Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
06-03-2015

Ao fío dun informe da CIG sobre a comarca de Vigo

A noite é quen dorme por fóra das casas

XOÁN COLAZO PAZÓ


A descrición da realidade económica do noso país é desoladora. Quizais por iso o labor das persoas que toman a palabra, no remate de calquera das mobilizacións que nos últimos anos enchen de xente as rúas de vilas e cidades, vólvese ingrato. Convértense de primeiras en portadoras de malas novas, teñen necesariamente que debuxar un panorama duro no que todo son nubes negras até onde chega a visión. Deste xeito é difícil aplaudir con ánimo unha enfiada de datos cada cal máis negativo. Mais a realidade imponse. O coñecemento e asunción da situación socio-económica de Galiza é o primeiro paso para podermos explicar as súas causas e culpábeis, e para poder pór alternativas que nos fagan superar este saesepodes no que se converteu a crise. Porque calquera pode intuír cales son as tendencias que definen a situación galega hoxe por hoxe. Pero defrontarmos os datos concretos que fan referencia a aspectos fundamentais das nosas vidas é necesario e fainos ser conscientes da gravidade da situación actual.          

A lectura e análise dun informe da Unión Comarcal da CIG de Vigo, dado a coñecer hai poucas semanas, é ilustrativo da fondura dos nosos problemas e da urxente necesidade de construír alternativas para termos futuro como pobo. Nesta recomendábel análise póñense de manifesto os efectos que a crise e as políticas da dereita provocaron na bisbarra de Vigo dende o ano 2007 até a actualidade. Por unha banda vese que a base económica está moi deteriorada, cos sectores produtivos típicos da cidade moi erosionados, con caídas no naval á cuarta parte do que era hai pouco e o sector da automoción que está en todas as variábeis en cifras sensibelmente máis baixas que hai anos. A queda destes sectores está mesmo exento do lene freo na destrución que se dá noutras latitudes. Se a industria era unha das bases produtivas da comarca de Vigo e ve reducida a súa actividade case a un nivel de subsistencia, e se a pesca segue a baixar ano a ano o valor das súas descargas, estamos ante un agravamento da terciarización da economía viguesa que non resulta nada recomendábel. En calquera caso o sector servizos depende no fundamental de que a industria teña actividade, e se non é así ao cabo tamén el padecerá as consecuencias con toda a crueza, moito máis do que xa se vén notando.          

A consecuencia directa do deterioramento da base económica na área de Vigo é a diminución de postos de traballo e de contratos (cada vez máis precarios, temporais e a tempo parcial) e uns salarios de menor capacidade adquisitiva. Aumentan, iso si, o desemprego e os inactivos, malia que a crise teña expulsado do país e da outrora unha das súas comarcas punteiras miles de persoas cara á emigración. O desemprego case se dobra, hai 66.800 desempregados/as fronte aos 37.500 de 2007 e unha quinta parte deles levan máis dun ano sen atopar emprego. 30.000 persoas perderon nos últimos anos o seu posto de traballo. Na cidade de Vigo a taxa de desemprego medrou 8 puntos nese período: pasou do 15,6% ao 23,6%. As persoas activas son cada vez menos, e diminuíron un 5% os afiliados á Seguridade Social. Destrúense empresas e traballo asalariado, que engloba grande parte das persoas ocupadas que existen na comarca.          

As consecuencias sociais que se derivan dese empeoramento económico son tamén alarmantes nunha cidade onde a maioría da poboación depende da entrada de salarios todos os meses. 8.000 fogares con todos os membros no desemprego (aumentando os que só ingresan prestacións), 54.000 persoas en risco de exclusión social, máis da metade da poboación con dificuldade para chegar a fin de mes; son estas algunhas cifras que reflicten unha realidade moi dura para as amplas capas sociais que as padecen. Por outra banda, seguen os desafiuzamentos, cando menos 2 por día nos últimos anos, sen que as administracións teñan vontade real de trocar situacións tan inxustas como esta. 700 son os usuarios do albergue municipal de Vigo, e preto de 300 persoas viven permanentemente na rúa, só na cidade.          

Con todo isto podemos comprobar que se anteriormente á chegada da crise o deterioramento de certos aspectos socio-laborais e económicos era gradual, agora dáse un salto cara a abaixo cualitativo, cunha fonda perda de base produtiva, de nivel económico, de dereitos laborais e de condicións de vida. A maiores, respecto a Vigo, pódese facer unha reflexión tamén ben pouco agradábel: xa non estamos a falar de desertización económica e poboacional no rural, estamos a falar de grave crise e de perda de peso no contexto galego e alén del dun dos pólos económicos máis importantes con que contabamos en Galiza. Se en Vigo a crise fai ver os seus efectos devastadores, as perspectivas do conxunto do país non semellan ser moi boas.        

Estes datos tan negativos e persistentes poderían facer caer na depresión grande parte da nosa sociedade. Mais non debe haber resignación. Hai que concienciarse de que existen alternativas reais para superar esta situación, baseadas nas propostas e traballo de quen está no día a día e leva moito tempo na loita ideolóxica, sindical e política a prol deste país. O propio informe apunta que será a soberanía quen nos permita superar este capitalismo que padecemos. E no concreto tamén se indican medidas que a curto prazo darían pulo ás nosas perspectivas de desenvolvemento económico, e en consecuencia, de mellora das condicións materiais de vida. Rematando coa reforma laboral e as ETT, facendo unha reforma fiscal, diminuíndo xornadas laborais e mellorando os salarios mínimos e as prestacións, defendendo os servizos públicos e a intervención pública directa na economía. E para Vigo, entre outras múltiples cuestións, poñendo en marcha un plano de desenvolvemento industrial que de xeito urxente troque a tendencia destrutiva actual, e que sexa alicerce dunha mellora económica xeral.          

Do outro lado da fiestra está a chover, na escurecida. Como dicía Manoel Antonio, a noite é quen dorme por fóra das casas. Cando ninguén teña que durmir así, rematará a noite.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.