Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
03-11-2012

Con esta nova lei de 2012, impulsada polo ministro Ruiz Gallardón, impóñense taxas que oscilan entre os 100 e os 1.200 euros

As taxas xudicias e a tutela xudicial

EDUARDO ÁLVAREZ


O pasado día 31 de outubro, no Congreso dos deputados aprobouse a lei que regula a imposición de taxas na Administración de Xustiza polo exercicio da potestade xurisdicional nas ordes civil, contencioso-administrativa e social. A aprobación contou tan só cos votos da maioría absoluta do PP e coa ausencia dos deputados dos restantes grupos políticos como manifestación de protesta non só ao que supón a reintrodución destas taxas senón tamén pola forma de urxencia en que se tramitou esta lei. Socialmente, a imposición deste tributo tivo pouca repercusión nos medios de comunicación e os sectores directamente afectados como poden ser os colexios profesionais de avogados e procuradores, o Consello Xeral do Poder Xudicial  ou as asociacións de xuíces e fiscais tan só mostraron o seu rexeitamento nos últimos días, cando os feitos xa estaban consumados.  

Tradicionalmente, no Estado español existiron taxas xudiciais até o ano 1986, en que foron derrogadas pola Lei 25/1986, a mesma que suprimiu tamén as taxas que se satisfacían polas actuacións dos cidadáns realizadas nos rexistros civís. Na exposición de motivos desta lei de 1986 xustificábase esta supresión en cumprimento do principio constitucional que obriga os poderes públicos a promover as condicións para que a liberdade e a igualdade fosen reais e efectivas e tamén para remover os obstáculos que impedisen ou dificultasen a plenitude do dereito á tutela xudicial efectiva.  

É certo que no ano 2002, na Lei de acompañamento dos Orzamentos do ano 2003, baixo o goberno tamén do PP, se reintroducen taxas xudiciais nas ordes civil e contencioso-administrativa, mais quedando exentas delas todas as persoas físicas e as entidades que total ou parcialmente non tivesen a obriga de satisfacer o Imposto de Sociedades.  

Con esta nova lei de 2012, impulsada polo ministro Ruiz Gallardón, impóñense taxas que oscilan entre os 100 e os 1.200 euros e que se compatibilizan tamén cos depósitos, que foran instaurados no ano 2009, necesarios para interpor calquera tipo de recurso.  

Pretende xustificar o ministro Gallardón a introdución das novas taxas por mor do atasco que sofren os xulgados debido á elevada cantidade de conflitos que se presentan. Mais esta afirmación do ministro facilmente se constata que falsea a realidade porque, por un lado, non é certo que no Estado español a taxa de litixiosidade sexa máis elevada que no resto dos Estados da contorna e, por outro, o dato recoñecido de que o 80 por cento das demandas que se interpoñen sexa estimado polos tribunais demostra que a cidadanía na maior parte dos casos, cando acode aos tribunais, está convencida de que os seus dereitos foron violados e desexa que a xurisdición restabeleza a xustiza. Ademais, existen xa na actualidade mecanismos que disuaden a presentación de demandas carentes de fundamento. Un deles encóntrase no pagamento das elevadas custas procesuais a que son condenados aqueles que obteñen resolucións contrarias ás súas pretensións. Outro dos medios que evitan a litixiosidade reside na consignación dos depósitos obrigatorios para recorrer, depósitos que, de seren estimados total ou parcialmente os recursos, son reintegrados na súa totalidade. Un último argumento que rebate contundentemente a xustificación alegada para a reintrodución das taxas xudiciais encontrámola na reducida porcentaxe en que os demandantes son condenados a satisfacer as custas procesuais por temerosidade ou mala fe, isto é, por interpor unha pretensión sen que existan motivos fundados que a sustenten.    

En definitiva, a recuperación das taxas xudiciais non ten outras pretensións de feito que a recadación de ingresos por parte da Facenda Pública e o recorte do dereito fundamental ao exercicio da tutela xudicial efectiva recoñecido no artigo 24 da Constitución.    

Mesmo a propia consideración legal deste tributo baixo a denominación de taxa resulta inapropiado xuridicamente porque a taxa supón por parte da Administración un servizo público que se realiza directamente a un obrigado tributario nunha relación de bilateralidade, mentres que este tributo xudicial que se impón obedece a unha relación trimembre na que dous dos integrantes, as partes demandante e demandada, nas ordes civil e social non forman parte da Administración.    

Pero, máis grave que o afán recadatorio desta medida que se introduce resulta a limitación do acceso á tutela xudicial porque, a partir da inmediata entrada en vigor desta lei, moitos cidadáns lesionados nos seus dereitos desistirán de presentar demanda xudicial por obstáculos económicos mentres que os causantes da súa lesión camparán impunes ás súas anchas. Porque, a quen se lle ocorrerá demandar, por exemplo, a unha compañía operadora de telefonía móbil que lle vendeu un aparello defectuoso polo que pagou un prezo de 100 euros se a taxa xudicial lle supón 150 euros? Que comunidade de veciños lle vai reclamar a un propietario unha débeda de 80 euros se a taxa do correspondente proceso monitorio ascende a 100 euros? Quen vai recorrer unha inxusta multa de tráfico ou calquera outra sanción administrativa se para presentar un recurso contencioso ten que satisfacer unha taxa de 200 euros? Como poderá un obreiro despedido por un empresario presentar un recurso de suplicación se, alén de perder o seu traballo, ten que pagar 500 euros se recorre ao Tribunal Superior de Xustiza ou 750 se o fai ao Tribunal Supremo?