Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
07-06-2016

As súas accións, e as medidas represivas que para eles se pedían, concéntranse en 1926

Oposición á ditadura de Primo de Rivera en Culleredo: o caso dos mestres de Celas, Ledoño, Sésamo e O Burgo

CARLOS PEREIRA MARTÍNEZ


A mediados dos anos 20 do pasado século deuse en Culleredo un relevante caso de oposición pública, por parte dalgúns mestres nacionais do municipio, á Ditadura do xeneral Miguel Primo de Rivera, personificada na figura do entón alcalde de Culleredo, o médico Augusto Seijas Santiso.

Se ben as súas accións, e as medidas represivas que para eles se pedían, concéntranse en 1926, algúns documentos procedentes dos fondos municipais de Instrución Pública indican que a tensión xa viña de antes.

Comezaremos, cronolóxicamente, pola constitución da “Unión Patriótica” de Culleredo. Esta tivo lugar en xuntanza celebrada o 12-6-1924, a iniciativa do alcalde antes citado. No acto, -conta a prensa- congregáronse grande número de veciños, entre os que figuraban curas párrocos, mestres nacionais, industriais e propietarios. Seijas expresou a conveniencia de constituír a “Unión Patriótica”, “ya que en las circunstancias porque atraviesa el país se hacía necesario que personas de moralidad, amantes de la justicia y demás condiciones de un buen ciudadano, presten el decidido apoyo a que el Directorio se hace acreedor”, proposta coa que “todos los congregados, mostraron su conformidad, habiendo elementos de gran valía que manifestaron, que desde luego, estaban dispuestos a sacrificar en provecho de la Patria cuanto fuese necesario”. [Logo veremos que non fora exactamente así]. Nomeouse unha Xunta Directiva presidida por Augusto Seijas Santiso e da que formaban parte o xuíz municipal, o médico municipal, dous curas párrocos, cinco propietarios, tres industriais e tres mestres: Diego González Gómez, mestre do Burgo, como secretario, e como vocais os mestres Enrique Álvarez Pérez e Emilio Cordero Coello. (El Ideal Gallego, A Coruña, 17-6-1924). [Sorprende a presenza do mestre do Burgo como secretario, porque logo será acusado de non querer integrarse].

Proba de que varios mestres estábanse destacando nun labor opositor é a convocatoria practicada por orde do delegado gobernativo para asistir a unha xuntanza, baixo a súa presidencia, o día 23-5-1925. Son convocados os mestres de Celas (Manuel Pedreira), Ledoño (José Salgado), Sésamo (Jesús Mejuto) e Burgo (Diego González), os párrocos de Celas, Burgo e Culleredo, a Comisión Municipal Permanente, os concelleiros de maior e menor idade, o secretario do Concello, o presidente da “Unión Patriótica”, dous fillos dos maiores e menores contribuíntes que asistan ás escolas dos mestres citados, xuntamente cos seus país e o comandante do Posto da Garda Civil. O tema era “Asuntos del servicio y administración pública”.

Pero o detoante da declaración de hostilidades debeu ser o acordo da Comisión Municipal Permanente tomado na sesión ordinaria do 21-1-1926, de trasladar a capitalidade e a Casa do Concello á Vila de Rutis. Esa medida requiría que diversas institucións e persoas emitisen informes ao respecto. Grazas ao consignado na acta do Pleno extraordinario da Corporación municipal do 28-4-1926 coñezemos a postura dos mestres. O secretario municipal informou do estado no que estaba o expediente, “al que aportaron sus informes casi todos los llamados a hacerlo y la inmensa mayoría en sentido favorable al traslado que se pretende”, intervindo a continuación o alcalde manifestando que debía salientarse que os mestres nacionais de Ledoño, Celas e Sésamo [non se menciona o do Burgo] facíano fundamentándose, entre outros, nos parágrafos seguintes:

“Del Sr. Maestro de Ledoño- “por ello menos que nunca puede ser conveniente tal cambio ahora cuando el Ayuntamiento (Concejo) por no provenir del sufragio, no es expresión de la voluntad popular; ahora que se halla constituido –por virtud de las circunstancias especiales y generales de la Nación- de una manera anormal que no puede menos de ser transitoria”.

“Del Sr. Maestro de Celas- “El actual Concejo de Culleredo, no es de elección popular, debe abstenerse, en opinión del Maestro que informa, de enfrontar un asunto de tan vital importancia”.

