Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
19-09-2012

O poder político negro, representado polo African National Congress (ANC), que durante todos estes anos non foi máis ca un monicreque do poder financeiro branco surafricano e occidental

Sudáfrica: transición á española

XURXO MARTIZ CRESPO

Mineiros sudafricanos, custodiados por policías, na folga da mina de platino de Marikama


Nin o pasado Mundial de fútbol, nin a súa pertenza aos países emerxentes, nin a «igualdade» no exercicio dos dereitos políticos trouxo benestar material, liberdade e independencia aos surafricanos negros.                  

Iso sábeo ben a historia. Cando a Guerra Civil estadounidense, os «liberados» negros do sur tiñan máis valor como mercadoría e como man de obra na Confederación que como homes «libres» na Unión (norte). Moitos destes «liberados» decidiron volver ao sur e tiveron que esperar até ben entrados os anos 60 para que o réxime de segregación racial estadounidense concedese os mesmos dereitos políticos e sociais a negros e brancos.                              
Pero o recoñecemento de dereitos políticos, elixir e ser elixido, é só un dos moitos dereitos entre tantos que pode exercer e sustentar un cidadán nunha sociedade igualitaria e libre.                                        
No momento da transición política, o remate do apartheid, os brancos surafricanos cederon o poder político á maioría negra, recoñecéndolles o dereito a elixir e ser elixidos, pero o poder financeiro en Sudáfrica, que non ten ningunha calidade democrática, quedou desde logo fóra da repartición e permanece na súa totalidade na man da minoría branca.                                        
Por iso non é de estrañar o descontento entre a poboación maioritaria negra ante un poder político negro, representado polo African National Congress (ANC), que durante todos estes anos non foi máis ca un monicreque do poder financeiro branco surafricano e occidental.

Mineiros sudafricanos, custodiados por policías, na folga da mina de platino de Marikama

Por iso non é de estrañar que foran asasinados pola policía máis de 35 mineiros negros, pertencentes ao sindicato Asociación de Mineiros e Traballadores da Construción (AMCU nas súas siglas en inglés), opositor ao sindicato gobernamental do ANC, Sindicato Nacional de Mineiros de Sudáfrica (NUM en inglés) e que aos sobreviventes lles fora aplicada unha lei dos tempos do apartheid que os inculpaba por asasinato.

Pícara nunha da cotiás revoltas en Sudáfrica

A guerra de independencia en Latinoamérica non deixou de ser unha guerra civil entre unha clase social e racial dividida en dúas partes: brancos peninsulares (co poder político) e brancos crioulos (co poder económico). Os segundo gañaron e quedaron con ambos os dous. Durante case 200 anos a poboación latinoamericana sufriu ese outro xugo da plutocracia branca que representaba poderes ao servizo do exterior.                                      
Por moitas homenaxes que mereza Nelson Mandela, a verdadeira liberdade dos surafricanos está por desaloxar o poder branco e estranxeiro do poder financeiro e os seus representantes, o ANC, do poder político. Entrementres, todo será propaganda  e unha transición á española: seguirán mandando os mesmos de antes, representando os intereses dos de sempre a custa dos incautos que cren que o seu voto representa algo.