Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
13-08-2012

A pesar do aumento da sensibilización pública respecto dos problemas ambientais mariños, e da crecente resposta social, a contaminación mariña aumenta sen cesar

Contaminación mariña II

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ


A pesar do aumento da sensibilización pública respecto dos problemas ambientais mariños, e da crecente resposta social, a contaminación mariña aumenta sen cesar.              

Ademais do lixo, do que falamos na anterior achega, que ten incidencia no medio mariño e na paisaxe, porque é moi visible, existe unha contaminación crónica e difusa que non é apreciable, trátase da contaminación microbiolóxica e da química. Centrando este artigo no primeiro caso, compre fixármonos no xeito que temos os humanos de usar o litoral.              

Estímase que no ano 2050, o 60% da poboación mundial ocupará unha franxa de non máis de 60 km da costa, cun continuo medre poboacional. Aumenta a presión humana sobre a costa e os seus efectos esténdense sobre os ecosistemas mariños. Nun estudo do desenvolvemento poboacional de Galiza, durante o século XX, apréciase como se produce un aumento da poboación do litoral ata os anos 80, en que se ralentiza, aínda que se mantén ata os primeiros anos do século XXI.              

A tendencia futura é cara a un estancamento ou un decrecemento, estimándose un descenso do 1,2% nos vindeiros 10 anos. Aínda a pesar desta situación cabe a posibilidade de que este feito non afecte ás poboacións costeiras dun xeito substancial, tendo en conta do sobrepoboamento e o desequilibrio territorial que marcou a tendencia nas últimas décadas en detrimento das zonas do interior. Este fenómeno constatouse dun xeito evidente nas áreas costeiras urbanas, sobre todo no eixo Vigo-Pontevedra no Sur e A Coruña-Ferrol no Norte.              

A sobrepoboamento do litoral incide na contaminación microbiolóxica das augas mariñas, destino dos residuos urbanos. No ano 2004, no Estado Español, só o 0,3% das poboacións costeiras aplicaba algún tratamento ás augas residuais que garantira a súa calidade, e un 41 % dos núcleos costeiros de poboación con depuradoras empregaba só tratamentos secundarios, mentres que o resto vertían as súas augas residuais ao mar practicamente sen seren tratadas.              

A contaminación de orixe urbano é un factor de deterioro crecente da costa galega e unha fonte de contacto para os organismos mariños con microorganismos de orixe terrestre: virus, bacterias e outros patóxenos. Coñécense saltos patóxenos de seres vivos terrestres aos animais mariños, como o caso da brucelose ou a lobomicose que foron detectadas nos golfiños en Brasil, Francia e Cantabria ou mesmo o caso das epizootias víricas que provocaron mortalidades masivas de lobos mariños e golfiños ao longo do Atlántico e Mediterráneo, que proceden do virus do sarampelo ou do moquillo canino, que foi saltando de especie en especie e  a súa vez mudando ata chegar ao medio mariño.              

Actualmente ningunha das Rías galegas dispón dun tratamento integral de depuración das súas augas, a pesar dos investimentos millonarios.
Desde a Xunta de Galicia púxose en marcha un plan de saneamento 2000-2015 no que se definen as zonas máis sensibles e as actuacións previstas en canto a obras de saneamento. No Plan recóllense as liñas de actuación: creación de estacións depuradoras de augas residuais, obras en redes xa existentes e construción de colectores de novas redes. Todo iso en resposta a esixencias da UE e a súa Directiva sobre tratamento de augas residuais urbanas.              

En decembro de 2005, o Tribunal de Xustiza europeo impuxo ao Estado Español unha multa de 20 millóns de euros pola contaminación das augas da Ría de Vigo e ao reiterado incumprimento da Directiva comunitaria de augas residuais. O procedemento de infracción foi aberto por Bruxelas no ano 2000, mentres os responsables das diferentes administracións implicadas naquel momento, fixeron oídos xordos ás reclamacións dos inoportunos ecoloxistas. A sentenza firme implica que a multa se repetirá cada seis meses, e de forma indefinida, ata que non se resolva a situación.              

No caso da Ría de Vigo, para “solucionar” a situación eliminouse o Observatorio Medio-Ambiental, ferramenta composta por institucións e profesionais aos que fixeron calar disolvendo e facendo desaparecer tan importante medio de control sobre a contaminación da Ría de Vigo, pois as súas conclusións públicas daban argumentos á sensibilización e reacción social. Pola contra, nos orzamentos medraban as promesas en investimentos en depuración, investimentos que finalmente quedaron niso, promesas.              

No tema do saneamento, cómpre ter en conta o sector produtivo mariño que pode ver paralizada a totalidade a súa actividade por mor da contaminación, tal e como xa ocorreu parcialmente, ou temporalmente, en zonas determinadas como a Foz do Miñor, Ría do Barqueiro, O Burgo, Corcubión, etc., seguindo pechadas algunhas actualmente. Mais debe ser o principal interesado no bo estado da Ría e, nalgúns casos, comeza comprender esta necesidade, como manifestan moitas mulleres mariscadoras ou as confrarías integradas nas plataformas de defensa ambiental.              

O complexo aspecto dos residuos urbanos, e a polémica solución, ademais de ser un punto quente nas políticas ambientais debe pasar tamén por unha reeducación social, tanto da poboación no seu conxunto, en canto á xeración e xestión dos seus propios residuos, como a nivel técnico, arquitectónico ou da enxeñaría das depuradoras e das conducións.              
Adiar o problema é mirar para outro lado e deixar morrer o noso mar e a súa produtividade.