Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
24-03-2013

En case toda a bibliografía de Rosalía que fala da súa estadía en Muxía

A Muxía de Rosalía

MANUEL VILAR ÁLVAREZ


A muxiá Fundación López Abente tamén quixo sumarse á celebración do 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos, e fíxoo, entre outros, colocando unha placa onde estaba a casa na que Rosalía pasou a romaría da Barca de 1853.                                
Cando Rosalía estivo en Muxía os tombos batían nas paredes da casa do médico Leandro Abente Chans. Hoxe o mar óllase ao lonxe.  A Muxía que coñeceu Rosalía era unha pequena vila “brandamente deitada no medio da ribeira”, que se estendía entre a Camposa, “seca e árida”, e os “altos penedos” do Corpiño, monte este que dá abrigo á vila dos nortes xeados e reflectindo a luz e o calor ao medio día, por dicilo en palabras de Gonzalo López Abente.                        

Por entón Muxía tiña poucas casas. Eran casas pequenas, dun andar a maioría, cos tellados cubertos de pedras para que o vento non marchase coas tellas. As casas debuxarían unha traza urbana aparentemente complicada, pero intelixentemente adaptada ao terreo, traza de “tortuosos caminos que conducían a la playa”, como describe Rosalía en La hija del mar. A praia era o centro vital da vila. Hoxe a praia está baixo o entullo do mal entendido progreso. O peirao, proxectado en 1791 polo enxeñeiro Eustaquio Giannini, seguramente aproveitando a súa estadía na restauración da Torre de Hércules, non foi levado a cabo. O primeiro peirao foi o que constrúe Manuel Lastres sobre 1906. Manuel Lastres estaba casado cunha irmá do poeta Gonzalo López Abente e era unha persoa potentada. De feito cando casa, o crego anota da muller “Oficio: carece de él ni le hace falta”. Lastres foi, nun curto tempo, gobernador de Lugo, pero no verán de 1936 viu como os fascistas saqueaban a súa casa.                    

Cando no devalo do Prestige amplíase o “paseo marítimo” e os enxeñeiros e dirixentes locais do PP seica dixeron que esa rampla afeaba o moderno paseo e que había que desfacela. Non o fixeron completamente, pero case, deixando a metade e incomunicada desde terra. Non é esta unha visión esteticista do patrimonio cultural, é unha lectura política, como política foi a destrución das pequenas hortas que están ao carón do santuario da Virxe da Barca. Seguramente a imaxe da vila mariñeira de Muxía sería hoxe outra sen o afamado santuario, pero non existiría sen esas hortas, protexidas “por elevados muros” que malamente conservan “a duras penas plantas raquíticas y agostadas por los torbellinos de arena que se levantan con la tempestad y las aplastan bajo su peso”. Estas hortas foron vitais para a supervivencia dos “pescos”, máis hoxe non se consideran un patrimonio importante, porque están vinculadas coa dureza da vida.                           

Sempre se dixo que Rosalía veu a Muxía en compañía da súa amiga Eduarda Pondal e que aquí as dúas colleron o tifo. Como resultado morre Eduarda e Rosalía ten que pasar un tempo en Muxía, o que lle permite recoller información para a ambientación da súa primeira novela La hija del mar, que publicará en 1859, e material para a elaboración dun poema, que segundo Gonzalo López Abente, é “perfumada fror”, poema que formaría parte do seu libro Cantares gallegos.                                  

Sen dúbida, Rosalía veu a Muxía porque era amiga dos Pondal, a quen coñecía de Compostela e cos que partillaba inquedanzas diversas. Rosalía ven a Muxía cos Pondal porque estes tiñan nesta vila un tío e varios curmáns e curmás cos que mantiñan unha estreita e intensa relación familiar. Desta relación fala tamén o tempo que Eduardo Pondal estudou na casa dun parente en Nemiña. Esta estadía do Bardo quedou reflectida en varios dos seus poemas e mesmo hai quen pensa que o poema “E ti, campana d´Anllóns” estaba inspirado nunha historia que tería escoitado en Nemiña, e non nas campás de San Fiz de Anllóns, historia que escoitaría “ó abrigo do vento circio /sentada ó pé dos valados” do casal de Nemiña. A historia esta sería a dun nemiñán que, tempo atrás, estivera preso en Orán e alí sentiría morriña da súa terra e da liberdade, e esa morriña focalizábase no son das campás da pequeniña igrexa románica, a máis occidental do noso país.                              

