Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
20-06-2013

A Galiza non sería a mesma sen a súa lingua, a súa paisaxe ou as súas rías. Tamén non sería a mesma sen a súa música. E esta tampouco sería a mesma sen Milladoiro

Milladoiro: a dignificación da música tradicional

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI


Entre os sinais identitarios do pobo galego, a música de transmisión xeracional constitúe, xunto coa lingua, unha das súas cartas de presentación máis significadas. Afirmarmos que o noso país non sería o mesmo sen o idioma galego, as rías, as paisaxes do interior ou a gastronomía implica tamén, por súa vez, repararmos en que tampouco sería o mesmo sen a súa música tradicional. Non imos reiterar comentarios xa sinalados noutros contributos nesta publicación dixital. Si quereriamos, no entanto, centrar a nosa atención nun grupo que conseguiu que esa tradición anónima de cantareiras, gaiteiros e zanfonistas se non perdese no Lethes e que conseguise ser, primeiro, valorizada polo propio pobo que a xerou no longo pasar da historia, e, segundo, admirada e interpretada en escenarios internacionais por formacións doutros países. Estamos a nos referir a Milladoiro, sen dúbida a banda de música galega máis representativa do derradeiro cuartel do século pasado e dos primordios do presente.       

O grupo, nado en finais da década de 70 da anterior centuria como produto fundamentalmente da feliz confluencia do cuarteto de gaitas “Faíscas do Xiabre” de Catoira cos músicos Antón Seoane e Rodrigo Romaní, converteuse no conxunto galego máis internacional da música de orixe popular: na maioría das loxas de discos de certa calidade do estranxeiro, sexa en Dublín, en Nova Iorque ou en París, acharemos normalmente algúns seus traballos discográficos, ás veces –pro natura– na sección ‘Galice’, en ocasións –contra natura– na dedicada a ‘Spain’ ou ‘Espagne’. Os innúmeros concertos ofrecidos pola banda en diversas cidades do mundo (Barcelona, Bilbao, Caracas, Chicago, Edimburgo, Lorient, Ottawa, Quioto, Toquio etc.) avalan tamén pasaportes galardoados nas alfándegas musicais máis variadas do planeta, sempre coa galeguidade como principal carimbo dos moitos que foron sinalándose nese longo pentagrama que comeza na Coruña no ano 1978, no auditorio do Colexio dos Salesianos.                                                

Hai unhas semanas celebrouse nos locais da AC Alexandre Bóveda un interesante acto consistente nunha conferencia intitulada “Milladoiro: impresións sobre a música tradicional”. O encarregado de a pronunciar foi Xosé Vicente Ferreirós, ilustre gaiteiro e membro fundador e actual integrante da formación, que se centrou naqueles aspectos que levan definido o modo en que a banda entende a secular música de transmisión anónima. As palabras de Ferreirós e as intervencións do público permitiron ás persoas asistentes repararen en máis de trinta anos de difusión e de estilización da tradición musical galega, mercé a un proceso de reelaboración estética e de compromiso ético co país que teñen caracterizado sobremaneira a arte de Milladoiro. A teor dese acto, por tanto, quereriamos comentar aquí as nosas opinións persoais a respecto dun septeto, en ocasións un octeto de músicos, que soubo anovar, manter e recuperar a música tradicional da Galiza. Quen desexar aprofundar máis pode consultar o traballo de Xoán Manuel Estévez Milladoiro. Moito máis que un grupo de música folk (1999), a Crónica do folk galego. 25 anos de historia (2000), de Xoán Manuel Estévez e Óscar Losada, ou a obra ou Milladoiro. A Galicia de Maeloc. Unha fotobiografía (2006), da responsabilidade de Marcos S. Pérez Pena e Manuel Bragado.

Poderiamos comezar por sinalar que escoitarmos a música de Milladoiro é algo parecido a imitarmos o voo da pomba que procura o seu niño novo do vento e viaxarmos pola xeografía musical da nosa patria. Ese itinerario comeza en San Roque de Hío e continúa a día de hoxe por Albarellos, Berbés, Cabana, Chantada, Fontenla, Ribadavia e Carril, O Condado, Poio, Pontesampaio, Tenoiro, Triacastela, Vilanova ou Viascón. Prosegue con novos camiños e novas versións noutras xeografías e non é de estrañar, pois, que os frescos ares de Pontevedra inspirasen artistas como Alalé, Bagad Kemper, Bagad Keven Alre, Bill Whelan, Gwerz, Lá Lugh, Liam O’Flynn, Lúnasa, Patrick Molard, Paul Winter, Robert Mathieson, Solas, The Chieftains ou The Tannahill Weavers para se sumaren a esa viaxe, a ese longo camiño branco, e así incorporaren repertorio característico de Milladoiro aos seus concertos e gravacións. Quen o ía dicir aos gaiteiros anónimos dos séculos XVIII e XIX que moitas das súas pezas, grazas á difusión que fixo delas Milladoiro nos escenarios máis exclusivos do mundo, ían ser coñecidas e interpretadas, per loca maritima, nos outros lados do oceano!

