Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
13-09-2012

"Ollos que non ven corazón que non sente", este é o motivo da difícil sensibilización social respecto da contaminación química: que non se ve e só se aprecian dun xeito difuso

Contaminación mariña III

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ


Xa di o refrán: ollos que non ven corazón que non sente, este é o motivo da difícil sensibilización social respecto da contaminación química: que non se ve e só se aprecian dun xeito difuso, aínda que non menos grave, as súas consecuencias.                        

En Galiza, tanto as actividades industriais como os asentamentos humanos concéntranse nas canles fluviais e no litoral das Rías, polo que o aporte de contaminantes ao medio mariño é elevado. Mais a nosa costa non é un lugar de asentamento intensivo de industria pesada, e a pesar disto, dispoñemos de preocupantes focos de emisión de contaminantes cun forte impacto ambiental, como poden ser: o asentamento de factorías navais, sobre todo desguaces, a celulosa, as metalurxias ou outras industrias deste tipo.                                  

A pesar das medidas parcialmente correctoras nas últimas décadas, a emisión sen control dos contaminantes durante moito tempo provocou unha contaminación crónica moi difícil de erradicar pois está atrapada e acumulada nos sedimentos dos fondos, mais este non é o seu destino definitivo xa que van reincorporándose lentamente á columna de auga, emitindo continuamente substancias e causando unha micro-contaminación permanente. Como exemplo, o caso de da fábrica de porcelana Pontesa, situada no fondo da Enseada de San Simón na Ría de Vigo, que moitos anos despois de ter pechado segue a emitir chumbo a causa do recheo realizado cos residuos industriais.                              

A contaminación química pode ser de diverso tipo:                            

Os metais son constituíntes naturais dos ecosistemas. O cobre, o zinc, e o ferro, por exemplo, son elementos esenciais para a vida, pero resultan tóxicos cando a súa concentración acada niveis elevados. Outros metais, como o cadmio e o mercurio carecen de rol biolóxico coñecido, e son tóxicos ata en concentracións moi baixas. Ao non ser elementos biodegradables, tenden a acumularse no medio ambiente asociados a materia orgánica e inorgánica. Algúns deles son bioacumulativos nos corpos dos seres vivos. Un dos casos máis gráficos é a instalación de ENCE-ELNOSA, que ademais de eliminar fisicamente unha ampla zona de marisqueo xa que foi construída sobre un recheo, e por tanto deixar sen actividade a centos de persoas, a emisión de mercurio, e outras substancias persistentes, pon nunha delicada situación ambiental á economía podutiva mariña de toda a Ría.                                      

Os compostos con enlaces de estaño, ou organoestánicos. É o caso do tributilestaño-TBT que é usado como un biocida activo nas patentes dos barcos, ou pinturas anti-incrustantes, para impedir o desenvolvemento de algas, moluscos ou outros organismos nos cascos que ralentizan o avance durante a navegación. O seu uso dá lugar a elevadas concentracións no medio mariño con efectos negativos para os seres vivos. Debido a este tipo de substancias, detectouse un aumento da mortalidade e das deformidades nas ostras de Arcachón, en Francia, e xa se ten comprobado a afección sobre moluscos de menor tamaño, como os caramuxos, en Galiza.                                

Os compostos con enlaces de cloro, ou clorobifenilos, están presentes en produtos e materiais como illantes, axentes plastificantes, etc, son compostos moi pouco degradables e tenden a acumularse nos seres vivos.                                

Algúns dos hidrocarburos aromáticos policíclicos-PAH, teñen probados efectos canceríxenos ou mutaxénicos. A súa procedencia pode ser directa a partir de vertidos accidentais de petróleo, ou escapes de refinerías e efluentes urbanos ou industriais, aínda que tamén de combustións incompletas de materia orgánica como tabaco, aceite ou carbón. Os PAH son compostos moi estables, pero sensibles á luz solar, puidendo ser degradados por microorganismos. A súa solubilidade é moi baixa e tenden a adherirse a partículas en suspensión para acabar depositándose no fondo mariño.                              

Moitos destes compostos químicos, que non existen na natureza, tenden a acumularse nos sedimentos e pasan a través da cadea alimentaria aos diferentes niveis de organismos mariños, sobre todo acumulados nos tecidos graxos.                                

O seguimento anual da concentración de contaminantes na Ría de Vigo foi levado a cabo polas diversas institucións científicas instaladas na cidade (IEO, CSIC e Universidade) a través do Observatorio da Ría, mais dende hai anos a falla de financiamento pechou esta iniciativa. A Plataforma para a Defensa da Ría de Vigo-Cies ven reclamando a posta en marcha deste organismo como garante e orientación da evolución da contaminación na Ría e como referencia para a cidadanía nas súas reclamacións ambientais, mais, se non interesa que a cidadanía estea informada, as reclamacións interesan menos.                                    
Unha das consecuencias máis graves da persistencia da contaminación química é, como xa se mencionou, a acumulación a través da cadea alimentaria mariña. A pesar das limitacións económicas diversas institucións científicas de Galiza tratan de continuar cos controis e investigacións sobre os contaminantes químicos nos sedimentos e nos diferentes niveis de seres vivos mariños, mais non existe un seguimento da evolución destes contaminantes nas persoas humanas nin tampouco das súas consecuencias, igual os seus resultados poderían ser asustadores. Xa se sabe que ollos que non ven...