Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
04-09-2015

A evidencia empírica mostra en todos os casos, agás que as nacións oprimidas muden de amo, que sen liberación nacional non hai emancipación social

A cuestión nacional e a cuestión social

FRANCISCO GRAÑA


 Na globalización dáse un conflito entre a oligarquía imperialista  e as maiorías populares que se manifesta principalmente entre o imperio globalizado e os pobos e Estados – nación que queren ser soberanos. O dereito a autodeterminación destes pobos confróntase cos intereses do capitalismo imperialista, nunha loita que libran as maiorías populares que conforman as nacións, con ou sen Estado, polo dereito a decidir o seu futuro, e, xa que logo, este conflito constitúe hoxe a contradición antagónica principal da loita de clases mundial.

  A nivel de cada Estado ou nación as loitas pola soberanía e o dereito a decidir son necesarias para a conquista dos dereitos sociais e individuais, que son a condición para o progreso e benestar das maiorías sociais, e que tamén contribúen a debilitar o imperialismo global causante de todas as guerras e xenocidios.

  Nos últimos tempos, e como consecuencia deste conflito, xeráronse no mundo profundos cambios xeopolíticos, nun período moi curto, que deixaron anticuadas moitas definicións e conceptos que ata fai pouco se consideraban claros e inamovíbeis. Así temos “democracia, liberdade...” “dereita, esquerda..” e outras definicións que combinan “liberación nacional” con “liberación social” nas que estas últimas se presentaban , e aínda hoxe se expoñen, como facetas separadas e inconexas nos procesos de liberación dos pobos. “democracia, liberdade”, “dereita, esquerda” perderon boa parte do seu significado orixinal, sendo usados dun xeito oportunista para analizar e manipular a realidade política e crear confusión en beneficio do imperialismo.

  Asemade, ten lugar un soterrado debate en canto ao grao de relevancia xerárquica das cuestións social e nacional que teñen lugar nos procesos de emancipación popular. Como poden afastarse a cuestión nacional e social, baixo calquera imperialismo ?, aínda que sexa o españolismo; como raquítico sucedáneo daquel imperio español onde non se puña o sol. Precisamente ante esta situación tan fracasada, este resulta o máis opresivo e depredador para os pobos peninsulares que o soportan, comezando polo pobo galego.    Pola contra os grandes imperios, incluso se permiten algunhas concesións para os seus vasalos.

  Soberanía nacional e liberación social. Quen foi primeiro o ovo ou a galiña ?. A evidencia empírica mostra en todos os casos, agás que as nacións oprimidas muden de amo, que sen liberación nacional non hai emancipación social, e por tanto non ten obxecto, é un absurdo afirmar que sen liberación social non hai liberación nacional; sendo ambos os dous conceptos, o mesmo.

  Na Galiza empregar a expresión  “nacionalismo de esquerdas” ten pouca consistencia, cando somos unha moderna colonia europea baixo a administración do Estado español, desde moito antes que este formara parte do conglomerado imperialista mundial . En moitas ocasións esta definición serve para diluír o nacionalismo galego no “españolismo de esquerdas” que ese si é real e desmobiliza o noso pobo.

  A pesares de to isto, parece que a situación política tende a clarificarse. Os globalistas do mundo fomentan a idea de que os Estados – nación xa pasaron de moda, porque a soberanía das nacións, como é evidente , é o impedimento principal contra o saqueo imperialista dos pobos.Aquí os portavoces de PODEMOS, o novísimo españolismo de esquerdas, súmase dun xeito entusiasta a estas ideas globalistas, apuntándose a antepoñer o “SOCIAL” fronte a “anticuada” soberanía nacional. Mais non se trata de dar pulo o movemento obreiro e popular, hoxe case liquidado, nin de reivindicar os dereitos sociais. Son conscientes de que estes son inalcanzábeis para as maiorías sociais dos pobos oprimidos baixo o Estado español , e non se pode servir a dous señores a vez (o Estado español e as maiorías sociais) .Sen soberanía nacional os dereitos e liberdades son un mito, como no seu tempo xa apuntou o noso Castelao. Así, apoian a financiamento público das institucións de caridade, ONGS e establecementos públicos, como bancos de alimentos e todo tipo de axuda humanitaria.... Trocan os dereitos pola caridade pública. Esa é a alternativa social de Podemos.

  Hai que recoñecer que en pouco tempo Podemos fixo moitos méritos ante o españolismo ao poder darlle un bo pau ao nacionalismo, comezando polo galego, o máis feble dentro do Estado, e esta axudando a restaurar parcialmente o bipartidismo españolista. PP/Cidadáns foi favorecido pola nefasta xestión das súas MAREAS  e o PSOE tamén é favorecido grazas ao” verniz esquerdista” adquirido ao apoiar a Podemos en algúns Concellos e Autonomías; o que lle permite volver a xogar o papel de alternativa á dereita. O españolismo certamente débelle estar agradecido a Podemos, e seguro que lle votará unha man para que dure moito tempo, e se non, xa inventarán outra novidade nas Universidades madrileñas. Para elo contan cos medios de manipulación necesarios, pois xa sabemos que a verdade non é máis que a mentira suficientemente repetida.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.