Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
15-01-2014

A principio dos pasados anos 70, na época dourada da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas, prodúcese e estréase en Letonia un singular filme, Vella kalpi

Letonia, Galiza, a URSS e o cinema

MIGUEL RODRÍGUEZ CARNOTA


Un recente artigo de Manuel Rei Romeu neste mesmo voceiro dixital sobre a rodaxe do filme A esmorga lémbranos novamente o extraordinario valor que o cinema posúe na formación ou deformación da conciencia identitaria dos pobos.  Tratarei de ilustrar esta idea, se mo permiten, a través dun pequeno rodeo xeográfico.          

A principio dos pasados anos 70, na época dourada da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas, prodúcese e estréase en Letonia un singular filme, Vella kalpi, Os servos do Diaño (Aleksandrs Leimanis, 1970). Vella Kalpi, rodada integramente en letón, é en aparencia unha graciosa comedia de capa e espada na que uns expresivos actores representan con bastante alegría uns personaxes que fan gala dunha sagacidade e un enxeño propios do imaxinario colectivo daquel país.        

Mais Vella kalpi é algo máis. A trama, que discorre na Riga do século XVII, desenvolve os atrevidos esforzos dun fato de letóns por conxuraren unha invasión estranxeira. O filme está hoxe vivísimo na memoria colectiva dos cidadáns da Letonia independente, sobre todo daqueles que sobordan a cincuentena. Daquela, cando nenas e nenos, tiveron a oportunidade de identificárense cunha manchea de heroes simpáticos e resolutivos, arteiros e ben sucedidos que falaban con normalidade a súa lingua e defendían a súa terra fronte aos invasores.              

Hai quen hoxe interpreta a aparición daquel histórico filme como unha especie de cabalo de Troia que a cinematografía estatal letona lograría ter introducido, para proveito do seu país, no recinto amurallado do fundamentalismo soviético. Baixo unha  óptica de clase agocharíase unha historia de identificación nacionalista, e a aparición do filme non representaría máis que un esporádico gol que a modesta RSS de Letonia tería metido na portaría de Moscova.                 

Mais quen isto defende debería explicar por que razón a portaría soviética era tan doada de golear naquela altura. Un ano antes fora a estoniana Viimne reliikva, A última reliquia (Grigory Kromanov, 1969) a que dun xeito moi semellante facía as delicias do público da veciña república báltica. E dous anos máis tarde, en 1972, a secuela dos Servos do Diaño aparece nas pantallas letonas co título de Vella kalpi Vella dzirnavās, Os servos do Diaño no muíño do Diaño. E aínda que as segundas partes nunca foron tan boas como as primeiras, aí temos ás nenas e os nenos letóns a soñaren de novo con heroes de capa e espada que loitaban, rían, bebían e amaban en letón.      

No outro estremo do continente, no mesmo ano da estrea de Vella kalpi, o cineasta vasco Pedro Olea dirixe a que é considerada como a mellor película de tema galego durante o franquismo, El bosque del lobo. Este filme, rodado na Bola (Ourense), conta o caso dun home acusado de licantropía na Galiza do XIX. Olea, hoxe de setenta e cinco anos, lembra que “durante a rodaxe a xente se desculpaba por falarme en galego”.  O director e produtor quixo ao parecer rodar parte da película na nosa lingua, cousa que os distribuidores, por razóns obvias, lle terían quitado da cabeza.            

Pero tal consideración –frustrada- do realizador vasco coa lingua e a cultura do país era a excepción que confirmaba a regra. Dez anos antes o filme La casa de la Troya (Rafael Gil, 1959) presentaba na versión orixinal a xa famosa escena na que unha das señoritas protagonistas entoaba ao piano No xardín unha noite sentada segundo saíra da pluma de Curros. Esta perigosa escena foi censurada por orde gobernativa. Eliminada sen piedade. Os galegofalantes tiñan o seu lugar, e este non era nin os salóns dos pazos nin as pantallas dos cines.          

Eran os anos nos que o coruñés Tomás Ares dominaba ao seu xeito o panorama cinematográfico galego. Ares, máis coñecido como Xan das Bolas, gañaba a vida aparecendo como secundario ou terciario en toda canta película española precisase dun pintoresco galego en papel de submiso ou, directamente, facendo o parvo. Sotaques imposíbeis, ridículos espantosos e unha e outra volta a incidir no estereotipo negativo do compatriota insignificante ou falto de luces. Ares participou en máis de cen filmes.          

Pois ben: mentres os pequenos estonianos e  letóns, grazas ás cinematografías estatais soviéticas, vibraban coas aventuras dos seus arteiros espadachíns, os nenos galegos urbanos remexíanse na butaca e, na escuridade da sala, púñanse de todas as cores cada vez que aparecía un suposto galego na pantalla. Son testemuña en primeira persoa. E quen sabe como se sentirían as crianzas rurais, obxectivo directo daquela burla deseñada ex profeso para facer rir alén do Manzanal a costa de avergoñar forzadamente a todo un pobo por ser quen é.              

A industria cinematográfica soviética (oh, terríbel ditadura!) permite ángulos de representación propios e diferenciados. Impulsa e afonda no desenvolvemento de cinemas autóctonos de repúblicas con idiomas nacionais como o letón ou o estoniano, menos falados que o galego. A cinematografía española vén historicamente a Galiza de vacacións e esfórzase por incidir en estereotipos intranscendentes, subordinados e ofensivos, que perduran no tempo nesta democrática e inacabada longa noite de pedra. Non creo que sexa posíbel explicar o devir histórico de cada un dos países sen considerar feitos culturais como estes, que marcaron e marcan xeracións enteiras.