Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
22-10-2012

Que non nos colla co pé cambiado, como en 1972, activismo, traballo social e disposición

O nacionalismo sempre foi o problema

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN


Non houbo proceso de escisión no mesmo, fose este pola esquerda ou pola dereita segundo os seus patrocinadores, que non agochase de facto unha renuncia a recoñecer a Galiza como suxeito de dereitos políticos. Reparemos, por exemplo, na ruptura que liderou Aureliano J. Pereira e o grupo de Lugo a finais do XIX coa Asemblea Rexionalista Galega acusando ao seu directorio e particularmente a Manuel Murguía de “reaccionarios”, para rematar esta suposta esquerda do movemento perfectamente integrada no turnismo, baixo o paraugas caciquil daquela “esquerda dinástica” que lideraba Montero Ríos. Parémonos, por un casual, naquela “Dereita Galeguista” dirixida por Risco e Filgueira supostamente discrepantes coa orientación esquerdista do Partido Galeguista , porén o tempo demostrou que aquela sigla non era máis que un roupeiro que permitiu aos seus dirixentes cambiar de camisa, algúns sen complexos xa puxeron a azul, para integrarse mellor no novo réxime e mesmamente como afirmaba o Ben-Cho-Shey ou o Álvarez Gallego converter aos que foran seus irmáns en dianas do franquismo. Consideremos xa para rematar, neste repaso as presas, aqueles autodenominados “Militantes comunistas do movemento nacional-popular galego” que após asinar un pomposo manifesto en 1977 racharon coa AN-PG por defender organizar aos traballadores galegos en sindicatos propios, dividían a clase obreira, e que concluíron que a alternativa, esta si, era a independencia, a liña proletaria pero mantendo a militancia sindical en USO ou en CCOO. Abofé que isto non é un maldición, nin Penelope que tece e destece, estamos diante dunha realidade obxectiva e verificada na historia que pasa por non acreditar nas potencialidades do povo galego.                    

Morreu Piñeiro mais o Piñeirismo fixo escola.Tanto no anverso, isto é naquel que volveu a Tagen Ata para matar ao pai, como no reverso, naquel outro chamado desde neno a liderar Galiza, o estilo e o corpo doutrinal do mestre seguen presentes. O eixo central da proposta política de Piñeiriño, como o denominaba Castelao, non era outra que Galiza non tiña capacidade para dotarse de forzas políticas propias e que por conseguinte do que se trataba era de galeguizar as organizacións de obediencia estatal. Este extremo os seus continuadores concretárono na articulación de propostas políticas que se sustentaban nun caso no independentismo como evasión e noutros nunha organización nacional, porén sempre coa porta aberta a xogar na política do estado, posto que os galegos e as galegas non podemos valernos por nos mesmos.      

Así se explica, cando o independentismo é unha evasión que sexa posíbel acordar con forzas de obediencia española no ámbito electoral , ou boicotear a posta en marcha de organizacións sindicais propias; pero tamén entendemos, nesa outra lóxica de organización nacional non nacionalista, que se volva afirmar en 2012, como afirmaba Piñeiro, que a divisoria galeguismo/españolismo está superada ou que se primase  no seu momento unha estratexia no ámbito do Estado até que Mujica e Guerra coa apoio da Internacional Socialista mandaron parar, no canto de buscar a confianza dos galegos e das galegas. Acabemos, non estamos asistindo estes tempos a  unha emenda a totalidade da traxectoria vital de ninguén, aínda máis, o comportamento dun máis outro é lóxico coa súa formación e a súa práctica política.

Morreu Piñeiro mais o Piñeirismo fixo escola. A formulación do Piñeiriño, repito, como se refería a el Castelao, de que o povo galego non estaba preparado e que por conseguinte se precisaba dunha minoría de escollidos que abrise o camiño, criou un particular libro de estilo no que se primaba a elite frente ao povo, o individuo frente ao masa e a capacidade desa dirixencia frente a disposición da sociedade. Non estamos a facer xuízos de valor, simplemente caracterizamos  unha práctica política que entronca coa lóxica coa que foron educados, neste caso o existencialismo de matriz xermanófila. Como explicar a diletancia dunha mesa camilla, ou dun circulo de estudo, ou dun cenáculo literario, digamos os salvadores supremos após de ser debidamente aleccionados, nos que se recrea unha sociedade a medida dos consumidores dese calote   con esas apelacións a iso que dan en chamar “os de abaixo”?. Que é senón tentar de superar as adesións que todos coñecemos e nas que nos  recoñecemos como “nacionalismo” ou “socialismo, por outros ismos que emparentan coa súa xínea máis que unha renuncia a articular calquera proxecto político que vaia alén da traxectoria vital do “líder”?.Como comprender senón o mimetismo cara o de fora, o intelectualismo retórico, o luxo de atacar sen piedade aquilo que non é confesional con un, a posibilidade de non actuar porque a sociedade galega non dará máis de si polo seu propio peso e particularmente esa visión de Galiza como fatalidade que non se vale por si mesmo e xa que logo a necesidade de vincular o seu destino a proxectos alleos?         

Nin máis nin menos que 40 anos. Se a altura de Abril de 2012, após a resaca da asemblea de Amio o poder festexaba a morte da alternativa nacionalista, esa que non lle é simpática e na que bateu e bate, foi tamén noutra primavera, a primavera de 1972, cando o nacionalismo comeza a súa reorganización, após a escisión de Torres, e o seu particular “salto adiante” coa formalización da organización política e a formulación dunha nova liña táctica e estratéxica sustentada na autoorganización. Alén das condicións obxectivas, marcadas polas grandes folgas obreiras de Vigo e Ferrol, foi o traballo organizado pero particularmente a disposición da militancia o que fixo posíbel que nun prazo de tres anos ou catro anos o nacionalismo fora unha realidade operante e determinante no campo cultural, no estudantil, coa creación de ERGA, no agro, coa fundación das Comisións Labregas e tamén, no operario. Se o que hoxe lle chamamos traballo de base permitiu erguer un movemento político como este, recuperemos logo o traballo na base social para avanzar na articulación dun proxecto autenticamente hexemónico en Galiza. Non puideron con nos, seguemos a ser unha realidade actuante. Agora ben é necesario revisar os métodos, fuxindo do fetichismo organizativo, a organización non é máis que o instrumento, mais por suposto do fetichismo institucional, as institucións non son máis que un campo de batalla da loita pola soberanía. A crise do réxime político vaille pasar necesariamente factura ao réxime de partidos. Que non nos colla co pé cambiado, como en 1972, activismo, traballo social e disposición.