Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
06-01-2014

Estrutura político-administrativa para unha Galiza dona de si

Territorio soberano (I)

XOÁN COLAZO PAZÓ


Dependente de poderes alleos, o noso país careceu nos últimos séculos de capacidade para organizar a súa vida de acordo coa súa realidade e necesidades. For no Antigo Réxime ou trala implantación do moderno estado liberal, o poder central creou estruturas administrativas locais pensadas para outras latitudes que pouco tiñan que ver con nós, e que en calquera caso servían para afianzar o dominio político e económico sobre a nosa terra. Hoxe, o problema territorial galego segue a ter base fundamental nese inmenso divorcio entre realidade propia e estruturas político-administrativas que dende fóra se deseñan e que non se adaptan en absoluto a aquela.                        

Pero tras moitos séculos de imposicións alleas, a realidade xeográfica, social e cultural presentes no noso territorio seguen a modelar un conxunto de relacións de todo tipo que manteñen unha vizosidade e resistencia á asimilación innegábeis. As características da identidade territorial galega seguen vixentes e reclaman unha máis lóxica organización dentro da perspectiva dunha Galiza soberana. O crecente centralismo que o Estado Español está a revivir indica que dentro do actual deseño político-institucional non se albisca solución ao problema plantexado. Máis ben estase a ir en sentido contrario, favorecedor de España e contrario aos nosos propios intereses.                          

Se partimos da análise verbo do lugar físico sobre o que asenta a nosa poboación ollamos que vén determinado por dous factores: o relevo e a dinámica demográfica. O primeiro, o relevo, carece dunha clara orientación, pero a grandes riscos -e seguindo a Otero Pedraio- distínguense dúas grandes unidades: a Galiza oriental e a occidental, subdividias á súa vez en función dos vales formados polos grandes ríos. Outros autores introducen no esquema anterior leste-oeste a diferenciación entre un conxunto topográfico setentrional e outro meridional.

Dende o ponto de vista demográfico en relación con ese medio, o territorio galego diferncia novamente a Galiza oriental da occidental, tendo en conta o medre e a concentración poboacional da segunda fronte á primeira. Os case 2,8 millóns de habitantes de Galiza distribúense en máis de 31.000 núcleos de poboación, dando conta do enorme espallamento dos asentamentos no medio. Na actualidade estase dando unha forte tendencia a concentrar esa poboación nas cidades e nos núcleos cabeceira de comarca, e comezan a ser centos as entidades de poboación dehabitadas, e miles as que contan con moi poucas persoas e cunha demografía que as condena á desaparición, revertindo a dinámica vixente nos últimos séculos de habitar por completo todo o noso territorio.            

Sobre esta realidade moldeada ao longo da historia, as dinámicas tradicionais de encadramento social e de relacións económicas deron vida ás paroquias e ás comarcas, funcionais para a nosa sociedade durante moito tempo. Porén, o moderno Estado español superpuxo no s.XIX unha organización do territorio baseado nos concellos e provincias, aos que dotou de entidade político-administrativa. As mínimas tentativas de corrixir isto, polas que o nacionalismo pulou, ficaron na práctica en simples enunciados que non deron tomado corpo. Podemos comprobalo coa redacción dos artigos 2.2, 27.2, 40 e 41 do actual Estatuto de Autonomía de Galiza, que indica que son paroquias e comarcas formas tradicionais de encadramento social cuxa organización lle corresponde competencialmente ao poder autonómico. En máis de 30 anos de vixencia destas disposicións, practicamente nada se fixo para darlle contido, resultando ser auga de castañas, como aquela proposta que xa no 1931 -no Anteproxecto de Estatuto de Galiza- situaba a paroquias e comarcas como as bases do réxime local galego.

Se o marco autonómico actual non foi quen de dotarnos dunha estrutura político-administrativa minimamente lóxica, por falla de interese e vontade política e polas limitacións derivadas da nosa inserción no Estado español, ha de ser no marco dun poder constitutivo galego onde se constrúa un modelo territorial propio e acaído para Galiza. Temos a necesidade de dotármonos dunhas institucións racionais, que sirvan aos nosos intereses, que permitan desenvolver a economía e a vida das nosas comarcas, e o que asenten poboación por toda a nosa xeografía axudando a aproveitar e non desbaldir un dos principais recursos que temos: o territorio. Para iso precisamos partir de que a realidade territorial galega e a época actual permiten novos xeitos de relacionármonos co territorio, con avanzos en mobilidade, comunicación, xeitos de traballo e aproveitamento da terra, novas necesidades de contar con servizos, de ocio e de cultura.

Debemos debater e propor cal será a organización territorial dunha futura Galiza soberana, pois sen un territorio en función de nós non poderemos acadar plenamente aquel obxectivo. Semella tarefa urxente irmos definindo e decidindo cal e como implantar o novo modelo territorial para a nosa terra.