Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
13-04-2010

A querela contra Garzón que se dirime no Tribunal Supremo é unha fronte máis da batalla ente PSOE e PP por controlar a xustiza española

Daquela poeira esta lameira

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA

Baltasar Garzón


Se fixéramos unha enquisa para saber cantos galegos e galegas están en contra do Franquismo, con toda seguridade obteríamos un resultado practicamente unánime de condena. Se preguntáramos á xente se hai que perseguir aos criminais da ditadura Franquista, tamén, con toda seguridade, a meirande parte da xente estaría de acordo en levar perante a xustiza aos criminais que en 1936 se "alzaron" contra a legalidade vixente, impoñendo unha ditadura de represión e brutalidade durante máis de 40 anos. Para rematar coa nosa enquisa: se preguntáramos se cre na xustiza e no estado de dereito, o resultado do inquérito sería abrumadoramente positivo.

Estas respostas que calquera persoa daría case sen pensar, no Estado Español  son, sen embargo, dunha difícil conciliación, porque choca de fronte coa -disque-  "exemplar" transición democrática do Estado, que impide, por exemplo, levar perante a xustiza aos asasinos de Alexandre Bóveda ou Moncho Reboiras, e aos verdugos fascistas de miles de galegos e galegas, porque así o indica o ordenamento xurídico de que se dotou o Estado Español, logo da ditadura de Franco. 

Por unha banda, a Lei 46/1977, de 15 de outubro, ou Lei de Amnistía, puxo á mesma altura a vítimas e verdugos, -a todas luces unha barbaridade-, e por outra, a Constitución de 1978 no seu artigo 25, que impide que ninguén poida ser "condenado ou sancionado por accións ou omisións que no momento de producírense non constitúan delito, falta ou infracción administrativa, segundo a lexislación vixente no momento". Estas dúas leis, vixente a primeira, e non modificada a segunda, son as que impiden que calquera xuíz poida sentar no banco dos acusados aos altos cargos do Franquismo, entre eles un ex-Presidente da Xunta de Galiza, responsábeis da brutal represión que sufriron miles de galegos e galegas.

Polo tanto, se non hai os cambios lexislativos pertinentes, a reparación penal aos represaliados é imposíbel co actual ordenamento xurídico, e eses cambios só os pode facer o parlamento, é dicir, os partidos políticos. Sen embargo, durante a transición "exemplar", sen vencedores nin vencidos, os políticos daquela, na súa meirande parte altos cargos do Franquismo, optaron, como dixo Il Gattopardo, facer algúns cambios para que todo siga igual, e hoxe, os herdeiros daqueles, que militan nos dous grandes partidos estatais, seguen presos do espírito da transición, que, ante a presión social que clama xustiza só é capaz de sacar adiante a Lei de Memoria Histórica, que, aínda que un grande paso, que custou 30 anos en dar, só serve de reparación moral dos represaliados pero, como dixen antes, non serve para a súa reparación penal.

"Daquela poeira esta lameira". Este dito popular reflicte á perfección o status xurídico, e tamén político, do Estado Español 35 anos após a Ditadura, o que é caldo de cultivo ideal para oportunistas, demagogos e hipócritas que tentan sacar proveito persoal, económico e tamén político, de miles de persoas  que reclaman xustiza desde as fosas comúns e as cunetas onde foron vilmente asasinados e represaliados os seus seres queridos, activistas políticos todos eles e elas que loitaron pola democracia e contra o fascismo.

E con este panorama o Estado Español non só exporta o seu modelo de transición política, senón que, malia non teren os deberes da casa feitos, imparte xustiza "urbi et orbi". Nesta tarefa tivo como alumno aplicado ao xuíz Garzón, sen dúbida o maxistrado máis coñecido non só dentro senón mesmo fóra do Estado, que mesmo soa como candidato a Premio Nóbel da Paz. Máis non só o único, outros tentaron seguir a estela deste super-xuíz da xustiza española.

