Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
27-05-2014

A diferenza entre Cuba e os outros países, e mesmo do mundo capitalista é a que hai entre a vida e a morte para as persoas

Crónicas Habaneras (I)

FRANCISCO GRAÑA


Na Habana, os edificios e as vivendas que quedan en pé, despois de demasiados anos de falla de mantemento, derrúbanse pouco a pouco. No centro de Habana vella fun testemuño do afundimento dun edificio tras unha treboada, e isto e un feito continuado. Os seus residentes tiveron que durmir na rúa e logo foron recollidos en outras vellas vivendas tamén a piques de caer, máis amoreados aínda que antes.

Mas non desesperemos, pois xa está en funcionamento a gran fábrica de cemento “Karl Marx” e outra máis en construción, que levaba máis de 25 anos parada por falla de combustible. Cuba xa volve a dispoñer de petróleo que recibe polo intercambio de servizos médicos que presta en América do Sur, grazas a semente que plantou pola súa resistencia ao Imperio, que paga caro co bloqueo. De día e de noite, brigadas de obreiros da construción non paran nin descansan no traballo de restauración e reconstrución  do territorio urbano. Os tempos de vivir dos regalos da Unión Soviética xa remataron hai tempo e hai que recuperar o tempo perdido, traballando duro nun país sen recursos materiais. Arestora non se respecta o dereito ao descanso nocturno, nin sequera para os intocables “yumas” (turistas con euros ou dólares canadienses). Quen dixo que as e os cubanos son pouco traballadores ?.             

Cuba é o pais do apaño como medio de supervivencia nun estado de necesidade estrema e escaseza de artigos  de consumo máis elementais, todo vale, todo e aproveitado e obxecto de intercambio; economía somerxida xeneralizada por todos e todas as cubanas, desde Fidel até as cubanas das Tunas .             

As e os cubanos din que os galegos (as galegas non as coñecen) son os máis duros e fortes, que duran unha eternidade, e poñen aos irmáns Castro como exemplo. Tamén din que o Che Guevara era un verdadeiro revolucionario, pois ía facer millonarios, ao estilo americano, a todas e todos os cubanos; este é o gran mito alimentado pola CIA, Raúl, pola contra, é un descendente de galegos, cutre, que meteu a Cuba na pobreza, aínda que ninguén pase fame. Mas se viaxas a Haití, Puerto Rico,.....atopas toda clase de produtos bonitos, alí non hai bloqueo USA, non falta de nada, como si falta en Cuba, mas a inmensa maioría das xentes  destes países viven na miseria e morren de fame e de enfermidades, aínda máis que na Península Ibérica, que xa é dicir;  mas nestes países teñen liberdade e un sistema electoral de democracia perfecta.                

Explicáronme o sistema electoral cubano, pondo un exemplo no que eu era o protagonista e saía elixido candidato pola Asemblea do barrio (cadra). Calquera residente pode presentarse diante da Asemblea e ser proposto como candidata ou candidato. As candidaturas son individuais e non propostas en listas de partidos políticos. O candidato Paco sae elixido en votación secreta para formar parte da Asemblea Municipal, posteriormente tamén na Asemblea Provincial seguindo o mesmo proceso. Mas xa na Asemblea Municipal comeza a actuar un filtro. Nas democracias capitalistas occidentais, o filtro comeza coa selección das candidaturas nas cúpulas dos partidos políticos dependentes dos poderes económicos privados. Aquí é o partido dirixente o que controla o proceso electoral pola súa capacidade organizativa e omnipresente. Paco é un veciño traballador e honesto que non pertence ao Partido, pero non atopa obstáculos , unha vez que gaña a votación, todo o contrario para ser elixido nos seguintes niveis superiores. Mas si Paco  é un disidente do sistema, presto a colaborar co Imperio, o un individuo deshonesto , Paco queda aparcado no nivel de membro da Asemblea Municipal, mas xa non recibe un apoio maioritario para ascender ao seguinte. Ao revés que en Occidente, onde son  apoiados os máis corruptos e canto máis deshonestos máis mérito posuín para medrar na carreira política.             

Non hai xente na Habana tirada pola rúa , aínda que de cando en vez se derrube un edificio despois dunha treboada. En Cuba gusta facer alarde da súa pobreza, e tentan sen éxito sacar a miseria a relucir; ao contrario que en Occidente onde esta ocúltase baixo as estatísticas e o PIB. Unha moza sinálame a unha rapaza que está a revolver un depósito de lixo, e dime toda convencida  “Ves aquí tamén hai miseria”. É o único caso que vin na Habana .”Neniña, estará buscando algo específico, polo lugar onde está situado”. En todo caso esta é a excepción que confirma unha regra xeral; non hai xente remexendo no lixo como en Occidente. Aquí en Cuba, si é unha regra xeral que as nenas e nenos cubanos enfermos salven as súas vidas e non morran como nos países da contorna, como no caso das e dos nenos cos intestinos afectados de parasitos tropicais que sobreviven grazas a Sanidade Pública cubana, coma fun testemuña no caso do teu neno de tres anos, neniña. A diferenza  entre Cuba e os outros países, e mesmo do mundo capitalista é a que hai entre a vida e a morte para as persoas. Grazas a Revolución cubana e o réxime dos Castro, a vida continúa na illa caribeña, con moitas necesidades insatisfeitas, e incomunicación co bloqueo do Imperialismo. A existencia da dupla moeda CUPS e Pesos nacionais é hoxe a via para subvencionar o consumo básico da maioría social. Falta o papel e se chega a usar para escribir, ou para outros usos, o papel do Sagrado Corán; libro editado e financiado polo Rei Al-Saud do Reino de Arabia Saudita, que regala repartindo milleiros e milleiros por toda a Habana, haber si as e os cubanos fanse seguidores do Islam, e de paso dos EUA. Por iso tamén inundan a Habana dende Miami  de camisas e pantalóns femininos decorados coa bandeira das barras e estrelas dos EUA. Estes produtos non están bloqueados e a policía cubana pasa olimpicamente deles, mas controla.                      

E mentres hai vida hai esperanza, pois si Cuba cae nas mans do Imperialismo, a morte e a miseria están garantidas para a maioría, e este desenlace o perciben ben todas e todos os cubanos, aínda que non lles guste.