Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
15-01-2013

A mesma bandeira irlandesa, elevada ao rango de bandeira nacional durante o levantamento de 1916, é un símbolo político de doada lectura

Bandeiras

MIGUEL RODRÍGUEZ CARNOTA


Conta a historia que dos catro reinos de Irlanda o aguerrido Ulaidh, o Ulster, foi o que máis bravamente se resistiu ao dominio da coroa estranxeira. Co obxectivo de alterar a poboación da provincia rebelde, a coroa inglesa provocou a fuxida da nobreza autóctona e lanzouse a unha política de asentamentos masivos, principalmente de familias campesiñas escocesas de relixión presbiteriana.    

Moitas veces imbuídos do sentimento bíblico da conquista da terra prometida, os poboadores foron desprazando e marxinalizando a boa parte da poboación irlandesa. Co paso dos séculos os irlandeses pasaron a ser estranxeiros na súa terra, campesiños empobrecidos, man de obra barata para as industrias téxtiles e para os estaleiros, nun devir histórico que nos resulta familiar.      

Despois de  séculos de rebelións constantes, sanguentas, heroicas e fracasadas, a partición de 1921, decidida en base á maioría étnica en cada un dos condados, deixa unha Irlanda dividida entre os 26 condados da República e os seis do norte que permanecen baixo o dominio británico. Unha dramática partición de comunidades que se prolonga até os nosos días fai de Irlanda o lugar máis singular de Europa occidental, e da súa vida política un mundo apaixonante, cargado de simboloxía e sentimento identitario, inzado de contrastes vigorosísimos.      

Son contrastes que levan a inevitábeis debates simbólicos e terminolóxicos. Un primeiro problema é o de darlle nome a estes seis condados, posto que as habituais denominacións son, estritamente falando, falsas. Nin é Irlanda do Norte, posto que o norte xeográfico da illa márcao parte do condado republicano de Dhún na nGall, nin é o Ulster, dado que tres condados dos nove do antigo reino setentrional forman parte da República desde a súa independencia. Seguiremos, pois, o uso republicano de dirixirnos a eles como ‘os seis condados’, sobreentendendo todo o demais.      

Faremos tamén todo o posíbel por evitar a habitual denominación de ‘católicos’ para os nacionalistas republicanos irlandeses e ‘protestantes’ para os unionistas británicos leais á coroa. Aínda que moi común, historicamente tamén é inexacta: grandes patriotas irlandeses, como Wolfe Tone e a maioría dos United Irishmen que protagonizaron a rebelión de 1798 e acabaron dando a vida pola liberdade de Irlanda, eran protestantes.      

En calquera destes seis condados setentrionais até a máis intranscendente das conversas pode converterse nun paseo por un campo minado. O residente galego que á hora do almorzo se queixe do clima norteirlandés chamándolle ‘Irish weather’ diante dunha amabilísima propietaria dun pequeno e acolledor hotel rexido por probritánicos, recibirá de contado unha xentil reprimenda: 'Ulster weather, quererá vostede dicir’. Se o xesto do hóspede deixa entrever unha sombra de desacordo, a propietaria rematará a cuestión coa invitación a queixarse conxuntamente do weather, sen adxectivos, e cun acordo tácito pecharase a polémica.          

Mais entre as comunidades enfrontadas esta polémica non reveste nin de lonxe a xentileza que os habitantes dos seis condados, independentemente da súa adscrición nacional, soen demostrar co visitante. Neste mundo particular, a simboloxía política leva séculos determinando cada recuncho. Despois da heroica pero falida rebelión dos United Irishmen, a coroa británica prohibiu baixo pena de morte vestir con prendas de cor verde. Colgan a homes e mulleres por vestiren de verde, conta unha famosa canción da época.        

A mesma bandeira irlandesa, elevada ao rango de bandeira nacional durante o levantamento de 1916, é un símbolo político de doada lectura: o verde gaélico a un lado, o laranxa dos probritánicos seguidores de Guillerme de Orange no outro e o branco da paz no medio. Rifles of the IRA é outra balada na que épica, traxedia e ironía se mesturan á irlandesa para contarnos os esforzos dos temidos Black and Tans, unha especie de Garda Civil da época composta a partir de veteranos de guerra, para facerse a bombazos coa tricolor e con quen a defendía:      

"En 1916 as forzas da coroa
para coller a laranxa, branca e verde
bombardearon a cidade de Dublín.

Mais no 21 os fillos de Britania

tiveron que gañarse o soldo

cando os Black and Tans
escaparon coma lóstregos

dos rifles do IRA".
         

Infelizmente as aspiracións de harmonía auspiciadas na bandeira non foron xamais feitas realidade. Bandeiras tricolores aparecen nos farois dos bairros nacionalistas das cidades do Ulster baixo dominio británico, nas terrazas dos edificios ou nos mastros das casas rurais, exhibidas con desafío polos membros da minoría historicamente marxinada. Á par, numerosas localidades e suburbios unionistas fan despregue das cores identitarias británicas, do Ulster e escocesas. Non é raro ver bandeiras bascas ou palestinas acompañando ás irlandesas, nin bandeiras israelís ou xibraltareñas a carón das británicas.      

Quizá menos preocupados pola súa lingua que os seus homónimos galegos, os nacionalistas irlandeses si poden servirnos como referencia en canto ao uso público dos seus símbolos nacionais. Eramos as persoas galegas pouco dadas á exhibición pública de bandeiras até que os prohispanos perderon a vergoña e, aguilloados pola repercusión mediática de certos sucesos deportivos que á maioría nos traen sen coidado, sacaron as bandeiras españolas á rúa. Foi unha serie de sucesivas febres extáticas que -oh, casualidade- coincidiron co xiro recentralizador e galegófobo do estado.      

Será hora de contraatacar. A escasa presenza de bandeiras galegas nas prazas, nas rúas e nas casas non se corresponde coa forza que o sentimento nacionalista suprapartidario posúe na Galiza. Sería fermoso que o branco, o azul e, para quen o quixermos, o vermello, adornasen as rúas e as aldeas do País en datas sinaladas. Cómpre un xesto colectivo que una forzas, que dea alento nun contexto tan duro como o que vivimos e que demostre que somos pobres pero aguerridos. As datas próximas ao 25 de xullo serían unha boa ocasión para exhibirmos pública e orgullosamente as nosas cores. Comezamos a organizalo?