Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
06-01-2013

A estinción de dúcias de juntas de freguesía en Portugal, máis unha medida antipopular ditaminada pola troika

O povo é quem mais ordena

XOÁN COLAZO PAZÓ


Para quen frecuentar o país veciño, unha das cousas que máis dan nos ollos, é atoparnos xalundes con pequenos localciños presididos dunha colorida bandeira e a fachada amosando o respectivo lema de “Sé da junta de freguesía de ...”. Son o contrapunto civil, democrático, á presenza dos templos cristiáns dominando o territorio todo. Unha boa demostración, aliás, de que paroquias non é sinónimo de igrexa ou administración relixiosa. A vitalidade e recoñecemento legal das paroquias/freguesías portuguesas son unha das diferenzas máis grandes en canto á organización territorial respeito a Galiza, por moito que a realidade sobre a que se asentan é en grande medida a mesma.

Creadas como órganos administrativos en 1835, son a resposta do Estado para recoller a realidade da existencia das agrupacións sociais máis básicas a nivel local. Logo de na ditadura pasar a depender do pároco correspondente, as juntas de freguesía obterían coa revolucionaria constitución de abril de 1976 un estatus de grande relevo como unidades democráticas de participación popular. A prestación de servizos de proximidade, o seu papel de coesión social e vertebración territorial evitando a desertificación total en moitas zonas, o pulo de proxectos de desenvolvemento local, a xestión -propia ou delegada polas cámaras municipais- de variados servizos, son algúns dos eidos en que desenvolven as súas funcións. Para alén disto, administran os baldíos da freguesía cando non existen as asembleas de compartes (en galego desta beira do Miño diriamos que administran os montes veciñais de non existiren as comunidades de montes). E son tamén un bo instrumento para participar, dende o ámbito máis próximo á veciñanza, nas deliberacións e decisións que lles afectan no seo das cámaras municipais.

Pois ben, todo este racional modelo administrativo, adaptado ás comunidades humanas que habitan as diferentes rexións portuguesas, está en grave trance de modificación e desaparición. Dentro das graves agresións que o povo portugués está a sofrer por parte da Troika e do goberno do PSD e CDS-PP, as juntas de freguesía son alvo preferente. O persistente chamado á racionalización, aforro, eficacia e demais cantilenas da dereita que por aquí tamén nos abouxan propón agregar e facer desaparecer entre 1000 e 2500 juntas de freguesía das 4250 existentes. Isto é, están tentando eliminar por volta da metade das juntas co argumento –falso, por outra parte- de aforrar 6,5 M € anunais, o cal semella pírrico se o contrastarmos coa enorme desfeita social, cultural, e económica tamén, que isto provocaría. Coa difusión en 2011 do Documento Verde por parte do Goberno comezou este proceso denominado de reforma da administración local, que foi contestado por amplos sectores do povo portugués por carecer de fundamentos científicos, razóns financeiras ou criterios de racionalidade alén de ser un obxectivo do capital para mellor explotar os portugueses e portuguesas. A lei 22/2012, de 30 de maio, de reorganización administrativa do territorio das autarquías, marca o camiño para a eliminación de moitas freguesías, sobre todo do rural portugués, cunha especial incidencia no norte, que posúe un hábitat moi semellante ao galego. En moitos concellos non ficará nin unha soa junta de freguesía, e debemos lembrar que as cámaras municipais portuguesas son moito máis grandes, abranguen un territorio moitísimo maior cós concellos galegos.

Porén, a aplicación real das tentativas gobernamentais está a ter moitas dificuldades, malia ás présas do goberno coa excusa das vindeiras eleccións autárquicas de outono. A oposición a esta decisión tomada de costas ao povo e coa opinión contraria da inmensa maioría das freguesías e cámaras municipais, acadou adiar o calendario previsto inicialmente e hai aínda moitas dúbidas de en que se medida se poderá implementar. A manifestación de marzo de 2012 en Lisboa, os encontros nacionais de freguesías, a creación dunha ampla plataforma ou a recente concentración o 22 de decembro pasado fronte a presidencia do Goberno están a organizar un potente movemento contrario que dificulta os planos da dereita e xa gañou a batalla das ideas. Tamén dende o poder local estase a desenvolver unha estratexia de desobediencia, como por exemplo en Almada, onde a cámara municipal non vai colaborar enviado os relatorios onde se sinalen aquelas freguesías a desapareceren.

A loita é dura e será máis longa do previsto inicialmente polo goberno portugués, chegando incluso ao Tribunal constitucional. Está ben as claras neste proceso que o capital ao atentar contra as freguesías está a derrubar unha barreira que lle impede campar totalmente polo territorio de Portugal, eliminando unha administración que non pode pór ao seu servizo, polo seu carácter democrático, autónomo, vencellado á terra e aos seus habitantes. O ataque ás freguesías forma parte do deliberado e estudado ataque ao povo e aos seus dereitos e intereses. Podiamos nós aprender disto e, contra o capitalismo, dar os pasos contrarios e camiñar cara o recoñecemento das paroquias como a base, a célula da nosa organización territorial.