“Del Señor Maestro de Sésamo, “Y suponiendo que por razones especiales de política actual podría convenir el traslado, entiendo yó con algunos vecinos –los menos- que de verificarse aquél no debiera llegar ni a Alvedro, sinó emplazar la Casa-Ayuntamiento en la carretera que vá desde este último punto a Culleredo, pero sin sacarla de esta parroquia en donde se halla actualmente.= Los otros vecinos –los más- dicen que como aun están mal repartidas las distancias, debe procurarse que el emplazamiento sea más céntrico todavía. Y añaden que habiendo caciques se caciquea en todas partes, lo mismo en Villa de Rutis que en Culleredo.= así mismo convenimos en afirmar que éste y otros asuntos de igual trascendencia para el Municipio debieron ser aplazados hasta el momento en que constituido un Ayuntamiento de elección popular…”.

O Pleno, logo da lectura de todos os informes emitidos, acordou por unanimidade varios puntos; entre eles, “hacer constar su más enérgica protesta contra el contenido de los párrafos depresivos de los informes emitidos por los Maestros Nacionales de Ledoño, Don José Salgado, de Celas, Don Manuel Pedreira y de Sésamo Don Jesús Mejuto, que quedan transcriptos, que no solo por el espíritu sinó por la forma en que están redactados suponen un profundo desprecio para la Corporación, la cual como es público y debe constar a aquellos tiene todas las atribuciones y facultades que en materia de su competencia corresponden a Corporaciones municipales formadas por Concejales designados en propiedad…”. “Y comunicar al Excmo. Sr. Gobernador Civil el proceder de los referidos Maestros”.

Non quedou o asunto na simple denuncia. Outro documento de Instrución Pública recolle a acta da reunión extraordinaria da Xunta Local de 1ª Ensinanza de Culleredo, celebrada o 11-8-1926. O motivo da sesión era oír o seu parecer sobre da conduta profesional dos mestres de Ledoño, Celas, Sésamo e Burgo, contra os que o ex alcalde, Augusto Seijas, formulara denuncia que abranguía varios puntos:

1º- Que convocados polo delegado gobernativo, Rafael Echevarría, os mestres citados, en unión das autoridades civís e eclesiásticas, para tratar do traslado da Casa Consistorial, “se expresaron en tonos despectivos, y de ello puede dar razón el referido ex Delegado”.

2º- Que os referidos mestres, respecto ao informe que a alcaldía lles solicitara referente ao asunto do traslado, “no se concretaron en informar en sentido afirmativo o negativo, sinó que por el contrario, expresan frases y conceptos ofensivos para la Corporación y veladamente atacan al régimen actual, toda vez que no reconocen capacidad jurídica a las Corporaciones nombradas al amparo del mismo régimen, lo que se justifica en el oficio adjunto, estando este caso comprendido de lleno en el artículo 266 del Código Penal”. [Sen embargo, na acta que antes citamos non se mencionaba ao mestre do Burgo].

3º- Que convocados para a organización da “Unión Patriótica”, en unión das demais autoridades civís e eclesiásticas, “se negaron los referidos Maestros a ingresar en la misma, pretextando tener otros ideales políticos”, manifestacións que fixeron públicas na sesión que se celebrara na Casa do Concello o 12-6-1924, “si bien por fin a instancia de los presentes firmaron el acta”. [Antes vimos que o mestre do Burgo aparece como secretario, aínda que non podemos saber se antes se manifestou en contra. Por outra parte, mal puido facelo José Salgado Luengo, que ata varios meses despois non será destinado á escola de Ledoño, a finais de marzo de 1925].

4º- [Cortado] solamente a lo preceptuado en los acuerdos 1, 2 y 3 del Concordato los de Celas y Sésamo, a quienes por orden gubernativa se hizo visita de inspección”.

5º- Que non se puidera facer a visita de inspección á escola de Ledoño por negarse o párroco de Culleredo, vocal da Xunta, e que o tiña que acompañar, pero ao denunciante constáballe, por referencias, que o mestre faltaba ao su deber.

6º-Que o mestre do Burgo Diego González, debido ás innumerables e repetidas queixas formuladas polos veciños pola falta de cumprimento do seu deber (falta de residencia, asistencia, abandono, correctivos antipedagóxicos), fora convocado o 28 de marzo por el na escola, onde o párroco e veciños “le hicieron personalmente los cargos indicados, prometiendo enmendarse, pero hasta la fecha no lo cumplió”.

7º Que el cura párroco de Celas, en carta que o denunciante adxunta, informaba e confirmaba as faltas do maestre Manuel Pedreira Pazos.

En atención ao exposto, “y agotados los medios de prudencia”, creía o denunciante que procedía impoñer un correctivo aos mestres e recabar do arcebispo de Santiago que ordenase ao cura de Culleredo que actuase como vocal que era da Xunta Local, ou en caso contrario que renunciase ao cargo.

