Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
06-05-2015

Tramítase no Congreso unha reforma regresiva da lei de montes estatal

Gobernar os montes dende Madrid

XOÁN COLAZO PAZÓ


Por moito que digan, fiel aos seus principios, o Partido Popular practica unhas políticas radicalmente reaccionarias. Neste senso non son nada conservadores, nin sequera reformistas. Con enormes resortes do poder da súa banda (poderes económicos e mediáticos, maioría parlamentaria, control do sistema xudicial e a placidez que dá axir en consonancia cos ventos ultraliberais que veñen de Europa e Norteamérica) o PP exerce sen dubidalo a súa folla de rota. Certa perda da aquiescencia no conxunto da sociedade do Estado, ou para ser máis concretos, a queda nas perspectivas eleitorais non ten provocado unha actitude máis cautelosa ou menos agresiva á hora de impoñer os ditados neoliberais. De feito, ante un futuro inmediato escuro nas súas perspectivas, até mesmo teñen acelerado o seu programa de servizo ao grande capital. Total, o descontento popular sempre se pode canalizar coa axuda dos poderes fácticos.

Aproveitando o estado  de shock en que a crise coloca a grandes capas sociais, o PP o mesmo fai unha “reforma” laboral totalmente involucionista, que nos fai retrotraer décadas de dereitos, que privatiza os 3.000 millóns de euros anuais que as cotizacións sociais de traballadoras e traballadores se deberan destinar á súa formación profesional. Caia quen caer. É neste contexto en que o PP pon en funcionamento unha das súas liñas ideolóxicas máis queridas: o centralismo, a españolización do Estado. Quizais para moita xente é evidente a postura do PP como partido que goberna para os poderes económicos en contra das maiorías sociais. Pero nos últimos tempos, cando menos en Galiza, a sempre presente dialéctica Galiza/Estado está a perder visibilidade. E porén, o proceso recentralizador acada nestes intres niveis paroxísticos, ante o cal Catalunya e Euskadi parecen ter claro que co Estado español non hai nada que facer. En Galiza ese vector españolizador que nos prexudica obxectivamente non remata de facerse visíbel para o conxunto do noso pobo. Mais está aí, máis forte e agresivo ca nunca.

Vén todo isto a conto de que, con moi pouco debate e sen case transcender, se está a tratar estas semanas unha reforma da Lei de montes estatal no Congreso. O monte ocupa case as dúas terceiras partes de Galiza, e, malia ao descenso xerado pola crise, está no conxunto das súas achegas (non só forestais) en preto dun 5% do PIB, e en máis dun 2% do valor engadido e do emprego, valores ben máis altos en relación cos medios do Estado. En concreto a produtividade do monte galego dobra a media europea, producimos a metade da madeira do Estado e a cuarta parte do seu valor engadido das industrias forestais. Podemos dicir que, como a pesca, ou o sector lácteo, o monte é unha realidade con enorme transcendencia e peso en Galiza, e non tanto no resto do Estado. En calquera caso con características, necesidades e intereses diferentes. Malia isto e contra toda a lóxica, é o Goberno do Estado o que marca as liñas e os marcos en que ha de desenvolverse unha política de montes en Galiza, coa subordinación entusiasta ou desleixada da Xunta. Baléirase así o pouco autogoberno que tiñamos.

A reforma da lei de montes incide en tratar todo o monte como forestal, o cal para o noso país tivo e está tendo unhas consecuencias negativas, e non se corresponde coa complexidade dun monte galego que debera ser multifuncional e variado, con dimensión social, ambiental e económica pero baseada na diversidade produtiva e non no monocultivo do eucalipto ou os cultivos enerxéticos. De feito a lei pasa a ser a referencia daquelas zonas agrícolas que introduzan este tipo de cultivos, cuxas terras deixarán de ser tratadas como agropecuarias para pasar a ser monte (forestal, na terminoloxía da lei), incidindo na perda de superficie agraria que tan escasa se está a facer en Galiza. Ademais a reforma proposta consolidará a consideración a nivel xurídico dos montes veciñais en man común como uns bens privados, sen recoñecer que esta realidade, que dentro do Estado só se dá na nosa terra, é un tipo de propiedade que non é pública pero que tampouco pode ser considerada como outras propiedades privadas, pois ten características propias diferenciais. A súa natureza específica non se reflicte como dende hai tempo se vén reclamando dende o movemento veciñal máis consciente e progresista do noso país e mesmo se retrocede respecto á redacción anterior da lei actual. A reforma está, como diciamos, atravesada en todo o seu articulado e na súa filosofía inspiradora nunha uniformización para todo o Estado, entrando a baleirar as competencias que en materia de montes ten Galiza como comunidade autónoma. Créanse ademais órganos de coordenación (Conferencia Sectorial de Agricultura) na que as comunidades estarán subordinadas á Administración Xeral do Estado, así como que se potencia o Consello Forestal Nacional. Esta planificación estatal uniformiza e favorece a implantación de políticas non pensadas para o noso país. O ataque ás funcións dos axentes forestais e o seu sometemento á Garda Civil –que semella que no trámite parlamentario o PP pode rematar retirando ante as enormes críticas recibidas- ou a apertura da posibilidade de recualificación urbanística dos montes queimados son outros aspectos negativos desta normativa que está a piques de se aprobar.

A política de montes galegos segue, como dende hai séculos, a depender dun poder alleo, situado a moitos centos de quilómetros físicos e mentais de nós. Como cando a veciñanza tivo que coidar das devesas reais nos seus montes para construír armadas invencíbeis, como cando tivo que plantar piñeiros nos montes que alimentaban os seus gandos baixo pena de multas no franquismo. Ou como agora, que as comunidades de montes seguen a pagar o inxusto imposto sobre sociedades por mandato do PP e a Dirección Xeral de Tributos de Madrid. E tamén esta lei de montes, que non é positiva para o Estado, pero dende logo é nefasta para Galiza.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.