Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
19-09-2014

Na recente campaña pola independencia, os escoceses criticaron que os unionistas só falaran de diñeiro, deixando a un lado cuestións tan importantes coma o futuro da nación ou a identidade

A liberdade é fermosa

XURXO MARTIZ CRESPO


Unha recente publicación de Terra e Tempo, 50 preguntas, 50 argumentos para a soberanía de Galiza explicaba as razóns de por que Galiza podía ser un Estado independente e soberano. Os recentes discursos en contra da independencia de Escocia facían fincapé na «soidade» da independencia, nas penurias económicas, no «atraso» que significa vivir do  «pasado » que, segundo os liberais e «cosmopolitas» centralistas, é o lugar en que habita o nacionalismo que non é o seu.

Estes contos de camiño distan moito da verdade que vemos acotío. Se de verdade Catalunya vivise do Estado español, tal como eles levan predicando, a independencia non deixaría de ser un suicidio.

A suposta «volta ao pasado» dos nacionalismos sen Estado non chega nin aos 140 anos, cando se fundaron a maior parte dos movementos nacionalistas en Europa en defensa dunha agresión constante dos Estados nacionalistas centrais.

A lista de Estados independentes comeza cos americanos, os primeiros Estados libres de seu, polos seus propios medios, da historia da Humanidade. Despois chegarían os africanos e asiáticos, unha vez rematada a segunda guerra mundial. Ningún deses novos Estados, desde Belice até Surinam, pasando por Irlanda, Islandia, Eslovaquia, os Estados Bálticos, Timor Oriental ou Djibuti pediu o seu «reingreso» ao lugar do que saíron por seren Estados «falidos» ou nadaren en problemas económicos.

E. F. Schumacher criticaba en O pequeno é fermoso (1973) a sociedade distorsionada polo culto ao crecemento económico. Moitos dos novos Estados independentes teñen ese tamaño «pequeno» que os fai máis manexábeis, máis entrañábeis, máis humanos.

Na recente campaña pola independencia, os escoceses criticaron que os unionistas só falaran de diñeiro, deixando a un lado cuestións tan importantes coma o futuro da nación ou a identidade.

Os unionistas opinan que Irlanda é un Estado falido. A súa historia de pobreza e emigración até chegar ao despegue económico de tres lustros e posterior derrubamento e rescate financeiro facía que a aventura independentista tivese como resultado final o fracaso como país.

Alegaban que, de seguiren no Reino Unido, habían ter unha renda maior e un nivel de vida máis alto. Os irlandeses aseguran que isto probabelmente sexa certo pero, de seguiren no Reino Unido, non serían libres.