Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
13-06-2013

É a progresiva desaparición dunha inútil fronteira que hoxe, despois de tanto sangue, esmorece lentamente

Historias da fronteira

MIGUEL RODRÍGUEZ CARNOTA


As recentes consultas sobre a unidade política irlandesa celebradas na vila ocupada de Crossmaglen (Armagh) e na parroquia de Creggan Upper (Louth), sitas a un e outro lado da fronteira, vólvenos facer presente a longa e dolorosa historia da forzada separación dun povo cunha liña divisoria por medio.                        

Quen nos anos setenta e oitenta se aventurase a tratar de cruzar en automóbil a fronteira norteirlandesa atoparíase cun panorama bélico sen paliativo. Cámaras de vixilancia, barreiras e arames de espiño, autometralladoras blindadas, sacos de area con soldados armados por tras eran o escenario habitual antes de chegar a unha inquietante vila de Newry, con bandeiras irlandesas ou británicas marcando territorio en cada aldea e cada bairro.  Nada que ver, afortunadamente, co que sucede hoxe:  a autoestrada que une Dublín con Belfast nin sequera informa do cambio de país mediante ningún sinal rodoviario, e un acábase decatando de que xa circula oficialmente polo Reino Unido cando ve as distancias expresadas en millas e non en quilómetros.                        

A localidade de Crois Mhic Lionnáin (Crossmaglen), de pouco máis dun millar de habitantes, foi feudo dunha das máis activas unidades do IRA Provisional, a brigada de South Armagh. Nos anos de chumbo a brigada chegou a contabilizar decenas de ataques a helicópteros do exército británico e a derrubar algúns deles. Como nas zonas militarmente ocupadas, o desprazamento por helicóptero era o único posíbel para o exército invasor, dado o enorme perigo que supuña facelo por unhas estradas controladas polo IRA. Sobran na rede vídeos que testemuñan a dureza dos enfrontamentos daqueles anos na mítica vila fronteiriza de Crossmaglen onde, segundo o dito,  ‘a chama patriótica nunca morrerá’.                                 
A historia de Seán South e Fergal O’Hanlon é outra das que marcan con sangue a existencia da odiosa liña. En 1956 o Exército Republicano Irlandés  (IRA) lanza desde o sur a Campaña da Fronteira, unha serie de ataques armados co fin de conectar coa poboación nacionalista na Irlanda baixo dominio británico e atraela cara postulados republicanos. Unha destas accións mantense na memoria colectiva do pobo grazas a unha canción popular moi emotivamente narrada, envolta na épica propia do xénero rebelde irlandés. É o inverno do novo ano 1957.                    

Foi nunha triste noite de fin de ano 
cando baixaban as sombras da noite.
 
Un camión cargado de voluntarios
 
achegouse a unha vila da fronteira.
 
Había homes de Dublín e de Cork,
 
de Fermanagh e de Tyrone,
 
e o xefe era de Limerick,
 
Seán South de Garryowen.
                         

Segundo a súa propia definición, o IRA non é un grupo armado senón un exército. De aí que non teña presos, senón prisioneiros de guerra, nin tampouco activistas ou militantes, senón voluntarios. Cheos de coraxe, os patriotas diríxense á comisaría local do Royal Ulster Constabulary (RUC), obxectivo do seu ataque. Con todo, a acción falla:                  

Mais o sarxento frustrou o seu ousado plan,

axexounos desde a porta.

As metralletas Sten e os rifles

verteron unha saraiva de morte,

e cando pasou aquela horríbel noite

dous homes xacían fríos como a pedra.

Un era de perto da fronteira,

O outro de Garryowen.
             

Era Seán South, un heroe que

nunca máis volverá ouvir o canto da gaivota

sobre o murmurio da marea do Shannon,

porque caiu baixo o ceo do Norte,
co valente Hanlon a seu lado.                  

Dúas mortes en batalla que non o son, posto que tanto South como O’Hanlon                            

foron unirse ao valente bando de Plunkett,
Pearse e Tone.

Outro martir para Irlanda,

Seán South de Garryowen.
                                 

O mozo O’Hanlon, de 21 anos, era un xogador de fútbol gaélico e un destacado defensor da lingua irlandesa. Seán South (en irlandés, Seán Sabath) de 29, era un devoto nacionalista, membro tanto da Lexión de María como do Sinn Féin. Ao contrario do que di a canción, non proviña do suburbio limerickense de Garraí Eoin (en inglés, Garryowen) senón de Henry Street, no mesmo centro da cidade.                

Seán South e Fergal


O enterro de South en Luimneach (o nome irlandés de Limerick, ao suroeste da Irlanda), congregou a todas as xentes do condado. Co féretro do mártir envolto na bandeira republicana, o enterro debeu representar para Luimneach unha manifestación popular histórica semellante á do cortexo fúnebre de Curros Enríquez polas rúas da Coruña en 1908. South pasou a ser un dos símbolos da cidade xunto coa Pedra do Tratado ou, máis tarde, co escritor Frank McCourt. Porén, a Campaña da Fronteira representou un sonoro fracaso para o IRA: foi cancelada poucos anos máis tarde debido á falta de apoio popular, e co propio Sinn Féin recoñecendo, alén de moita valentía na batalla, a súa falla de acerto para encarar os problemas sociais e económicos que afogaban á xente común a quen desexaba atraer, que non era outra que os dobremente explotados traballadores irlandeses do Norte.                  

Faltaban anos para as históricas marchas polos dereitos civís no Ulster ocupado, para os acontecementos tráxicos de 1969 no Bogside de Derry, para o domingo sanguento de 1972, para as potentes campañas do IRA Provisional durante aquelas décadas e para a definitiva decantación dunha grande parte da poboación dos seis condados ocupados cara o republicanismo irlandés de esquerda. Mais, como sucede na Historia dos pobos, todo foi chegando. Tamén o acordo de paz de Venres Santo, xunto coa perspectiva realista dunha Irlanda unida e soberana.                          

É a progresiva desaparición dunha inútil fronteira que hoxe, despois de tanto sangue, esmorece lentamente.