Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
18-12-2013

A axuda pública á banca situase preto dos 360.000 millóns

Contra o espolio

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN


O sistema financeiro do Estado Español non levanta cabeza até o punto de que as principais entidades de crédito que fixeron públicos os seus resultados referidos aos primeiros nove meses do ano presentaron perdas, chegando mesmamente a abrir unha nova liña de axudas para a banca por 36.000 millóns de Euros, ampliábeis a 50.000, que xa coñecemos como o “Decreto de Guindo III”, que pretende facilitar que as entidades de crédito do Estado poidan sortear os criterios de Basilea. Agora ben, no que nos ocupa, como noutras ordes da actividade económica, volve a chover sobre mollado posto que a pesar das inxentes cantidades de diñeiro público que se ten transferido ao conxunto do sistema financeiro para sacalo da UVI a situación lonxe de mellorar empeora deteriorándose dun ano para outro os principais indicadores que dan conta da saúde do mesmo. Nun panorama como o que vimos de trazar a boa pluma non deixa de sorprender , se o criterio que movese ao Ministerio de Economía e ao Banco de España fose dar unha saída que solucionase de verdade a problemática do sistema financeiro galego e non a vontade política pero tamén a lóxica do capitalismo de centralizar o poder económico, que se proceda neste momento a poxa a Nova Galiza Banco, dada a súa situación de quebra e os potenciais compradores polo seu nivel de penetración no mercado galego.              

A banca española continúa enfrontando unhas perdas escandalosas, que na maioría dos casos non consegue maquillar co seu negocio internacional. Se os dados de 2012, aos que nos temos referido en anteriores artigos neste medio, implicaron auténticos fitos en canto a resultados negativos para a banca, os números de 2013 seguen a presentar a mesma tendencia, cifrando as súas minusvalías o Santander, BBVA, Caixa Bank e Popular no primeiros nove meses do ano en 1.758 millóns de euros. Agora ben, isto non é nada se atendemos a contía das axudas que en forma de créditos fiscais, os famosos activos fiscais diferidos sobre os que tanto calou o Banco de España, beneficiaron en 2012 ao conxunto do sistema financeiro e que segundo fixo público o Ministerio de Facenda representan arredor de 56.000 millóns de Euros. Así Caixa Bank declara beneficios por 71 millóns de Euros porén ese marxe resulta dos 1.177 millóns de Euros de diñeiro público que recibe pola operación do Banco de Valencia, o Banco de Santander enxugará as perdas coa venta de parte do seu negocio asegurador a AEGON por 467 millóns de Euros o que lle permitira situarse nuns beneficios finais de 66 millóns e xa presentándose unha situación aínda máis complexa para o BBVA que voltará a salvar os números co operativo no exterior particularmente en México.          

A factura da axuda pública á banca situase preto dos 360.000 millóns de euros, incluíndo o diñeiro que esta debe ao Estado en concepto de créditos fiscais por entenderse tributos de pago fraccionado. Se ben non é doado concluír con precisión sobre o monto total das axudas públicas ao sistema financeiro pola opacidade coa que actúa o Estado á hora de achegar esta información, existe un consenso xeneralizado de que a contía das mesmas aproximase aos 300.000 millóns de euros. Aínda así para chegar a estes números abonda con sumar os 40.000 millóns de euros do Fundo de Adquisición de Activos, os 25.000 millóns de euros que se corresponden cos xuros da débeda pública dos últimos 5 anos vinculados ao respaldo estatal as emisións de débeda privada pola banca, os 145.000 millóns de euros do FROB 1 e do FROB 2, os 32.650 millóns de euros do FROB 3 e 41.300 millóns de euros do Fundo de Rescate Europeo o que suma un total de 283.950 millóns de euros, aos que compre sumarlle 56.000 millóns de euros dos créditos fiscais e 15.000 millóns do fondo de comercio. Porén hai máis, posto que a banca española apropiouse de débeda subordinada de miles de aforradores por 75.000 millóns de euros, ten débedas co BCE por 500.000 millóns de euros e nos vindeiros dous anos terá que facer fronte a vencementos de 250.000 millóns de euros.            

A operación de venda de Nova Galiza Banco primeiro de nada vai significar un grande negocio para aquel banco que se faga coa propiedade da entidade resultante da fusión das antigas caixas e por suposto nun espolio de dimensións difíciles de cuantificar para o conxunto do pobo galego. Alén da situación de quebra da entidade e da contía das axudas públicas que percibiu, isto é 15.000 millóns de euros, aos que debemos sumar os 13.000 millóns activos de dubidosa calidade que asume o SAREB e os 4.5000 millóns dos que se favorece por un crédito fiscal, non debemos esquecer que o comprador da mesma recibirá no momento do feche da operación, precisamente por este concepto de DTA ou créditos fiscais, unha contía de 2.350 millóns de Euros. Ai nada, o gañador da poxa situarase á cabeza dos beneficios no sector bancario en 2014. Non acaba aquí o negocio, posto que se ben a entidade adelgazou, tanto no que ten a ver na participación noutras actividades económicas como na propia estrutura da entidade, pasou de activos por 72.236 millóns en 2011 a activos por 59.983 millóns en 2012, Nova Galiza Banco segue a ter o 36% das oficinas bancarias en Galiza e o 39% do total do negocio. Aínda así, hai algo máis importante que é a capacidade dos galegos e das galegas de xerar aforro neto, até o punto de que mentres na media do Estado español este mantívose inalterábel no periodo 2010/2012 en Galiza aumentou arredor dun 5%, na mesma proporción que o crédito aumentaba no estado e descendía en Galiza. Un dato preocupante polas consecuencias que en termos de emprego pero tamén de oligopolio pode ter a operación é o nivel de penetración en Galiza do Santander co 13% das oficinas, BBVA co 9% e Caixa Bank co 9%. Aclarémonos á marxe do beneficio inmediato que xeraría a compra, o propietario contaría cos depósitos dun territorio que produce aforro neto e cun centro do mercado en réxime de práctico oligopolio.        

O quebracabezas bancario está lonxe de fecharse, os procesos de fusión e absorción seguen incompletos, pezas moi importantes seguen pendentes de encaixe e non somos quen de ver un armazón básico que permita verificar o destino do sector a curto e moito menos a medio prazo. Unha crise nun estadio do capitalismo maduro, tense que dar necesariamente no ámbito das finanzas, posto que é a financierización a resposta do sistema á tendencia ao estancamento, até que non enfrontemos e analicemos nesta clave a convulsión que se da no ámbito das finanzas non seremos quen primeiro de comprender e despois de dar respostas a situación. Abonda como exemplo disto os resultados que produciron nunha mellora da  situación as mudanzas lexislativas, nomeadamente en materia de capitalización, morosidade e provisións ou mesmo as análises sobre as necesidades de capital. Porén o que imos verificando é o asentamento daqueles elementos que son definitorios do capital monopolista, proceso que se acelerou coa xestión da crise, e que no ámbito das finanzas ten exemplos en que só 5 entidades controlan máis do 83% da cota do mercado en Galiza, realidade só superado por Estonia, e que evidencia unha práctica oligopolista, unha redución do crédito ao tecido económico na mesma contía en que aumentan os depósitos (arredor do 5% en 2012) o que deixa ás claras á drenaxe do aforro, un aumento das comisións ou dos marxes de negocio, como nova forma de acumulación por expropiación que xa advertía Lapavitsas, en definitiva a concreción dun outro espolio contra o pobo galego.