Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
13-07-2016

A rapa das bestas, ou curros en xeral, non son unha festa en si, senón un xeito de xestión de animais con propietario en réxime de semiliberdade

A cara e a cruz da rapa das bestas

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ


A cada pouco salta a area pública algún tema relacionado cos animais, síntoma positivo de que a sociedade está viva e de que trata de debater sobre o seu propio futuro e sobre o comportamento humano cara aos demais seres do planeta.

Mais, a maior parte das veces, estes debates, prodúcense por unha distorsión da realidade causada por fracturas xeracionais, sociais, etc., ou mesmo por un afán de crítica convertida nun obxectivo en si mesmo en lugar de ser unha ferramenta construtiva para mellorar. Se volvemos a vista atrás podemos lembrar as polémicas suscitadas respecto da liberación de visóns das granxas, as denuncias a un acuario, a do boi de Allariz ou a máis recente, e recorrente coma unha serpe de verán, da rapa das bestas.

A rapa das bestas, ou curros en xeral, non son unha festa en si, senón un xeito de xestión de animais con propietario en réxime de semiliberdade, aínda que mesmo a definición está a debate, pois non lle gusta nin a algúns dos actores, nin aos detractores. Dicir que os garranos son salvaxes é dicir verdades a medias. Ben é verdade que viven todo o ano no monte, que son baixados unha, ou un par de veces, ao curro para ser rapados, desparasitados, marcados e escollidos, uns non volverán ata o ano seguinte, sendo vendidos, mais outros si. É mais, moitos dos animais son conscientes do que lles pasa, e do que lles vai pasar durante o día, e obran en consecuencia actuando como os máis avezados actores. Só os poldros de un ou de dous anos, inexpertos, son os que se poñen máis nerviosos ao abrir o telón.

Que non se fan as cousas ben nos curros, certo, que hai que mellorar, tamén, diso falaba no artigo “Sentir a dor de outro doente: Poñernos no lugar de outro que padece, aínda que sexa simplemente un animal, ou quizais por selo” (http://www.terraetempo.gal/artigo.php?artigo=736&seccion=13).

Non pretendía ser un comentario detractor dos curros, aínda que moitos o entenderon así, senón a reflexión sobre o que considero non se debe facer neles, tratando de poñer as cousas na súa xusta medida e de abrir camiños para un debate sosegado e non un discurso pontifical, como algúns pretenden.

Os curros, ou rapa das bestas, non están homologados. O máis coñecido, no de Sabucedo da Estrada, fanse as cousas dun xeito que aos do sur non nos gustan e na serra da Groba fanse as cousas dunha maneira que os do norte desprezan. Que se os collen e non os mancan ou que se os lazan e non os tocan, eis o debate, que é o mellor ou o menos adecuado?

Os curros son tradición, si, como mínimo talvez se remonten á época castrexa, como mínimo. Mais esa non pode ser xustificación suficiente para a súa perpetuación sen máis, senón que hai que facelos co máximo respecto en beneficio dos propios animais, pois ese é o obxectivo do acto.         Estrés, eustrés ou distrés.

As posicións que hoxe denominamos animalistas primeiro terían que aprender, definir e consensuar os graos da alerta e da anguria para logo tratar de saber que é o que queren para os animais, porque como sabemos, os propios animais non opinan e, se o fan, non sempre os comprendemos.

Antes de continuar falando dos curros, podemos facer unha digresión para deixar sobre a mesa unha pregunta que, talvez, axude a colocar o debate no lugar en que debe darse. Hoxe por hoxe deféndese a esterilización das femias de animais domésticos de compañía para evitar unha sobrepoboación que redunde no abandono. Esta medida, necesaria, respecta o benestar do animal en toda a súa dimensión ou incide negativamente na evolución da súa psicoloxía e do seu carácter?. Podemos intuír a opinión ao respecto do individuo afectado?

Que opinan as bestas?. Un garrano salvaxe, en ocasións, nin sequera se alerta se pasamos por unha pista do monte a menos de 20 metros da súa posición. Por que? Tal vez porque non é tan salvaxe?, porque se confía no seu grande tamaño?, porque está afeito a que ninguén lle faga mal?, ou por todos os motivos anteriores?

Quizais porque nos coñece e nos identifica como humanos, tamén aos seus donos e posiblemente a aquel malnacido que é quen de facerlle mal cando o baixa ao curro. Por iso a súa alerta é insignificante (eustress).

Isto significa que cando nos achegamos a unhas bestas no monte non se activa o proceso da alerta ata que chegamos a escasos metros, ao seu pé (stress). Entón, cando entra en marcha o mecanismo da anguria con sufrimento pola falla de adaptación, ou distress?, quizais habería que analizar en detalle todo o procedemento do curro, encher ao cabalo de sensores para estudar as respostas e logo tirar conclusións.

Mentres, seguiremos debatendo sobre o tema e, como comprobamos, non sempre con ánimo construtivo. Seguiremos debatendo sen analizar a importancia de que se manteña un sistema de control do gando, ou cabana cabalar, semisalvaxe que procura o seu saneamento e desparasitación, que serve para levar control da poboación e detectar exemplares enfermos. Un traballo aberto, en que todos e todas podemos comprobar se hai animais pexados ou feridos. Un acto público que, polo feito de selo, xa tivo como consecuencia que se procure rebaixar o nivel de brutalidade ou que haxa unha certa autoestima por esta tradición que redundará nunha mellora no trato dos animais.          

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.