Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
17-12-2015

Existe candidatura unitaria galega; chámase Nós, en honra do grande lema, non por venerábel menos falto de vixencia

Rachemos o guión

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO


Refírome, naturalmente, ao guión pre-escrito que nestas eleicións, como noutras, ordena, por todas as vías, a liquidación do nacionalismo galego. Os que tal perpetran, por enésima vez, podían aprender un algo do pasado, de décadas atrás, pois a operación non ten nada de novo; poderían escarmentar (ou, como mínimo, rectificar), visto e verificado o fracaso da mesma, mais a contumacia continúa, porque se trata por todos os meios de impedir que a Galiza cobre conciencia de si propria e reaxa en consecuencia. De nengunha maneira se pode consentir a “triangulación” (Galiza-Euskadi-Catalunya), porque ficaría ao descoberto a impostura anti-democrática e totalitaria do Estado español. Visto que o fracaso da repetida manobra prosegue, unha e outra vez, debera valer ao menos para que os nativos se perguntasen pola razón de tal teima destrutora. Mais entre desertores, entreguistas, colonizados de varia pelaxe e ignorantes  -embrutecidos ou inocentes-  non damos feito.

¿Cal o contido do guión pre-escrito? Consta dos seguintes mandamentos:

1. Decrétese, sen máis, o desaparecemento representativo-institucional do nacionalismo galego. Utilícense, claro está, inquéritos ad hoc.

2. Concúlquese flagrantemente a mínima regra de cuota de prensa-voz radial-pantalla televisiva, en virtude da cal os dous escanos do Congreso dos Deputados obtidos en 2011 fican vaporizados a efeitos informativos.

3. Decídase que estas eleicións son un xogo a catro, dos cais dous NON teñen a menor representación na Cámara lexislativa citada.

4. Convértase a campaña eleitoral nun vergoñento espectáculo televisivo, na máis histérica faena de re-españolización que se recorde.

5. Reedítese, aumentada, a programación xa ensaiada en 2012, co gallo das últimas eleicións autonómicas galegas: fabríquese, como sexa, o éxito previsto da nova coaligación española con disfarce galego (viva Tartufo!).

6. Repítase, cal ladaíña rotineira, a mentira da división do nacionalismo, contra todas as evidencias.

7. Póñase a circular o vocabulario máis vougo, abstracto e hiperbólico posíbel: o papel terma do que lle poñan e o falar non ten cancelas: unidade popular (¿de que povo?); soberanía (¿de quen e en que marco?); suxeito político (será complemento circunstancial, máis ben, para engrosar o celeiro de votos dun partido español); grupo parlamentar proprio (mentira de groso calibre, cando os escanos coseguíbeis na Galiza irán directamente ao grupo parlamentar de Podemos  -¿ou é que van ser tránsfugas e teñen pensado pasar ao grupo mixto?-).

8. Invéntese a divisoria vello / novo, refacendo a historia da Galiza de xeito brutal: ¿acaso o máis VELLO e arcaico, o que máis nos mancou ao longo dos tempos, non foi a entrega submisa de votos e vontades á política española, fose esta de “dereitas”, de “esquerda” ou ambidextra? ¿Acaso o NOVO, na Galiza, non veu sempre da man (desde hai cen anos) da proclamación do noso dereito a gobernarnos por nós proprios, asumíndomos tal responsabilidade, para o cal cómpre saber que somos povo distinto, con necesidades específicas, con signos abondo para, en séndomos nación, reclamarmos o noso dereito de voz, voto e veto?

9. Confúndase a política real coa maxia. Predíquese que, por non se sabe que milagre ou intervención divina, o “cambio” (¿?) en España vai conlevar o ídem na Galiza: ¿cando tal aconteceu?; que “revolución” española (se é que algunha houbo) trouxo da man un beneficio para a distintividade galega? (lingua galega; cultura galega; dereitos das traballadoras; agricultura; gandaría; pesca; industria; emigración; servizos sociais; salarios; organización do ensino ou da sanidade…).

10. Reafírmese, por se non houber bastante, o complexo de inferioridade e o complexo da dependencia fatal. Dígase que a Galiza “soa” non pode, o que equivale automaticamente á rendición, ao cheque en branco para que o enchan á súa vontade os que si naceron, seica, para faceren política-verité (xa se sabe que as galegas e  os galegos viñemos a este mundo para esperarmos pacientemente a que os amos nos traten ben e coa deferencia debida: ¡reseso revival do piñeirismo que entregou no seu día unhas credenciais sedicentemente galeguistas ao PSOE e, hoxe, no século XXI, a Podemos. Sempre ad maiorem Hispaniae gloriam! Pois si que é novidade!


Este é o decálogo-diktat previsto e plenamente operante. Se me acompañasen nestes días a frivolidade ou a vontade de rexouba, xa lles oferecería os titulares -igualmente pre-escritos- dos meios de comunicación dominantes do día 21 próximo. Como non é ese o meu estado de ánimo, vou en troca referirme, coa cordialidade precisa, a comentaristas, opinadores ou autores de artigos  -por tanto, coma min mesma-  aos que vexo ensarillados na faramalla da lamentación por non se ter producido a ansiada e para algúns taumatúrxica “confluencia” eleitoral. Prescindo, por razóns de hixiene anímico-mental, dos que só saben destilar veleno inquisitorial e sectario de longa e podre traxectoria (a Unión do Povo Galego, como non!,o demo do inferno!, responsábel da falta de “unidade”: ¿cando se liberarán de tamaña lousa de zunia-preconceitos-sectarismo que non fai máis que amosar a variante revellida do auto-odio, a sempiterna transferencia da frustración biográfico-persoal a unha porción do proprio país? Psicanalísense dunha vez por todas e déixennos en paz, por favor!).

