salvar a ilustración” co programa da Escola de Frankfurt ou ben desentendéndose da totalidade a través do posmodernismo e os novos filósofos, enredados nas frangullas, nas micro-opresións, etc... Como mirar atrás cara un filósofo do escravismo como Aristóteles ou un Tomé de Aquino preocupado pola racionalidade da relixión? Que nos pode aportar?. Curiosamente na actualidade é o momento da historia da humanidade no que hai maior número de escravos (entre 9 e 27 millóns segundo fontes). Mais como en ningún país é legal a escravitude, como iso é cousa do pasado, a quen lle importa iso? E que dicir da potenciación do fundamentalismo relixioso como instrumento de demolición dos Estados Nación que puxeran freo ás ansias expansionistas euroamericanas? Con prohibir o burkini xa teñen arranxado.

Mentres, occidente permítese dar leccións de dereitos humanos aos países que invade e destrúe. É mais, chega a usar a bandeira deses dereitos como escusa para a invasión. Impón unha concpeción a respecto das formas da sensibilidade kantianas que resumiríamos dicindo que o tempo é finito (só existe o presente) mentres que o espazo é infinito (polo que se xustifica que se sexa selectivo a hora de escoller os lugares no que fixar a atención ao ser incapaces de abarcalo todo en tampouco tempo). Mais o panorama que se nos presenta está cheo de contradicións e asoballamentos que provocan a necesidade en moitas persoas de tratar de enfrontalos eticamente. Agora ben, aceptando as coordenadas mentais que promove o propio sistema, chégase a conclusión de que é posíbel abrazar causas universais desconectadas unhas das outras e, sobre todo, transcendendo a realidade de calquera territorio concreto, mais tamén que o importante é atopar solucións que sirvan para hoxe esquecéndose das consecuencias a longo prazo e desaproveitando a experiencia pasada como algo inútil para unha realidade que se di completamente inédita. Isto é moi pertinente para quen move os fíos pois permite amosar en cada momento as “causas xustas” que lle interesa para os seus proxectos estratéxicos. Quizais o máis rechamante é o emprego do feminismo para lexitimar o intervencionismo nos países musulmáns. A discrecionalidade coa que se aplica a denuncia a uns Estados e non a outros (Arabia), ou do xeito en que se desentenden do feito no que quedan as condicións das mulleres -moito máis deterioradas- logo da intervención (véxase Irak, Libia, Siria, Afganistán, etc...) serve tamén para desprestixiar á propia causa feminista usada para semellantes masacres. O mesmo que tan coas demais causas xustas.

Poñamos un exemplo. Militantes contra o maltrato animal da Galiza queixaronse que PACMA fixera a súa campaña electoral das eleccións autonómicas en español. Algo que nin sequera se atreve xa a facer nin o PP e mesmo Cidadáns tivo que usar o galego. Falamos dun partido que no seu programa incorpora tamén “la defensa da lingua galega”.

Non cuestionamos a necesidade que esta organización teña presenza nas urnas por canto non hai ningún outro que recolle integramente o seu programa. A pregunta é se precisan facerlle o xogo aos que oprimen e exterminan unha cultura e unha lingua para defender as propias demandas específicas? Supoñemos que loxicamente quen isto fai rexeita a devandita opresión. Quizais tiñan pouco presuposto e isto permitíalles poder usar materiais de fóra. O caso é que finalmente valoran que este prezo que hai que pagar para lograr os seus obxectivos merece a pena. Teñen outras prioridades. Podían ter acordado constituír o partido de ámbito galego mais perderían o respaldo que a marca Estatal lles supón. Agora ben, os seus obxectivos están mais preto de conseguirse por ser "máis fortes" grazas ao patrocionio centralista? É discutíbel ao ver do que acontece en Cataluña coa prohibición das Corridas de Touros. Non quer dicir que unha Cataluña independente vai satisfacer de por si as súas demandas (prohibición dos “bous”) e xa que logo non ten sentido pedirlles que se disolvan no independentismo. O caso é que as loitas universais coma estas (animais existen en todo o planeta) atópanse con que os seus obxectivos se satisfán a través da actuación dun Estado determinado. Supoño que para quen isto defende tanto lle ten o Estado que aplique o seu programa, ou pode incluso soster que se este non ten un ámbito reducido e puidera abranguer todo o planeta sería mellor para este obxectivo universalista. O problema é que a realidade do mundo preséntanos o feito de que uns pobos oprimen a outros, impoñendo os dominantes a súa cultura e lingua aos dominados, e decidindo sobre eles en función dos intereses económicos dos máis fortes. Axudando a elimnar as barreiras que limiten isto (as soberanías nacionais) contribúese a favorecer ese proceso. E iso é algo co que hai que contar a hora de querer facer unha boa obra.

Tampouco se escapa o nacionalismo de ter que afrontar a existencia desas outras causas. Certo que Galiza só se pode liberar en Galiza e desde Galiza e a loita contra a opresión das mulleres, discriminación do colectivo LGBT, explotación laboral, etc... se pode librar en calquera parte do mundo. Pero aquí tamén se dan todas esas inxustizas universais e aquí tamén se precisan combater. Todo isto evidencia a necidade de pensar unha solución que concilie as intencións coas consecuencias, o universal co local, a teoría coa praxe.

Unha ética procedimentalista instituída sobre a aceptación do resultado das derrotas acumuladas isto non vai servir para incorporar a voz dos excluídos no diálogo que permita establecer as normas xustas que se precisan para regular unha convivencia en igualdade e sen opresión. Fai falla recoller a tradición de pensamento anterior que nos axude a elevarnos sobre a miseria da filosofía moderna e asumir a contemporaneidade actualizando o esforzo que a humanidade levou a cabo para autocomprenderse e que esixe a superación do marco temporal da ilustración, mais tamén do espacial eurocéntrico. Entón poderíamos volver a Aristóteles para recuperar a súa vertixe ao contemplar como se disolvía o seu proxecto de conciliar individuo e sociedade ao desfacerse os marcos comunitarios (as polis) que permitían verificar a harmonía entre ética e política.

Somos conscientes das dificultades de construír unha ética da liberación nun momento como o presente cando os opresores aprenderon a integrar os discursos emancipadores nas súas estratexias de dominación. Podemos crer que antes as cousas estaban máis claras e facer teoría liberadora era máis doado. Agora ben, nós temos a posibilidade de aprender dos erros, aproveitar as achegas dos antergos, comprobar os resultados que tiveron as diferentes propostas de autocomprensión humana, en definitiva, temos a vantaxe da perspectiva histórica, case podemos predicir o futuro apoiándonos en toda a experiencia acumulada. Mais non o facemos. Porque desprezamos esta vantaxe? A quen lle interesa a nosa mediocridade intelectual? Quen premia o descoñecemento da filosofía?. Borrar o rastro de Aristóteles do ensino, como do resto da historia do pensamento é un acto consciente de quen nos goberna, mais apoiase na falla de resistencia dunha atmosfera que considera como dogma de fe que a última actualización é a que vale, a marca creada para as últimas eleccións é a que hai que escoller, as películas que teñan menos de dous anos son as que merece a pena ver, os móbiles de última xeración, etc... E así nos vai.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.