A Xunta acorda manifestar, por unanimidade, que teñen constancia de que os mestres denunciados cumpren en todo cos seus deberes profesionais. Consideran a denuncia completamente infundada, crendo que se debía non a celo pola ensinanza senón ao informe desfavorable emitido polos citados mestres respecto ao proxectado traslado, considerándoo lesivo aos intereses da grande maioría dos veciños. Respecto do vocal eclesiástico, Miguel Celestino Rey García, non só non o crían merecedor de censura, senón digno de eloxios, posto que todos os seus actos na Xunta tenderan sempre a beneficiar á Escola e ao Mestre.

Sorprendeunos a similitude dos argumentos dos mestres de Celas, Ledoño e Sésamo nos seus informes, xa que parecen acordados conxuntamente. Quizais a explicación poida estar en que os tres formaron parte dunha entidade cultural denominada Sociedade “Pro-Cultura” de Celas de Peiro, fundada en xaneiro de 1925 coa idea de prestar apoio á escola da parroquia e fomentar a asistencia da infancia á educación. Cando se disolve, en xaneiro de 1928, dentro dos membros da Xunta Directiva están José Salgado Luengo como presidente, Jesús Mejuto Vázquez como vicepresidente (presidíraa o ano anterior) e Manuel Pedreira Pazos como secretario (fora vicepresidente antes).

Respecto da traxectoria destes mestres, Jesús Mejuto Vázquez naceu na Coruña en 1888. Residiu un tempo en Cuba. Tivo o seu primeiro destino como na escola unitaria nº 2 de Carral en 1919. Por permuta, pasando o 1-4-1920 á de Celas. En decembro de 1921 deixa esta escola e faise cargo da de Sésamo, ambas as dúas en Culleredo. Participa no Congreso Pedagóxico celebrado na Coruña en 1926. En 1931 pide a excedencia e ingresa como instrutor na Escola do Asilo municipal da Coruña, solicitando excedencia ilimitada da praza de Sésamo en 1933. Era secretario da loxa masónica “Pensamiento y Acción nº 11” da Coruña. Directivo do Partido Radical-Socialista, de Unión Republicana, da Liga dos  Dereitos do Home, da Antorcha Galaica do Librepensamento, e membro de ATE. Publica varios artigos na revista S.E.R. Estivo exiliado en Francia, conseguindo regresar tempo despois pero permanecendo agochado durante anos nunha casa, ata a súa morte.

Manuel Pedreira Pazos era natural de Celas de Peiro (Culleredo), onde naceu o 20-3-1891. En 1914 é destinado á escola de Altos de Aranga (Aranga), a Cardeiro (Boimorto) en 1915, e a Soandres (Laracha) en 1916, na que permanece ata 1922, cando marcha a Cortegada (Ourense). En 1924 faise cargo da da súa parroquia natal, Celas (Culleredo), ata decembro de 1928, cando é destinado á de Ucha (Poio), que permutará en 1935 pola de Meavía (Forcarei). Membro do PSOE e da FETE. Tamén formou parte da loxa masónica “Helenes nº 7” de Pontevedra. Foi asasinado en 1936.

José Salgado Luengo nacera na cidade de Zamora o 15-5-1900. Tivo o seu primeiro destino, en 1925, na escola de Ledoño (Culleredo). En novembro de 1931 é nomeado para a escola da rúa Cruz del Rayo nº 1 de Madrid, pero estaba cuberta xa a praza en propiedade, sendo destinado entón a unha sección de nenos da escola da rúa San Opropio nº 22 (Madrid). En novembro de 1932, logo de aprobar as oposicións, é nomeado Inspector de Primeira Ensinanza en Zamora. Alí desenvolverá labor sindical na FETE e será candidato do PCE nas eleccións xerais de novembro de 1933. En xuño de 1934 é destinado como Inspector a Ciudad Real. Participou en dúas Misións Pedagóxicas. En abril de 1940 causa baixa definitiva no escalafón. Foi tamén membro da masonería, sendo procesado polo TERMC.

Quédanos Diego González Gómez. Nacido en Pamplona o 27-3-1879, foi mestre en escolas dos concellos de Laracha, San Sadurniño, Pontedeume, Sarreaus e Val do Dubra. En 1911 é destinado ao Burgo (Culleredo). En 1922 é presidente da Asociación do Maxisterio oficial do Partido da Coruña. Entre 1923-1928 é secretario da Sociedade de Socorros Mutuos “La Amparadora” do Burgo. Por considerarse con máis dereitos, en 1925 incoa preito no Tribunal Supremo contra a designación de Francisco Vales Villamarín para unha sección de nenos do grupo “Da Guarda” da Coruña, obtendo sentencia favorable en 1928, ocupando esa praza e sendo declarado excedente na do Burgo. En 1934 é distinado á escola do Hospicio, na mesma cidade. Non temos constancia de que fose depurado e aínda exercía como mestre en 1943.  


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.