Segundo Felipe Valdés Hansen os Abente proceden da freguesía de San Fiz de Anllóns e o apelido Abente pode ser a galeguización ou castelanización dun apelido do norte de Europa, de Abent. O primeiro Abente coñecido é Andrés Abente Costoia, e morre en 1748. Un fillo seu vai casar en Laxe, onde será o administrador das rendas reais. Un fillo deste segue co traballo do pai e coa administración do alfolín, o almacén de sal, e vai casar cunha cormelá da estirpe dos Mourelle. Este casal vai ter varios fillos, se non me equivoco serán once, aínda que tres van morrer ao pouco de nacer. Un destes fillos, Leandro, quen era médico, vai casar en Muxía con Manuela Lago Díaz. Casan no santuario Barca o 6 de xuño de 1840. O de casarse na Barca, algo que agora é moi normal en Muxía, non se deu até ben andado o século XIX. Até entón a xente non casaba na Barca e casaban pola mañá, ao abrir do día. Por exemplo, o poeta Gonzalo López Abente, quen casa o 20 de setembro de 1909 cunha curmá, faino ás oito e media da mañá. Igualmente, hoxe é moi normal que as mulleres de Muxía leven o nome de Barca, pero nos tempos en que Rosalía estivo nesta vila as mulleres non se chamaban Barca, non era este un nome identificativo de Muxía.

Porfolio. Muxía brandamente deitada no medio da ribeira. En primeiro plano a Camposa, seca e areosa


A muller de Leandro Abente Chans, Manuela Lago Díaz era tamén filla do administrador do almacén do sal en Muxía e neta do que fora administrador das rendas do conde de Altamira na xurisdición de Corcubión. Ambos eran naturais da muxiá freguesía de Caberta, xa no val do Castro. A nai de Manuela procedía das terras da Mancha conquense, mais non sabemos ben como chegou até aquí, aínda que sospeitamos que chegou acompañando a un tío crego.                              
Nesta familia, os Lago, había varios cregos, teño localizado cinco, pero aquí interesa só un, Cristovo, quen exerce de párroco nas pequenas e máis occidentais freguesías de Nemiña e Touriñán e, case sempre, aparece acompañado doutro parente, Vicente. Non puiden comprobalo e non sei si estes dous cregos son irmáns entre si ou tío e sobriño.                          
Co primeiro crego, Cristovo, sería con quen Pondal estudou latín e a Quinto Curcio. Da estadía do Bardo aquí quedan numerosos testemuños na súa poesía, como no poema no que cita aos seus compañeiros de escola:                              

Lastres era de Mugía, A areosa, a seca a triste; Leis era de Suxo e Ocampo Da terra de Villarmide; Leis Busto, de Coucieiro, Barrentos, de Morpeguite; De Corcubión os outros.                                
Todos estes mozos estudarían na casa deste crego, sita en Vilela de Nemiña, hoxe coñecida como “a casa do Rexo”. Este lugar aparece en varios poemas como Os Casás que están “ó pé do monte da Croa”:                                

Os Casás están ben sós, Só de longe ven o mar.                            

Pero a pousada do Bardo non estaba en Vilela, senón en Queiroso, onde os seus parentes, os Abentes, tiñan un “lugar” e tivérono arrendado até a tardía data de 1971. En Queiroso aínda sinalan a casa na que se di estivo o Bardo, é “a casa de Pondal”. Supoñemos que esta propiedade era dos Lago e despois pasou a ser chamada dos Abente ao casaren; como aínda hai “o monte dos Abente” ou se lembran varias propiedades en Touriñán que “eran dos Abente”, pero non sempre dos Abente de Muxía, porque despois os Abente tamén se espallaron por outros lados, como Corcubión. Ademais, dúas irmás Abente Lago van casar con dous irmáns López García, polo que veremos por aí varios López Abente, pero non sempre son irmáns, senón tamén curmáns.                            

Empapouse en Nemiña o Bardo de nomes que irán saíndo despois nos seus versos, algúns como personaxes míticos e heroicos: a “engañosa Morpeguite”, “a fada Baltar” e “o roxo Porcar”, “a caterva d´Agar”; ou referencias a lugares como “Vasilveiro é verde e fresco”, “ouh brañas de Armear”. Topónimos todos muxiáns, agás Porcar, mais moi próximo a Nemiña. E, cando estaba na casa do seu tío, en Muxía, vería “a luz do cabo Ougal”, aínda que a primeira luz alumea en 1854.                          