Non, non me dirixo a eles. Si me dirixo a aqueles a quen atribúo boa fe nas súas análises e laios. Hai quen acode case á queixa xeremíaca; outros rematan no fatalismo, inherente, seica, aos indíxenas desta nación, que non nos damos posto de acordo; os de máis alá reinciden en explicacións que poñen o acento en liortas persoais, como se non houbese razóns nidiamente ideolóxico-políticas ou como se os feitos non fosen de abondo elocuentes en por si; hainos que xulgan a historia do nacionalismo galego contemporáneo a través dun constante vaivén de unitarismo-fragmentación, como se non houbese unha historia de unidade que algúns racharon a conciencia, querendo levar coa súa defección a destrución da organización toda, o BNG, que, ao que se ve, fica en pé (“os mortos que vós matades gozan de boa saúde”) e ignorando quen, como e cando se fraguou ese intento de derruba.

A todos eles digo: existe candidatura unitaria galega; chámase Nós, en honra do grande lema, non por venerábel menos falto de vixencia. Nós, que naceu canda o Sinn Fein (“Nós sós”) na Irlanda. Digo que o primeiro mandamento de calquer posición de “esquerda” é sabermos que terra pisamos e a que povo, a que sociedade, nos debemos. Digo que, ao igual que as mulleres, ao longo dos séculos, rabuñamos espazos de liberdade, de emancipación e de igualdade en por nós, non por graciosa concesión de poderes masculinos e masculinistas, vivos e potentes grazas ao tan funcional sexismo, así a Galiza valerá algo no taboleiro español se primeiro se dá a valer a si propria no seu territorio e na súa sociedade, se se dá a coñecer e se dá a respeitar, para deixar de ser caricatura de si mesma, presa fácil de calquer embaucador. Digo que xa está ben de travestismos. Sempre lembro o extraordinario papel dos travestidos nas pezas de Shakespeare: mozos ou homes de determinadas características físicas que representaban os papeis femininos nas obras de teatro do xenial escritor, xa que a lei daquel tempo en Inglaterra prohibía a actuación das mulleres, a existencia, por tanto, de actrices. Esta interdicción condicionaba naturalmente a traza e características da propria obra. Miranda, por exemplo, a filla do Próspero d´A tempestade (1612) debía ser representada por un rapaz novo, de delgada figura, imberbe a poder ser e que dese o rexisto de voz adecuado. Unha vez rematada a representación, “Miranda”, a rapaza, volvía ser Peter, ou John ou William…

Ben, nestas eleicións seguimos a ter o españolismo de marcas coñecidas (xa ven que sucumbo á moda terminolóxica) e o travestido. Unha vez rematada a campaña eleitoral, adeus á camuflaxe, adeus ao tartufismo. Roma locuta, causa finita, isto é, Podemos encherá a bulsa parlamentar como partido español que é, após se valer dos heraldos-disfarces correspondentes na Galiza, Catalunya e València (con diferentes consecuencias e dialéctica en cada unha delas, claro está). Misión cumprida, polo que toca ao intento de lañar-substituír o nacionalismo galego. Misión fanada, asemade, porque (Castelao dixit hai xa ben tempo) non temos a menor vontade de suicidio.

Por certo, os saudosistas-sebastianistas da “unidade” ¿como é que non a choran, cal carpideiras de antes, na España española? ¿Como é que, en Madrid (Madrid!!, o centro de todas as arelas, a meca de todo progre de marca acreditada, o ceo a conquistar, o expendedor de todas as franquías de valor!), a “esquerda” vai desunida- desunidísima?: Podemos, por un lado; Izquierda Unida por outro. ¿Ula, a lista unitaria? ¿Será, será… que na ínclita España non hai nacionalismo nengún que combater-reducir e, daquela, cómpre manter os pavillóns separados, en retesía de proprietarios da leira? ¿Como é que os “cenizos”, “viejos”, “caducos” e “jurásicos” elementos do PCE e de IU, na opinión do divo podemítico, deixan de selo na Galiza, para iren en feliz unión-mascarón de proa da nave do neoespañolismo? ¿600 quilómetros abondan para borrar a aldraxe con nacemento e consecuencias en Madrid?

Rachemos, amigas e amigos leitores, o guión pre-escrito para nós. Elaborémolo, escrebámolo nós mesmos. Non nos enganemos nen pensemos que a política é un oficio de conseguidores, que, por riba, na nosa nación, pasan amplamente de nós. Construamos  -somos capaces, témolo demostrado- os nosos espellos, non nos ollemos nos que outros fabrican para vendérnolos como se fósemos pasmados e bobos clientes de baratillas. Para transmitir clareza e firmeza no Congreso dos Deputados, como en calquer outra institución de que depende a Galiza, primeiro hai que as ter na casa, na propria nación. Se o dereito a decidir non se aplica de entrada e como condición sine qua non ao campo da propria organización e á autonomía precisa do diagnóstico e da acción, se tal non se dá, estase asinando a minusvalía cívica e política, certificando a bondade da dependencia-subordinación dun subconxunto chamado a selo por sempre na España única que todos defenden e impoñen. A escolla está clara: sermos galegos compracentes con esta formatación ou aspirarmos a ser povo soberano, non botín televisivo.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.