Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
04-01-2015

A colonización mental que se padece tende a eliminar toda capacidade de identificación positiva co país e as súas posibilidades

Made in feito en Galiza

XOÁN COLAZO PAZÓ


É innegábel que a capacidade produtiva de Galiza ten sido historicamente tronzada. Pero non só durante séculos estiveron desaparecidas as oliveiras do sul galego, onde foran e volven ser perfectamente cultivábeis e viábeis economicamente. Non só nos podemos referir a un pasado moi afastado e a uns produtos concretos do agro. Cando se fala de capacidade produtiva facémolo en senso amplo, de produción de bens económicos, pero tamén culturais, e tanto hai moito tempo como hoxe por hoxe. O noso sometemento a unha soberanía allea implicou e implica a existencia de múltiples mecanismos para manter esta situación. Deste xeito, non producimos nin moito menos todo o que por clima, capacidade, experiencia, capital ou tecnoloxía poderiamos levar adiante. De fóra impídennos pescar mesmo dentro das nosas rías; prohíbenlle facer barcos aos nosos estaleiros e producir leite ás nosas vacas. E por aí adiante.
Mesmo así, algunhas cousas aínda facemos e algúns produtos danse na nosa terra.

Pero incluso desas cousas fannos crer que algunhas non as facemos nós. E moitos están dispostos a crelo; xa se sabe: a terra é mala, chove moito, non sabemos nin temos formación ou capacidade de aprender, somos apoucados e pouco emprendedores, a fatalidade,... De fóra si é que vén todo o bo. En Galiza non hai sidra. A sidra, de sempre, é toda asturiana. E de Galiza non sae camión ningún carregado de mazás para as sidrerías asturianas. Eles abastécense só dos seus pomares. E a carón deses pomares dánselle aos asturianos unhas fabas de primeira que comercializan por toda a parte e teñen grande sona, pero, claro, nin unha soa delas é procedente do val de Lourenzá, como se van dar nalgures en Galiza uns legumes tan bos… Como tampouco hai aquí granito de calidade que ergue edificios nos cinco continentes; a pedra boa é a italiana tipo Porino.

E non só o que se produce. Tamén o que de xeito ventureiro agroma na nosa terra dende hai séculos non debe recoñecese como propio, a orixe será sempre foránea. Os mastíns que adurmiñados gardan as casas e miran polos rabaños dende hai séculos e xeracións no Macizo Central Galego son mastíns leoneses; e os podengos que evoluíron ao tempo cós coellos de monte e os toxos arnais son… portugueses, home non! E mesmo nós non creamos unha cultura propia enraizada na terra que lle poida ensinar nada ao mundo; aí están os horros tipo asturiano da Fonsagrada ou Navia. E que bonitos son os forts de Eire e os dolmens bretóns, que aquí nada diso hai; ademais eles si que son celtas, como os de Numancia, que se lles ve no branco dos ollos,… Aquí, dos tempos de antes, só catro pedras vellas quedaron ciscadas e arruñadas, que non valen máis que para molestar.

O propio país non é que se chame Galiza -invento de agora-, nin sequera Galicia, é que o propio espazo físico semella non existir como entidade propia. Mesmo a información meteorolóxica do telexornal da TVG refírese a que haberá nubes en toda a Comunidade Autónoma, como se tamén Madrid houbera de permitir cando pode aquí chover ou non. (Directamente no espazo do tempo da “desconexión territorial” da TVE –cada día máis minguada- xa pasaron a dar a nova en español e referíndose a todo o Estado).

O asunto é que a colonización mental que se padece tende a eliminar toda capacidade de identificación positiva co país e as súas posibilidades, a ocultar e minusvalorar todo o propio. Téñennos sacado mesmo a capacidade de coñecer, recoñecer e valorar os nosos produtos, de saber cal é a súa orixe.

Pois iso, que non nos coman o coco.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.