Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
15-11-2012

Ben sabemos que RIAZOR, sonada praia coruñesa, recibe o seu nome dun antigo regueiro que deitaba as súas augas no areal

Riazor, río Sor e río Zorelle: tres ríos distintos e unha só orixe verdadeira

CÉSAR VARELA GARCÍA

Río Sor - no Vicedo


Ben sabemos que RIAZOR, sonada praia coruñesa, recibe o seu nome dun antigo regueiro que deitaba as súas augas no areal, este regato foi atuado polo urbanismo da cidade e só fica a lembranza del nos nomes da praia e do estadio de fútbol.  

Nos vellos documentos, o regato vén citado como RIO DO AZOR, nunha suposta referencia á coñecida ave de presa; mais acontece que, esta relación promove en nós un certo desacougo.  

Como un paxaro, en singular, pode dar nome a un regueiro?  

Os topónimos relativos a aves son sempre colectivos: Miñoteira, Aguieira ou Gavoteira.  

É moi estraño que un simple “azor”, cunha vida temporal limitada e unha gran mobilidade, valese para dar nome ao río coruñés.  

Un topónimo precisa, para súa constitución, dun feito fixo no lugar e tamén duradeiro no tempo para que se chegue ao consenso social da nominación do sitio.  

Xa o RIO SOR, que escoa entre as terras de Lugo e A Coruña para deitar as súas augas na Mariña formando a ría do BARQUEIRO, é nomeado en documentos medievais como RIVUS SAURIUS dando a entender a súa relación con lagartos e demais réptiles.  

Unha corrente máis erudita explica o nome en relación a supostas orixes prelatinas e sánscritas  partindo  de una raíz preindoeuropea “SER” ou “SORA” como referida ao “fluír da auga rápida e impetuosamente”; De aí seica proceden palabras de moitas linguas indoeuropeas para designar aos hidrónimos.  

Aparecería, por tanto, dita raíz en nomes de ríos do noso  país, como SAR ou SARRIA, e en designacións de ríos europeos como SARRE e SARNO en Francia ou Italia respectivamente,….  
Se baixamos ás terras ourensás, temos un río que levaba antigamente o nome da parroquia de ZORELLE, situada na zona de MACEDA.  

O RÍO DE ZORELLE tamén aparece en vellos documentos, ao igual que o RIO SOR en referencia aos réptiles, como río de SAURIUS.  

A nosa opinión sobre a orixe dos nomes destes ríos dista moito do intento de latinización dos antigos, que interpretan o nome de SOR como a evolución do latín SAURIOS.  

Tamén deixamos de lado o método de gabear pola árbore das linguas indoeuropeas á procura de nomes parecidos en ríos polo mundo adiante.  

Preferimos o camiño mais “materialista” de entender que o noso pobo nomeo aos seus ríos por causas corriqueiras e necesarias socioloxicamente.  

No noso entender o significado destes nomes procede simplemente da abundancia que debeu haber antigamente nas súas marxes dun arbusto de pontudas follas, o ACIVO  ou ACEVO; o AQUIS FOLLIUS  latino.  

Nun artigo anterior xa declaramos como ese modesto arbusto foi o responsábel dos nomes de senlleiros montes galaicos como O COUREL, O CEBREIRO ou O SUIDO.  

Para os ríos en cuestión manexamos os mesmos camiños evolutivos, velaí: Rivus AÇEVOLLI > RIO AÇEVORI > RIO AÇOOR, e de aí o RIAZOR de hoxe. Claro que, outra solución evolutiva, perdendo o -A- inicial, podería ter sido:  

Río A-ÇEVOR > ÇEVOR > ÇOOR que explicaría o SOR da MARIÑA lucense.  

E aínda  desde un diminutivo AÇ(EV)ORECULI > Ç(EV)ORELLE > ÇOORELLE, chegaríamos ao río de ZORELLE, río de MACEDA que sería o río dos ACEVIÑOS. E é que a sombra que os acevos deitan vai moi lonxe na toponimia do País!