Garzón fica lonxe da imaxe gris e aburrida do estereotipo de xuíz, el é sen dúbida o xuíz máis mediático de cantos maxistrados hai no Estado Español. Este xuíz "estrela", como adoitan alcumalo algúns, acaparou en moitas ocasións os titulares da meirande parte dos medios de comunicación. Do seu escritorio de xuíz saíron autos para procesar a ditadores como a Pinochet, instruíu casos como o da Nécora ou do entramado de ETA, que propiciou o peche de xornais como Egin; investigou a Jesús Gil; e máis recentemente iniciou o caso Gürtel, que salpica ao PP, e as desaparicións do Franquismo . Todos eles, como se pode ver, casos dunha notoriedade pública importante.

Mais non sempre esa notoriedade mediática e pública dos casos que levou Garzón remataron ben, xa que cometeu en reiteradas ocasións fallos imperdoábeis nun xuíz da "estrela" de Garzón, que o levaron a el, un xuíz, perante a xustiza. Por estas e por outras razóns se explican as tres causas que ten abertas no Tribunal Supremo. A primeira delas por ordenar escoitas ilegais a un implicado no caso Gürtel preso no cárcere e ao seu avogado (no camiño da fama e da notoriedade pública sí hai atallos, que llo digan a Garzón e aos concursantes do "Gran Hermano"). A segunda querela que ten pendente é por obter financiamento do Banco Santander para facer uns cursos nunha Universidade Americana, cuxo banco tiña causas pendente no seu xulgado e das que non se inhibiu no seu momento. E a terceira querela é a que lle presentou o partido fascista Falange e a asociación do mesmo cruño Manos Limpias polo procedemento aberto ao Franquismo.

Das tres querelas, esta última é a que está acaparando maior repercusión pública e mediática. Esta causa aberta no Tribunal Supremo, e que instrúe o galego Luciano Varela, é a que está sendo utilizada máis hipócrita e demagoxicamente pola progresía españolista, utilizando un discurso maniqueo, como José Blanco, que dixo textualmente que "No me gustaría que los falangistas ganaran de nuevo la batalla".

Efectivamente con este discurso é difícil estar en desacordo. Ninguén quere que gañen os falanxistas. O problema é que os falanxistas, os da extrema dereita, xa gañaron en 1977 coa Lei de Amnistía, o que permitiu que os mesmos que controlaban as estruturas do Estado seguiran como se nada, parapetados nestas, grazas a un ordenamento xurídico que é unha chapuza, que permite a aparición de super-xuíces que campan as súas anchas, empoleirados e controlados por un bipartidismo político impregnado tamén do espírito reaccionario e extremista da Transición Española.

Os dous grandes partidos estatais trasladan ao campo abonado da xustiza española a súa particular liorta polo poder. O que controle a xustiza, controlará en última instancia as leis que emanen do Congreso dos Deputados, por exemplo, a entrada en vigor do Estatut Catalán, que, malia ser  aprobado no Parlament, no Congreso e refrendado tamén pola sociedade catalana, desde 2006 segue atascado no Tribunal Constitucional por mor dun recurso presentado polo PP. E o caso Garzón é unha fronte máis da loita polo poder entre PSOE e PP.

Seguramente haberá motivos máis que suficientes para procesar a Garzón, xa que non sería a primeira vez que este se salta as leis, utilizando atallos dentro do estado de dereito coa única pretensión de saír nos medios e alcanzar notoriedade pública, o denominador común da súa traxectoria profesional. Seguramente. Mais algo pasa na xustiza, no ordenamento xurídico do Estado, cando unha cuestión amplamente demandada pola sociedade como é a de dirimir as responsabilidades penais dos altos cargos da ditadura franquista, é precisamente a que vai levar perante a xustiza ao único xuíz que iniciou un proceso contra a Ditadura.

Repito: "Daquela poeira esta lameira". 35 anos despois da morte do Ditador Franco, o Estado Español aínda non fixo a Transición, que segue a ser a súa signatura pendente; ten que exorcizar o espírito que rebule comodamente polas estruturas do estado, dotándose dunha separación de poderes real, non teórica; en particular, o dun poder xudicial, que estea sometido e que teña que aplicar leis democráticas, transformadoras e ao servizo do pobo. Entre elas, as reformas  lexislativas que se precisaren, para, entre outras cousas, levar perante a xustiza aos responsábeis da ditadura, e contemplar dunha vez por todas e sen complexos a todas as Nacións do Estado. Sen estas reformas a democracia española seguirá a ser unha lameira.