Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
02-09-2015

Acollo con ledicia o impulso dado polo Banquete de Conxo a unha candidatura que dea corpo a existencia de Galiza como nación -ao pobo galego como suxeito político, no vindeiro Congreso dos e das deputadas

Pola unión, un paso adiante!

ANA BELÉN PONTÓN MONDELO


Reinicio setembro coa certeza de que agosto non foi mes de vacacións. Os tempos electorais  avivaron a actividade dun período no que tradicionalmente a tensión política deixaba oco a outros praceres máis mundanos. Acollo con ledicia o impulso dado polo Banquete de Conxo a unha candidatura que dea corpo a existencia de Galiza como nación -ao pobo galego como suxeito político, no vindeiro Congreso dos  e das  deputadas. En xustiza hai que dicir que o pobo galego tivo desde 1996 representación xenuína e non sucursalista a través dos representantes das listas do BNG. Xusto é tamén recoñecer que traballaron con rigor e entusiasmo e conseguiron moitas cousas boas para Galiza. A empezar por mudar a invisibilidade dos nosos problemas e obrigar a procesión de caladiños/as a rachar cun vergonzante silencio, cómplice dunha marxinación clara de Galiza. Sei ben que mudar o rol de Galiza no Estado require máis forza colectiva. Non obstante, isto non resta relevancia a importancia que a presenza do nacionalismo tivo para nós colectivamente.

Hai tempo que está claro que o debate sobre o modelo de estado e as aspiracións democráticas dos nacións, vai ser o elemento central da vindeira lexislatura. Coa boca grande ou pequena todo o mundo recoñece a necesidade de mudar o marco saído da fracasada transición española. Os vascos e cataláns afronta ese debate con maiores garantías. Galiza foi perdendo peso e desdebuxándose. Unha Xunta en mans dun Feijóo que só ten por obxectivo “non ser un problema para España”, e as turbulencias dos derradeiros anos do nacionalismo, explican en bo grado a deriva. Mais auga pasada non move muíños, só agardo, que os sectores máis conscientes do relevante que este proceso será para o noso futuro, non estraguen a ocasión.

Sei ben que para hai unha vella tendencia que asume o noso devir desde a resignación. Moitos e moitas de bo corazón acreditan que un cambio nas siglas que gobernan España poden mudar un nefasto destino. Mais penso que se trabucan. Non podemos perder de vista que Galiza é un dos territorios  que en maior grao padece as consecuencias da falta de capacidade para decisión real. A  crise non fixo máis que agudizar os vellos problemas da economía e a sociedade galega. Un panorama que é preciso mudar, e para iso precisamos ferramentas políticas que nos permitan usar os nosos recursos en beneficio colectivo do pobo galego. Non se trata de ningún acto egoísta, todo o contrario, é aplicación da xustiza social e dun principio elemental de igualdade entre os pobos. Un proceso que tamén é legal, pois a legalidade internacional considera o dereito de autodeterminación e o dereito dos pobos a soberanía dos seus recursos naturais como parte fundamental dos dereitos humanos. O Estado Español non garantiu igualdade, perpetuou diferenzas. Analicemos senón os salarios na Galiza, ou as pensións, ou as bolsas a estudantes, ou os prezos do leite galego..... hai sempre un trato discriminatorio ao país. O estado unitario non garantiu a tan cacarexada igualdade, pola contra é factor explicativo.

Mais xa sabedes, o mito de España solidaria e feliz pesa moito na mitoloxía española. A  unidade tórnase dogma que respectan dereita e esquerda. Aproveito estas liñas para enviar a miña solidariedade e apoio ao pobo de Cataluña e denunciar a infame campaña de desprestixio contra o proceso polo dereito a decidir. Non deixa de ser curioso que os que demonizaron aos cataláns, os que deixaron sen contido o Estatut, os que prohibiron un referendo ao pobo catalán, pretendan erixirse en defensores da democracia. Nesta escalada que desafía toda racionalidade, reaparece a través da El País, Felipe González. Recoñezo que após ler o seu artigo fiquei impresionada pola falta de rigor e o insulto fácil de quen se autoproclama “home de estado”. Negar que o dereito a autodeterminación forma parte esencial da Carta da ONU e nos Pactos Internacionais de Dereitos Humanos de 1966, é como cuestionar que a terra xira arredor do sol. Acusar aos partidarios da independencia de emular o xenocidio nazi ou a Italia de Mussolini é un insulto tan grave que se descualifica por si propio. Só demostra a falta de rigor e o nerviosismo ante o resultado das eleccións de 27 de setembro.

Sei ben que o noso futuro non se escribe en Catalunya. Dependerá de nós propios -de nós propias- e de se actuamos en clave galega. Un debate que nada ten a ver con ser galego ou non, como maleficamente algúns queren confundir. Trátase de determinar que intereses prevalecen á hora de tomar decisións. Ter capacidade de decisión e instrumentos para abordar os desafíos da Galiza de 2015 non é falar do abstracto. É falar de recursos económicos para os nosos servizos públicos, de medios para defender o noso leite, de instrumentos para deseñar e apoiar un novo modelo produtivo que respecte o noso medio ambiente, defender un ferrocarril de proximidade, que contemos con ferramentas para loitar contra unha precariedade indecente das traballadoras ou para frear unha emigración que nos desangra.

O noso futuro depende do que colectivamente definamos. Podemos ser sucursal ou rachar coa dependencia centralista. No BNG apostamos claramente por un proceso que sitúe a Galiza no debate, como un suxeito político de cambio. Un proceso sen exclusión de ningunha persoa ou organización que estea disposta a romper co centralismo e concertar unha candidatura que dea corpo a un grupo parlamentario da nación galega. Sería un importante paso adiante nun momento clave para Galiza. Camiñar xuntas para avanzar. Pola Unión!  


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.