Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
06-07-2013

A devaluación interna é outra imposición dunha Unión Europea que nos afoga

Máis valor, menos valor

XOÁN COLAZO PAZÓ


A devaluación interna é outra imposición dunha Unión Europea que nos afoga.        

Grazas á Unión Europea e á fabulosa crise na que nos introduciu estamos escoitando termos a medio camiño entre o eufemismo e a escura denominación tecnocrática. Cobra agora relevo a chamada devaluación interna, que pola súa opacidade quizais pouco nos pode dicir, pero que leva aparellada unha dura realidade económica e social e un grande impacto para o noso pobo.      

Na actual fase da crise estamos a padecer un proceso de deterioramento progresivo da nosa economía. Seica o camiño para volver ser competitivos e reactivar a produción de bens e servizos sería a de ter a capacidade de vender no esterior a prezos vantaxosos, para o cal habería dúas vías principais: a devaluación cambiaria (isto é, a devaluación da moeda, algo que resulta imposíbel dentro do marco do Euro e dunha política monetaria europea común) ou a devaluación interna ou salarial. Esta procura a redución de prezos a través da redución de custos salariais, que, non o esquezamos, é só un máis dos factores de produción. Segundo os economistas do sistema, baixando os salarios reais acádase a tan desexada competitividade respecto do estranxeiro.      

A reforma laboral do ano pasado segue esa liña argumentativa. En Galiza, por estarmos inseridos no Estado Español e na Unión Europea, sofremos o que realmente significa iso: aumento de xornadas de traballo, redución de salarios, menores indemnizacións por despedimento e en xeral un empeoramento das condicións de traballo. Significativos serán os efectos da próxima entrada en vigor da norma que elimina aqueles convenios colectivos que expiren, sen prorrogalos automaticamente, algo que remata coa capacidade de defensa da clase traballadora e supón un ataque frontal ao dereito á negociación colectiva. Xa o ollamos no recente conflito do comercio da Coruña. Alén diso, a baixada das rendas do traballo implican menor nivel de vida, menos capacidade de aforrar e consumir e, polo mesmo, nulas posibilidades de reactivar a demanda interna. Así fíase todo a competir con outros países por medio de reducir os nosos salarios e condicións laborais.        

Non se fala de mellorar a produtividade, nin de producir maior valor engadido e está xa esquecida a posibilidade de competir a base de diferenciación do produto ou de facer I+D+i. Mesmo dende o centro do sistema díselle á periferia europea que a súa devaluación interna deberá ser do 30%. De feito, os dados máis recentes de finais de 2012 indican que no Estado Español os custos laborais unitarios (por hora) baixaron un -3,4% no último trimestre, a peor cifra dentro da UE onde só outro estado ten valores por baixo de cero. Ese mesmo valor, só para o sector público, foi de -10%, consecuencia dos retallamentos en pagas extras e outros conceptos salariais, o cal ha de verse con preocupación xa que este sector sempre é pioneiro e as conquistas -ou retrocesos como neste caso- terminan por trasladarse ao resto de sectores do mundo do traballo. En comparativa, Alemaña mantense nun incremento dos custos laborais dun 2 ou 3% nos últimos anos, o cal non a fai menos “competitiva”. E isto sen facer referencia á histórica perda de poder adquisitivo dos nosos salarios, que cando medraban o facían sempre por baixo da inflación, seguindo a receita da ortodoxia liberal.      
As consecuencias de todo o anterior están a ser e serán –por moito tempo- moi graves. A perda de dereitos e de condicións de traballo e salariais pode verse afectada por moitos anos. Ademais, xa se sabe que esta devaluación é asimétrica, pois non todos os habitantes dun país a padecen igual. Serán as maiorías sociais, as clases traballadoras dependentes dun salario as que apanden coa parte máis dura. Por outra banda é moi custionábel que os “sacrificios” selectivos actuais sexan útiles nin sequera no medio prazo. É seguro que seremos de contado máis pobres e que permaneceremos así por bastante tempo, pero é incerto que o conxunto da economía poida verse reactivada.    

No trasfondo e como clave central da crise sitúase a aposta do capital por acadar un aumento da taxa de gaño, que nos ciclos económicos pode verse momentáneamente recuperada pola baixada dos custos salariais, pero que mantén a tendencia decrecente no longo prazo. En calquera caso as reformas estruturais o que conseguen é aumentar a plusvalía e redobrar a explotación do conxunto dos traballadores e traballadoras, condenándoos a situacións cada vez máis insostíbeis. Agora si xa estamos a vivir por baixo das nosas posibilidades.      

A pregunta que nos podemos facer dende Galiza é se poderemos exportar máis buques grazas a que os nosos custos laborais serán moi baixos e, pola mesma, competitivos. Valerá esa devaluación? Ou sería mellor saír do euro e devaluar a nosa propia moeda, de termos soberanía e capacidade de decisión sobre a política monetaria? Será quizais que, por pouco que cobremos, non poidamos vender buques dos nosos asteleiros porque a UE liquidou o noso sector con decisións discriminatorias a prol doutro países do “centro” (véxase Holanda)? O único seguro é que pola vía pola que imos, a devaluación salarial ou interna tráenos empobrecemento xeral para o noso pobo sen termos gañado nada que poida compensalo.