Ouvirmos a música da emblemática formación tamén supón un diferente tipo de viaxe, no cal camiñamos pola nosa cultura, tanto a de procedencia popular como a de proveniencia culta. Nestoutro percurso, pois, atopamos entre as cinco negras liñas figuras cal Álvaro Cunqueiro, a familia Seivane, Basilio Carril, Casto Sampedro, Castro González “Chané”, Curros Enríquez, Eva Castiñeiras, Faustino Santalices, Gustavo Freire, Manuel Antonio, Manuel María, Maruja Mallo, Os Soutelos de Montes, Os Tempranos de Eirís, Perfecto Feixoo, Ricardo Portela, Xelmírez, Xoán de Campañó, Xoán Montes e un longo etcétera. E tamén encontramos coros históricos, como “Cántigas da Terra”, “Cantigas e Agarimos” ou “De Ruada”, que, en paralelo, acompasan o seu andar co dos integrantes do grupo. Esta noite hai unha fía e con absoluta certeza acudirá toda esa xente para se recoñecer nun dos mosaicos musicais máis ricaces da Europa occidental. Posibelmente, nese encontro nocturno, alguén confíe os seus segredos a unha discreta amizade ao lle revelar que ten un amor na montaña… De todos os modos, bailaremos, na noite estrelecida, con Maruxa, con Rosiña e até coa máis internacional bruxa azanfonada da música galega do noso tempo.

Escoitarmos a música de Milladoiro, ao mesmo tempo, supón unha outra singradura máis vagorosa polos avatares da sociedade galega dos últimos séculos. A través dos seus discos podemos ver con total clareza os duros labores do campo, a loita dos traballadores de Astano na década de 80 do século XX, as viúvas dos mortos e as viúvas dos vivos, as procesións relixiosas das nosas aldeas co gallo do santo de pólvora local, o drama terríbel da emigración, o lecer das romarías, o renacer da consciencia nacional galega, os gaiteiros vestidos de “pano sedán” etc. Todo vira un dinámico cadro en que os instrumentos se converten en pinceis e tracexan o vivir da Galiza contemporánea. Aldeas, cidades e vilas fican representadas nese lenzo, ben como todas as persoas que as habita(ro)n. Subsecuentemente, escoitarmos Milladoiro significa vermos realmente o país e contemplarmos a súa verdadeira alma: por iso, no confín dos verdes castros soan sempre as súas melodías e tamén soan na cova da Barxa, no cabo de Home, na Costa de San Francisco, nas Mariñas en forma de alalá, na Fonsagrada grazas a un curtido e misterioso arrieiro ou en Corcubión a través dunha alborada.                                                        

O grupo conseguiu acordar músicas que estaban adormecidas en cancioneiros ou esquecidas nunha interrupta transmisión xeracional. Por este motivo, un dos primordiais logros da formación foi asentar entre o público un variado repertorio caracteristicamente galego para o volver depurado ás xentes que o foron enformando ao longo da historia. En ocasións, sorprende podermos comprobar como as nosas avoas e os nosos avós se recoñecen nas melodías máis famosas desta banda e voltan, orgullosamente, a se apropiaren delas e a tararexárenas. É comprensíbel, así as cousas, que, perante esta melómana situación, Rosalía de Castro a autora máis internacional das letras galegas, decidise celebrar cunha muiñeira o estar no cabo da viaxe deses moitos milladoiros traídos á Fisterra polas peregrinaxes medievais.

