Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
03-08-2012

Preguntábame por que o Partido Popular estaba interesado en modificar a actual situación do sistema de prazos e respondía que para impedirlle á muller o libre exercicio da súa liberdade procreativa

Outra gallardonada máis

EDUARDO ÁLVAREZ


Na colaboración do pasado mes de marzo fixen referencia á proposta de modificación da lei de prazos do aborto daquela anunciada polo ministro Ruiz-Gallardón e afirmei que con ela o Partido Popular pretendía regresar aos tres supostos de despenalización do ano 1985 que, recordemos, deixan de tipificar como delito a interrupción voluntaria do embarazo nos casos de risco para a saúde física e psíquica da nai, de malformacións graves no feto e de violación. Dicía tamén que, á altura dos tempos actuais, a sociedade tiña suficientemente asumido que non se pode obrigar a muller xestante a continuar co embarazo, polo menos, durante os primeiros meses. Preguntábame logo por que o Partido Popular estaba interesado en modificar a actual situación do sistema de prazos e respondía que para impedirlle á muller o libre exercicio da súa liberdade procreativa. Mais tamén, engadía, por motivos de hipocrisía social e para tolerar durante máis anos a fraude e a violación da lei coa práctica do mesmo número de abortos, algúns deles realizados en períodos de avanzada xestación, situación impensábel en calquera dos países con sistemas de prazos.        

Mais, as recentes propostas do ministro Ruiz-Gallardón, que pretenden volver penalizar o denominado aborto euxenésico, retrotráennos non xa ao ano 2010, en que entrou en vigor a actual lei de saúde sexual e reprodutiva, na que se lle recoñece á muller o dereito ao aborto libre dentro das primeiras catorce semanas de xestación, senón ao ano 1985, en que se introduciu no Código Penal o artigo 417 bis que despenalizaba o aborto practicado nos tres casos taxados e cos preceptivos requisitos para a súa realización.        

A faciana progresista, dentro do Partido Popular, que caracterizaba a quen fora alcalde de Madrid mostrou a rancia ideoloxía que agochaba nada máis ocupar o mandato no ministerio de Xustiza, que se manifesta na batería de medidas tan controvertidas como a cadea perpetua revisábel en casos de ¿alarma social? a introdución de novas taxas para acceder á Xustiza, a celebración de matrimonios e divorcios perante notario previo pagamento do arancel correspondente, a concesión da nacionalidade por parte dos rexistradores da propiedade ou a modificación da lei do aborto, non só derrogando a liberdade de decisión da muller dentro do prazo das catorce semanas senón tamén volvendo penalizar o aborto nos casos de malformacións do feto.        

Os que xa temos certa idade, neste tema da reforma da lei do aborto parece que regresamos aos primeiros anos da década dos oitenta cando, en 1983, fronte á lei despenalizadora que se viña de aprobar nas Cortes, José María Ruiz Gallardón, pai do actual ministro de Xustiza, encabezou unha sonora campaña social e xurídica contra a mesma. El mesmo foi comisionado por 54 deputados do grupo Alianza Popular-Partido Demócrata Popular para a interposición do daquela existente recurso previo de inconstitucionalidade contra esa lei que se aprobara nas Cortes. A grandes trazos, argumentaban os recorrentes que o dereito á vida está garantido a todo o que vive e que entre as diferentes etapas da vida previa ao nacemento, e entre os nacidos e os non nacidos, non pode estabelecerse ningunha diferenza.        

Pois ben, o Tribunal Constitucional, en sentenza 53/1985, declara que a despenalización do aborto regulada no artigo 417 bis do Código penal non resulta inconstitucional e ofrece argumentos xurídicos que avalan os tres presupostos. En concreto, para a despenalización do aborto euxenésico o fundamento da constitucionalidade encóntrase, segundo esa sentenza, en que o recurso á sanción penal entrañaría a imposición dunha conduta que excede a que normalmente é esixíbel á nai e á familia. Vén afirmar o TC que o embarazo con graves malformacións no feto supón para a muller e para a familia unha situación límite, un estado de necesidade, en cuxo caso a ausencia de responsabilidade criminal xa se contemplaba na propia lexislación penal en vigor, e desde o ano 1995 no artigo 20.5 do Código Penal, para quen actúe para evitar un mal propio ou alleo lesionando un ben xurídico doutra persoa ou infrinxa un deber. Prosegue argumentando o TC que a prosecución do embarazo no caso do aborto euxenésico vese agravada para a nai e a familia pola insuficiencia de prestacións públicas que contribúan de modo significativo a paliar o aspecto asistencial da situación e a eliminar a inseguridade que, inevitabelmente, angustia os pais verbo da sorte do afectado pola grave tara nos caos de que o descendente os sobreviva.        

Estado de necesidade e insuficiencia das prestacións públicas para satisfacer as necesidades dos futuros discapacitados foron os argumentos do Tribunal Constitucional para convalidar a despenalización do aborto en casos de malformacións graves do feto no ano 1985. Señor Gallardón, ¿cre que na actualidade desapareceron esas causas? ¿Como conxuga a proposta da consideración como delito o aborto euxenésico co feito de que gobernos como os da Xunta de Galiza a día de hoxe adebeden 1,8 millóns de euros a trinta e sete asociacións que xestionan centros concertados de atención a discapacitados que xa se viron obrigados a que os seus empregados deixasen de cobrar as nóminas?