Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
13-02-2013

Nin os máis vellos lembraban a presenza de lontras (Lutra lutra) máis alá das foces dos ríos

As cicatrices do Prestige: IV. Lontras no mar

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ

Lontra


O Prestige achegounos a moita xente, descubriunos facetas das relacións humanas pouco exploradas como a solidariedade, mais tamén nos descubriu algúns secretos ambientais que a nosa costa gardaba no máis fondo.          

Nin os máis vellos lembraban a presenza de lontras (Lutra lutra) máis alá das foces dos ríos. Na década dos 60 estes animais, de orixe fluvial, chegaran ás cotas máis baixas da súa sobrevivencia, a cobiza da súa pel e a xenreira dos pescadores de cana, ao consideralas competidoras, fíxoas desaparecer dos ríos. Posteriormente a perda da calidade das augas, os encoros e a diminución da pesca fluvial contribuíron a esta desfeita.          
De vello foran coñecidos os trampeiros peleteiros, moi abondosos dende os anos vinte na procura de todo tipo de mustélidos. Destacan os da Illa de Arousa, especializados nas lontras. Tamén era coñecida a presenza de lontras nas Illas Cíes, máis xa ninguén lembraba ese feitos máis alá de que llos relataran os seus pais ou os avós. Pola contra, nas últimas décadas, outros mustélidos, desta volta introducidos aínda que ás veces eran confundidos coas lontras, ocuparían os ríos e a costa. Eran os visóns americanos, especie invasora que chegou ao medio a través de fuxidas accidentais ou boicoteos premeditados das granxas peleteiras, tan numerosas hai uns anos sobre todo no sur.          

Algunha vez tiñamos observado as características pegadas de lontra nos areais de Louro, Traba, Baldaio, Xuño e Corrubedo, mais todos estes areais teñen asociadas lagoas litorais e cursos fluviais onde o mustélido pode agocharse. Máis inusuais nos pareceran os rastros na praia de Seiruga, en Malpica, xa que o regueiro que dá na praia é demasiado pequeno e o curso fluvial do río Anllóns está a uns 15 km ao sur.        

Pasado o mes de decembro de 2002, entre o medio do chapapote que chegaba do mar, ás veces xurdía unha sombra coma un lóstrego que fuxía sorteando as rochas, este era o testemuño dalgúns dos participantes no voluntariado que observaban algo que non sabían describir. Era a desesperación das lontras que vivían no mar, mesmo lonxe de cursos fluviais onde refuxiarse, entre cantís, entre os penedos, os bolos e os cons.        
Algúns exemplares foron recollidos enchoupados en chapapote e xa mortos, cinco ou seis, mais non é posible coñecer con certeza o impacto sobre a especie. Primeiro polo descoñecemento que se tiña da súa distribución mariña e despois porque as lontras doentes refúxiante nos tobos e acubillos onde pode morrer a causa da toxicidade do fuel sen ser detectadas.          

Pasado o tempo, as lontras seguen a ser vistas no mar, o dato positivo é que parece que se manteñen nas mesmas zonas litorais que antes do Prestige. Cada ano aparece algunha lontra morta e varada entre os centos de cetáceos que atopamos nas nosas praias, posiblemente afogada nunha nasa ou nalgún pano de rede. Mesmo parecen visitantes asiduos das Illas Cíes, o que é unha boa noticia para a recuperación da especie. Mais esta recuperación das lontras litorais non será posible se non hai unha boa situación para a poboación de lontras fluviais, xa que é de onde proveñen.          

Nos ríos parece que a súa recuperación é positiva, aínda sendo negativa a situación dos peixes fluviais que debían ser o seu principal alimento, o que pode indicar unha ampla variedade na súa dieta, tal e como ocorre no mar, onde se alimentan dunha ampla variedade de presas, entre as que se sinalan peixes, crustáceos, anfibios, réptiles e micromamíferos.        
Mentres resoan as declaracións do xuízo no pazo de congresos da Coruña, agardamos que non chegue outro Prestige a amolar a esta fauna que se expande polo mar, tratando de recuperar unhas cicatrices aínda visibles.        

Tamén que non volvan os mesmos incompetentes a poñer de novo en perigo o equilibrio ambiental e os recursos mariños, base da nosa economía litoral, da vida mariña e sustento da riqueza do noso país.