Leandro Abente e Manuela Lago van ter uns doce fillos, entre eles está o poeta Vitorino Abente Lago, do que a madriña vai ser Eduarda Pondal. Este poeta, en galego e español, traducirá ao castelán, nunha das súas viaxes de regreso ao Paraguai, o poema “Adios ríos, adios fontes”. Eduarda Pondal vai ser madriña tamén doutros dous Abente Lago. Eduardo Pondal igualmente estivo en Muxía para ser padriño dunha curmá, que se chamaba, como non, Eduarda, nome que se repite máis dunha vez. Igualmente outros parentes de Pondal, como o tío e crego Eduardo Abente, foron padriños ou madriñas doutros fillos e fillas de Leandro e Manuela. Esta relación de compadreo pode ser unha mostra dos estreitos lazos entre os Abente de Ponteceso e os Abente de Muxía e para os Pondal era normal pasar un tempo na casa dos tíos muxiáns, como podía ser vir pasar a romaría da Barca. Polo tanto tamén sería normal que convidasen aos seus mellores amigos.                          

Tres destes Abente de Muxía, que saibamos, estudaron en Compostela: Victoriano, Victorino e Ezequiel (o seu nome lévao agora o antigo hospital militar d´A Coruña). O primeiro non se presenta a uns exames en setembro e como xustificante presenta un certificado médico asinado por Eduardo Pondal.                                  

Chegar entón a Muxía non era fácil. Os camiños eran difíciles. Por exemplo, un pouco antes de que estivera Rosalía, o viaxeiro inglés Richard Ford, dinos que desde Carballo até Corcubión hai unha dura cabalgata de oito horas; que de Corcubión a Negreira hai outras sete horas a cabalo. En Negreira xa se podía coller un carruaxe para chegar a Santiago. Uns anos despois da visita de Rosalía, Victorino Abente, nun poema datado en 1881, pedía ao deputado a Cortes por este distrito, entre outras cousas, ”hacer una carretera /que con Santiago nos una”.                            

Outra maneira de chegar a Muxía era por mar. Rosalía, no poema mencionado, dinos que moita xente que vén á romaría da Barca faino en lanchas e botes con “feituquiñas velas”. No século XIX, como na antigüidade clásica ou no medievo, o mar era a mellor vía de comunicación.                                

Muxía era unha terra que mostraba “un aspecto desolado y salvaje de las comarcas estériles, en cuya tierra no brotan jamás ni arbustos ni verdura”, “un país desierto” ou “un país estéril”. Esta paisaxe tivo que impresionarlle fortemente a Rosalía, que viña dunhas terras máis “suaves, melancólicas, silenciosas e íntimas”, das terras de Iria “cargadas de perfumes de pinos y de prados, pero también de las glorias del pasado”, como nos di García Martí no prólogo a unha das edicións da súa obra nos tempos do franquismo. Aquí, en Muxía, “no se escucha más que el silbido del viento y de unas olas siempre en lucha”.                            
En case toda a bibliografía de Rosalía que fala da súa estadía en Muxía, por exemplo Carballo Calero, se nos di que aquí Rosalía e Eduarda colleron o tifo, morrendo a segunda. No prólogo a La hija del mar Rosalía dinos que o libro foi “concebido en un momento de tristeza”, tristeza debida en parte a esta situación de enfermidade e perda da amiga.                    

Se había unha pandemia de tifo debería haber algún morto máis que o habitual. Comprobei o número de falecidos dese ano e dos anos inmediatos e nada indica que 1853 fose un ano anormal, nin en Muxía nin en Cospindo. Si, en anos posteriores, hai constancia de pandemias. Así, en 1888, aparece a “viruela” e morren seis nenos, entre eles un irmán de Gonzalo López Abente con sete meses. Ao ano seguinte, 1889, morren vinte e catro nenos, entre eles outro irmán do noso poeta.                        

Moitos muxiáns morrían no mar. Sorprendente o número dos que morren na Armada española e, esta, nin sequera lles comunicaba o deceso ou desaparición aos familiares, senón que se enteraban por outros ou por “voz pública”. Por exemplo, entre 1781 e 1795 morren seis mariñeiros de Muxía en barcos da armada española. E, entre 1797 e 1886 afogaron trinta e cinco muxiáns.                      

Os muxiáns eran case todos mariñeiros e as muxiás panilleiras, como dicimos nós, e, de noite, ían panillar á “xunta”.                    

O ano despois de estar aquí Rosalía houbo un conflito político importante. Unha parte do goberno local non puido entrar en Muxía “pr haverselo impedido una fuerza armada a la entrada de la villa” e tiveron que xuntarse no lugar d´Os Muños (que non Muíños, como recolle o nomenclátor oficial). O goberno instálase temporalmente en Quintáns e piden a creación dunha milicia “compuesta de una o dos docenas de personas honradas a quienes se les provisionen carabinas” (Acta de 2/8/1854). Unha situación semellante repetiríase en 1905 tras unhas eleccións locais e a garda civil tardou varios días en “restablecer o orden”.