Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
13-10-2012

Este documento recolle as doce propostas do ecoloxismo galego que lanzan ás organizacións políticas que concorren á vindeira convocatoria electoral

Un programa pola Terra: Propostas ecoloxistas para o 21-O

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ


Coa ameaza do adianto das eleccións ao parlamento galego, diversas entidades ambientais comezaron a manter contactos e a intercambiar propostas, antes do período estival, coa finalidade de redactar un documento de propostas ambientais co obxectivo de telo listo no momento da convocatoria do proceso electoral. Así, logo dun longo período de debate, o 12 de setembro as organizacións ADEGA, Amigos da Terra, CEMMA, FEG e SGHN presentaron publicamente en Ourense o documento: Un Programa pola Terra 2012          

Este documento recolle as doce propostas do ecoloxismo galego que lanzan ás organizacións políticas que concorren á vindeira convocatoria electoral, co fin de facer un chamamento a súa sensibilidades ambiental e de que as integren na nos seus programas para que teña repercusión, ben na súa acción de goberno ou na de oposición, durante a vindeira lexislatura.          

No documento analízase a amplitude da crise ambiental global, encabezada polo incuestionábel cambio climático, o esgotamento dos recursos naturais e o incremento das desigualdades sociais, e avalíase que a crise é de tal magnitude que precisa dun cambio radical nas políticas desenvolvidas polas administracións, de aí a estratexia de facer entrega destas propostas ás organizacións que terán a partir da noite electoral a responsabilidade de dirixir as rendas políticas de Galiza durante a vindeira lexislatura.            

Estas propostas están baseadas na identificación da inxustiza social e na insustentabilidade do modelo económico, na necesidade dun cambio estratéxico, no impulso da democracia participativa e no cumprimento da lexislación ambiental. Catro alicerces que o son da democracia.

Este é un exercicio de responsabilidade e de madureza das entidades ambientais galegas. O seu coñecemento do país é profundo, así como a análise da súa degradación ambiental. A perspectiva histórica das entidades pioneiras e máis importantes de Galiza, como son ADEGA e SGHN, con case 40 anos de traxectoria, a integración de entidades de carácter temático e mesmo dun grande número de colectivos a traveso da Federación Ecoloxista Galega fai da proposta unha potente ferramenta deseñada con sensibilidade, experiencia e coñecemento.                

O obxectivo desta iniciativa é procurar que a transversalidade, tan fundamental nos temas ambientais, non se converta nunha tonalidade verde clara diluída, facéndoos desaparecer da axenda política da vindeira lexislatura.            

Non é a primeira vez que o movemento ecoloxista fai chegar a area política un documento deste estilo, nin será a última, mais sempre é un exercicio de participación social na vida política. Parbéns pola iniciativa!.