Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
16-11-2012

O poeta chairego Francisco Vega Ceide naceu en O Cordón, parroquia de Santa Locaia, o 22 de maio de 1912

No centenario do mártir das letras chairegas

RAÚL RÍO DÍAZ


O poeta chairego Francisco Vega Ceide naceu en O Cordón, parroquia de Santa Locaia, o 22 de maio de 1912, e o pasado 30 de xuño celebrouse no seu concello natal de Castro de Rei o centenario do nacemento deste escritor que literariamente sempre utilizou o seudónimo de Francisco de Fientosa. A última vez que o viron con vida foi saíndo dun bar de Aravaca, mais tarde o seu corpo apareceu nunha cuneta desa localidade madrileña en novembro de 1936 cando solo contaba con 24 anos de idade.  

Cando me convidou ao acto o crego de Xermolos, Alfonso Blanco Torrado, teño que recoñecer que descoñecía totalmente a identidade do poeta homenaxeado, pero mereceu a pena ir aló, porque estas manifestacións da cultura na mesma base son as que teñen verdadeira importancia, como diría o poeta vasco Gabriel Aresti, xa que así puiden saber que Francisco de Fientosa foi un poeta vangardista que tiña unha fidelidade asombrosa por Noriega Varela, un poeta moderno que gustaba recrearse nas formas da súa bisbarra natal. Un namorado do rio Azúmara, compañeiro das súas primeiras travesuras, e da auga, que seguiron a formar parte da súa poesía e da súa vida literaria. Pasou os primeiros anos en Vegadeo, onde por primeira vez ve o mar, ese mar das Rias Altas que seica lle fixo cambiar a cor dos ollos, e, á morte de seus pais, cando solo contaba con seis anos e medio trasládase a Oviedo, cidade na que estuda maxisterio e logo exerce a docencia, compaxinando o ensino cos estudos de filosofía e letras a través da Universidade Central.  

A conmemoración, amenizada coa música de Mini e Mero da Quenlla, foi organizada polo concello de Castro de Rei, a Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz e a Irmandade Manuel María da Terra Chá, coa colaboración de Os Valuros da súa tribo, foi impulsada por eses personaxes incombustibles da chaira: Alfonso Blanco, Xulio Xiz, ese home que en verbas do crego e mago Xosé Manuel Carballo pode estar en mais de un sitio a vez facendo cousas diferentes, e o propio Carballo, que tamén interveu neste acto entrañable que arrouparon todos os veciños como si Francisco estivera vivo ou si o seu corpo retornara a terra que o viu nacer.  

Xulio Xiz oficiou de presentador e dixo que aquelo non era unha celebración fúnebre, pois cando fai 76 anos quixeron matar a unha persoa, unha poesía e unha idea, solo puideron matar fisicamente a persoa; proba dilo é que a súa memoria segue viva, a súa idea poética está aí, e hoxe é mais grande que daquela a figura de Francisco de Fientosa. Tamén interviñeron familiares do poeta nacidos na Arxentina e asistiron parentes que viven na Galiza, como Ines Crecente, sobriña do seu curmán, o tamén poeta, crego e latinista galego, Xosé Crecente Vega, veciños de Castro de Rei e o poeta Xosé Otero Canto, natural de Ponte de Outeiro.  

O eixe central do acto foi a intervención do investigador Ricardo Polín, que no seu libro A primeira luzada (Edicións do Castro, 2002) analiza e recolle os testos completos deste chamado Lorca galego, pola similitude da técnica literaria co poeta de Fuente Vaqueros e o tráxico final que tiveron ambos os dous. Tivo unha vida efémera xa que é asasinado cando se atopaba en Madrid, estudando na Universidade Central que hoxe chaman Complutense. A súa morte ou, mellor dito, o seu asasinato foi utilizado polos fascistas para contrapoñelo precisamente ao asasinato de Garcia Lorca, co obxectivo de reivindicar a autores executados polo bando republicano, que nada ten que ver co caso de Francisco de Fientosa, votándolle a culpa as hordas marxistas cando, segundo o investigador despertaba moitas envexas pola súa superioridade intelectual e foi unha vinganza por celos de compañeiros de estudos que aproveitando as revoltas acabaron coa súa vida. Tamén denunciou Polín aos que queren aproveitar politicamente a súa morte cando foron eles os colaboradores necesarios do seu asasinato por levantarse en armas contra unha república democraticamente establecida.  

Outro momento emotivo foi a lectura do poema Elegía por la muerte de Fientosa, da súa sobriña Elsa Vega, profesora de literatura que vive na Arxentina, recitado por Beatriz Sinde, filla do mecenas da cultura chairega, Emilio Sinde, alcalde de Castro de Rei entre os anos 1963 e 1983, depositario da obra inédita de Fientosa que doou ao museo do Castro de Viladonga.  

O poeta chairego escribía en español pero tamén nos deixou poemas e escritos en galego. A súa obra consta de tres libros publicados en vida: Lendas, libro de poemas en galego que saíu da imprenta en 1931 cando solo contaba con 19 anos e que hoxe está desaparecido, Triángulo isósceles, libro de poemas publicado en Madrid en 1934 e El alba del quechemarín, obra de poemas publicado en Santiago en 1935. Á súa morte deixou rematados outros dous volumes: un de poemas titulado Trébol de cuatro hojas e outro de prosa que leva por título Gente cordial.  

A manipulación da súa morte foi tal que tres meses despois de rematada a guerra incivil, o 26 de xuño de 1939, celebrouse na igrexa da parroquia onde naceu o funeral polo seu eterno descanso. Os vencedores da contenda quixeron terxiversar a historia a favor deles coa seguinte nota necrolóxica; El señor Don Francisco Vega Ceide (Francisco de Fientosa), Licenciado en Filosofía y Letras, murió por Diós y por la Patria vilmente asesinado por las hordas marxistas en Madrid, en el mes de noviembre de 1936 a los 24 años de edad. R.I.P.  

Tamén na fachada da da Universidade Complutense, baixo a lista dos que morreron Por Dios y por España aparece o seu nome, pero a proba da manipulación do bando insurrecto é a súa amistade con xente republicana e galeguista como Ricardo Carbalho Calero, a quen se lle presentou en Madrid e por medio del coñeceu ao seu Primo Xosé Crecente Vega, ou o feito de que o seu libro Trébol de cuatro hojas fora prologado por don Ramón Cabanillas. Dionisio Gamallo Fierros afirma que era de talante liberal, polo que se sentía moi cómodo coa república e o poeta José Sánz y Díaz deduce que unha man destrutora no ámbito académico e universitario provoca diversas envexas a nivel intelectual que acaban por incitar ao asasinato.  

É o noso deber como galegos recuperar a súa memoria, divulgar a súa obra e saber onde están os seus restos para retornalos a Terra e darlles a dignidade que se merecen para que non os poidan utilizar os fascistas que, coa revolta, propiciaron o seu asasinato.