Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
17-03-2016

A identidade galega non é asimilábel ao ingrediente dosificado dun cóctel ou recluíbel no rocho dos xa máis que repelentes “valores identitarios”

Unha esperanza activa

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO


Por mor de redixir a comunicación para un congreso, andei estes días a reler textos de Ricardo Carvalho Calero, con atención particular a un deles, unha peza de teatro titulada A sombra de Orfeu. Dáse a circunstancia de que está escrita en 1948, mais só se publicou en 1971, xunto con tres pezas máis. Reeditouse en 1982, ano que coñeceu a edición do seu teatro completo. Nunca se representou, a diferenza doutras obras do autor que si acadaron vida plena no escenario teatral. A peza é de grande calidade, levanta cuestións de plena actualidade e o estudo psicolóxico que oferece das personaxes principais non resta ritmo e movemento (acción) á trama. É, pois, unha obra que clama pola súa escenificación, mais, de momento, é boa metáfora dunha das eivas ou coxeiras evidentes da nosa cultura na actualidade, a oceánica ignorancia dos clásicos. Segundo o proprio autor confesa, naqueles distantes anos do seu exilio interior, en Ferrol, profesor no ensino privado, inhabilitado para calquer posto público, vixiado, na escrita literaria atopa un refuxio salvador. Escrebe para el mesmo, como talismán, como consolación, mais tamén e asemade escrebe para o futuro, na intelixencia de que habían vir tempos en que a literatura galega pudese existir de novo como tal e na esperanza de que tal desexo cumpría acompañalo de obras. Había de ser una esperanza activa; non cabía pregarse á resignación ou á fatalidade liquidadora imposta pola ditadura. Cumpría, por contra, reatar con novas achegas a tradición cultural brutalmente interrompida na guerra civil española. Admira entón a fortaleza de ollar para adiante en tempos tan duros, a fe inamovíbel na Galiza como nación que merecía seguir existindo, o amor á causa de significala que, no caso deste escritor e enorme polígrafo, xa defendera e servira con obras desde a década dos vinte do pasado século.

Máis memoria recente. Hai  poucos días, e organizada por “Lugo Patrimonio” tivo lugar na cidade murada unha mesa redonda de homenaxe e recordación a Manuel María, dentro dun ciclo de actos e actividades que tributarán a admiración merecida ao grande escritor e compatriota. Houbo coincidencia plena, por parte de todos os intervinientes, en sinalarmos como radical bondade do escritor o seu amor activo ao país, traducido en múltiplas obras ao longo de toda a súa vida, desde o afán por xebrar a afasia imposta até o interese por construír un enorme edificio literario, cívico, patriótico, que se revela como unha espléndida cartografía de nós: arte, xeografía, historia, socioloxía peculiar… Mais todo isto dentro dunha obra de enorme valor estético, que asombra pola versatilidade dos seus rexistos, pola enorme cultura que demostra, polo coñecemento invulgar da tradición de que provimos. Nunca a melancolía, o desacougo ou, mesmo, o desespero o levou a renegar da Galiza, da súa patria, ou de nós, seus habitantes.

Estamos a falar dunha sorte de aplicación laica das tres virtudes teologais: fe, esperanza e amor, se nos é dado substituír por este a orixinal caridade. Aplicación política, no sentido máis amplo e abranxente do termo. Lembro todo isto nestas datas pre-primaverais, porque, de certo, desde e no nacionalismo galego precisamos follas novas, como aquelas que, da man maxistral de Rosalía de Castro, selaron definitivamente a madureza da lingua galega para calquer función literaria e asentaron de vez a súa validade como instrumento público. Non desmente esta obra ou non se desmarca do valor da publicada dezasete anos antes, Cantares gallegos. Todo ao contrario, defínea como unha obra que fora froito do exaltado amor ao país. Así de elocuente. Mais é o certo que a nova obra, Follas novas, certifica de forma apoteósica a capacidade dunha muller que entregou todo o seu talento e a súa ilustración á tarefa  -ao combate (“N´era cousa de chamar as xentes á guerra e desertar da bandeira que eu mesma había levantado”)-  de dignificar o noso país e de oferecerlle unha literatura de altísimo valor artístico e de profunda humanidade.

¿A onde quero chegar con estas relembranzas? Non a arrolarme con saudosas recordacións ou a hipertrofiar a importancia do sentimento, mais si a pór de relevo que unha das inxeccións históricas máis daniñas que nos foron inoculadas é o desprezo de nós mesmos, a indiferenza ou a hostilidade con que tantas veces recebemos ou tratamos o que cabezas e mans galegas elaboran, a acrítica celebración de calquer mensaxe ou discurso que veña abenzoado pola sacramental autorización televisiva española.

Hai conquistas humanas absolutamente irrenunciábeis. A que converteu as mulleres en persoas plenas, após séculos de minoría de idade-tutela coactiva, é unha delas. A dos povos, como o noso, que, a través da conciencia sobre si e da vontade de organización propria, deciden asumir os seus designios e reclamar para si o dereito e a capacidade de autogoberno, é outra delas. Cando  -como tamén no noso caso-  se ten detrás unha longa historia de desnacionalización, de dominio, de despersonalización continuada…, cando se conta por séculos, non por anos ou períodos históricos, unha historia de erradicación lenta e contumaz da lingua de noso…, cando isto ten acontecido, non cabe esperar que nun lapso breve de tempo, en nome de non se sabe que milagre, viren as cousas revolucionariamente.