Tamén do punto de vista do repertorio, Milladoiro conseguiu definir modos de interpretación e unificar versións diferentes das mesmas pezas. Como é sabido, a música de orixe tradicional, polo singular modo en que foi transmitida, é especialmente dada á proliferación de variantes no acerbo popular. Neste sentido, coidamos que alguén que, a través da súa proxección pública e mediante a súa significada defesa desa tradición musical, consegue marcar modelos de intepretación, é merecente de todos os parabéns. Grazas ao grupo, nuns tempos en que as comunicacións non eran como as actuais e nunha época en que non había a Internet, fíxose máis doado que unha gaiteira de Viveiro puidese tocar unha alborada ou xota a dúas voces por terceiras cunha outra gaiteira da Coruña, de Compostela ou de Verín nun encontro internacional de intérpretes de gaita; isto, en parte polas citadas comunicacións precarias, era tremendamente complexo na Galiza das décadas de 70 e 80 do pasado século, pois non había un grupo de referencia que as popularizase. Ao mesmo tempo, Milladoiro tamén favoreceu que se estandarizasen e definisen moitas composicións tradicionais, o que contribuíu para a súa difusión actual; por citarmos tan só uns exemplos, isto último produciuse coa “Chouteira do Lérez”, a “Foliada de Verducido”, a “Muiñeira vella de Mordomo” ou coas famosas polcas dos Campaneiros.                                                            

E, ao falarmos de melodías, non podemos esquecer as composicións propias do grupo, pezas que, partindo da persoal concepción do seu autor, encaixan con total axuste nos paradigmas estéticos da banda e renovan o discurso musical galego. Estamos a nos referir a composicións como “A Bruxa”, “A Furoca”, “As fadas de estraño nome” de inspiración rosaliana, “Abril”, “Aires do Valmiñor”, “Camiño de Chans”, “O insomnio dunha noite de verán”, “Os amores de Brunilda e Joseph K.”, “Polca do Tapal”, “Vals de Lubinca”, “Valsvöda” e outras moitas, nas cales se subliña unha adecuada concepción de novos ares para unha música que vén de antigo.                                              

Por outra parte, un repaso á fértil discografía de Milladoiro e aos seus concertos equivale igualmente a verificarmos unha inquebrantábel coherencia no modo de entender o fenómeno artístico a través do pentagrama: rara vez veremos no grupo “concesións á galería” ou recursos fáceis para a consecución de fortes embora breves aplausos; contrariamente ao que se practica hoxe bastante, poucas veces contou con artistas de sona procedentes doutros países nas súas gravacións polo renome que lle poderían proporcionar, a pesar de ser a banda galega máis internacional; e sempre os seus compoñentes se responsabilizaron da produción, fuxindo así de axentes comerciais que, ao servizo das casas de discos e das presións das vendas, podían demandar exixencias na elaboración final do produto artístico. A formación foi sempre consciente de que a dignificación da tradición musical galega estaba por riba de efémeros bateres de palmas nunha actuación, sexa esta nunha das moitas celebracións existentes no país, sexa nun festival nalgunha cidade americana, europea ou nipona. O público que percibe esta maneira de actuar voaría a Compostela ou a calquera outra localidade sen hesitacións só para corroborar esa congruencia ao longo de máis de trinta anos.

Un outro repaso á non menos vizosa combinación de instrumentos que utiliza o grupo deixa entrever como son as relacións entre aqueles: o mediterránico bouzouki faise atlántico nos ritmos da muiñeira da man da ancestral gaita; o cromorno renacentista dialoga de foliadas ou de alalás a carón da frauta traveseira de metal; unha arrechada pandeireta marca de perto as (des)honestas intencións dun violino; certa zanfona vai na procura da harpa ao seu paso por Poio; o bodhrán e o tin whistle galeguízanse de vez para valeren o Pasacorredoiras do Condado; e mesmo uns teclados eléctricos conversan amigabelmente coa ocarina sobre que tipo de acordes poderían sentarlle mellor a esta. En conxunto, da confluencia de todos estes instrumentos xorde unha tímbrica idiosincrática e un particular e elegante gosto nos arranxos que mesmo levaron o misterioso bispo Maeloc a vir á Galiza na dorna Ila e até a raíña Inés de Castro a reaparecer entre nós alá polo ano 2008, acompañada por Pessoa e polo erudito monarca Afonso X.

O exemplo de Milladoiro foi seguido por novas formacións e solistas que levaron tamén o noso país e a súa música a outras partes do mundo. É por isto que o xa citado libro de Xoán Manuel Estévez dedicado á banda se subtitula con agudo acerto Moito máis que un grupo de música folk. Con efecto, é máis que un colectivo de músicos que se reúne periodicamente para ensaiar e ofrecer concertos ou para inmortalizar gravacións. Concluíndomos as nosas palabras, voltamos ao comezo e retomamos unha das ideas alí expostas: a Galiza non sería a mesma sen a súa lingua, a súa paisaxe ou as súas rías. Tamén non sería a mesma sen a súa música. E esta tampouco sería a mesma sen Milladoiro.