¿Que estamos a verificar agora, a respeito do tan repetido e lamentado (e lamentábel) descenso eleitoral? Entre outras cousas, que deberan ser moito máis fortes e consistentes as defensas da conciencia galega e da súa translación organizativa, social e, por tanto, eleitoral, para así mellor defrontar a ondaxe agresiva. Que resultaría, e resulta, vital un algo de coñecemento da nosa historia, para superala en todo o tradicional negativo e para que sexa estímulo positivo en todo o que ten de exemplar. Que precisamos como o ar proclamar que a nosa identidade, a identidade galega, non é asimilábel ao ingrediente dosificado dun cóctel ou recluíbel no rocho dos xa máis que repelentes “valores identitarios”, como se fósemos, por un lado, seres lingüísticos e culturais locativos e, por outro, seres sociais abstractos. Que xa resulta cansativo lembrar que a materia esquerda nunha nación coma a nosa adopta á forza a forma nacionalismo, como primeira proclama democrática, como primeirísima asunción do que se é e do que se aspira a ser. Que a relación en pé de igualdade con calquer outro povo, Estado, organización… non deben implicar nunca entreguismo ou absorción. Que, en fin, hai avanzos irrenunciábeis, e non por esencialismo, resistencialismo ou caisquer outros –ismos que se nos queiran apor ou con que se nos queira caricaturizar, senón mesmamente por modernidade ben entendida, porque non queremos recuar a lugares e tempos de discusión xa habida e xa resolvida, do mesmo xeito que as mulleres non admitiríamos voltar ao tempo en que se debateu a pertinencia ou non do dereito ao sufraxio feminino ou a superioridade legal do home sobre a muller casada. ¿Alguén no seu san xuízo, excluíndomos casos flagrantes de machismo ou de alienación feminina, aplaudiría que se volvese ao principio xurídico (vigorante até 1977) en virtude do cal se afirmaba que o home (marido) debía protexer a muller (esposa) e esta obedecelo? Téndomos conseguido, en dificultosa e dificultada secuencia histórica, que a Galiza posúa unha voz propria, non tutelada, independente do servilismo estatal, liberada da mediación caciquil, con orixe e retorno na propria Galiza (non outra cousa é o nacionalismo galego, non outra cousa fixo nacer e medrar o BNG), ¿imos voltar para atrás? ¿imos pedir permiso para facernos ver, para encaixar nos “intereses generales” a nosa especificidade, a nosa singularidade? De por parte  -e xa non ameazo con máis perguntas retóricas-  acaso non é clamoroso o “egoísmo” de cada povo, de cada sociedade, de cada nación…, sempre a mirar para si e a se defender o mellor posíbel? ¿Cando a Galiza recebeu algún “maná” que, por exemplo, cortase a emigración, retivese povoación, garantise a fortuna da nosa economía, colocase os intereses galegos no primeiro plano?

Cando se criticou aos deputados, deputadas e senadores de Podemos-Anova-En Marea que no documento entregue ao PSOE polo primeiro partido dos citados non houbese unha mínima, unha só, mención da Galiza, un daqueles, o senador José García Buitrón, explicou o feito ou xustificouno aducindo que tampouco Extremadura ou Castilla-La Mancha aparecían citadas no tal documento. Flagrante e clamorosa delación de como se conceptúa a Galiza, de que mentalidade política se ten sobre ela: un anaco de España, un sumando dunha adición que se dá por natural, inevitábel e normal, o que equivale, xa que logo, a dar por boa a inferiorización, a subordinación política, a ocultación. Mais, na realidade, semellante argumento colonizado levaría a plantexar a seguinte pergunta: dígame vostede se alguén naquelas rexións españolas, para xustificar a ausencia de mención nun documento político, se alguén se lembraría da Galiza para utilizala como exemplo? Hai, iso si, unha abundante exemplificación-casuística de fábrica española que utilizou e utiliza a Galiza e o galego (idioma, carácter, personalidade…) como termo de referencia. Si, como termo de referencia deplorábel, inservíbel, estúpido, renarte ou, en xeral, negativo, isto é, como un contra-exemplo. “¡Hasta ahí podríamos llegar…!”: esa é a intención real, o pensamento verdadeiro de Pedro Sánchez cando se perguntou, abraiado, se acaso se ía chegar a falar de dereito de autodeterminación na Galiza. Isto en 2016, ¡84 anos despois de que, en sesión de Cortes, o sr. Azaña mencionase cataláns e bascos e ignorase completamente os galegos! ¡Viva a modernidade española!

Salvando a ortografía, hai dúas palabras de noso que, como moi ben predicaba o querido e admirado D. Jenaro Marinhas del Valle, deben ir da man, dúas palabras só separadas pola súa vogal átona: amor e humor. El afirmaba que o amor sen humor aborrecía e que o humor sen amor podía ser cruel, de modo e maneira que a simbiose, o bon xuntoiro de ambos era o recomendábel. Chámenme frívola, sentimental ou superficial. Admitireino, embora non prometa propósito da emenda. Penso que a combinación de amor e de humor, de paciencia e de perseveranza a partes iguais, de esperanza activa, de auto-confianza acompañada de obras, de correctivos, de imaxinación e de innovacións á altura dos tempos é o que nos cómpre. Nunca admitir que debamos perguntarnos por enésima vez se temos dereito a sentir e a pensar como galegos, tamén políticamente, ou se debemos agardar por un Godot que nunca  -como na obra teatral-  vai comparecer. As personalidades galegas que citei ao longo deste artigo non agardaron por nengún Godot. Puxéronse mans á obra, en tempos ben inclementes, por certo, e sen o amparo que agora nós temos neles. Saibámolo e actuemos en consecuencia.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.